A miúdo confúndese a abundancia do luxo coa creatividade cando en realidade se trata dunha escolla consumista carente de creación. Non podemos deixarnos enganar por gaiolas de ouro. Repítese con frecuencia esa frase inatribuíble de que o artista é aquel que baila encadeado, porén esa cita non ten en conta as gaiolas de ouro, que son as cadeas da liberdade artística e non as áncoras para mirar o mundo con outros ollos como esa expresión filosófica pretende ilustrar.
O exceso (o luxo) non é arte porque, de feito, é o contrario. Axústase á cultura hexemónica que é o capitalismo e por tanto non transgride as normas sociais ou os canons de beleza. É unha farsa interpretada para aqueles que perderon o contacto coa esencia do ser humano e buscan na opulencia como cubrir un oco que levan no peito. Xustificalo con flores, enchelo de chocolate, anestesialo coa temperatura precisa para a estancia, aloumiñalo coa textura perfecta das sabas. Máis, máis e mellor. Nunca é suficiente para saciar o becho que todo o consume.
Tampouco a elegancia que responde a unhas regras preestablecidas pode ser arte, simplemente, porque non di nada. Máis ben oculta. Agocha a verdade do corpo espido que todos somos e poucos aceptan. Trátase dunha demarcación de territorio social para mostrar a xerarquía que nunca intenta descompoñer. Unha máscara que nos impide ver a autenticidade, aquilo que é o máis fermoso.
A beleza do detalle fóra de lugar, das liñas tortas, das engurras onde non deberían estar, pérdese entre os espellismos do luxo e da elegancia. Que fácil é pagar con diñeiro unha estética segura, un deseño que no seu aire arriscado nunca reta o status quo nin se enfronta ao perigo que supón non ser aceptado. Sinxelo é que outros dean a súa enerxía para escoller os trazos, os fíos, o papel; mentres o carto, os “carteirados”, deciden se iso é profesional ou amateur. Acaso o artista deixa algunha vez de ser amateur? Acaso o artista verdadeiro convértese algunha vez en profesional? A arte non responde a profesión ningunha, dá igual a como se paguen o papel, o fío, o trazo.
O luxo non é arte, nin a pode enxendrar. A arte reside na relación do humano co seu entorno, e o luxo é a manifestación do individualismo consumista, a forma máis exacerbada de alienación que existe na sociedade, pois estando aí e sendo tan agresiva, semella que a maioría é incapaz de vela progresando na latencia coma un virus famento.
A inspiración tampouco está no luxo. Non está nunha comida feita por un xefe de cociña profesional, nin en necesidades cubertas por pequenos seres máxicos que pululan sobre nós. Está nun xantar feito con amor e servido cunha conversa interesante. Está en recoller e dobrar con demora e delicadeza a roupa quente que secaba baixo o sol de verán. Buscar esa mácula imborrable que resiste os lavados, que te frustra pero que tamén che recorda que todos temos marcas que nos afean pero que non nos fan menos válidos.
A inspiración está na mensaxe que desexa ser emitida, na historia que precisa ser contada, no mutismo que se revela estrondoso cunha mirada. Non espera na paisaxe idílica. Aparece entre a sucidade do barro que foi esquecido e do que se constrúe o corpo humano. Xorde entre as herbas machacadas que gorecen insectos pegañentos. Un ruído de movemento entre o lixo de reciclaxe, crear tensión e logo alivio ao ver que se trata só da falta de equilibrio dun cartón de leite pouco esmagado. A perfección nunca foi signo de fermosura, pois adormece os sentidos, deshumaniza, convértenos en androides que non lle atopan significado ao cosmos senón que repiten o que anteriormente foi premiado; porque a perfección non acepta o fallo e sen os erros non se atopan novos camiños que nos fagan ver o mundo doutro xeito.
A perfección sempre foi o lenzo que con aleivosía se racha para atopar nel a fermosura pendurada dunha da súas fibras. O luxo ás veces busca ofrecer esa mesma sensación pero faino cun estudo previo daqueles detalles que no pasado foron considerados artísticos esquecendo que se trata da decisión aventurada e emocional de rachar o lenzo o que eleva a ese fío pendurante á categoría de arte. Se rachas coa tea e tiras do fío para que sobresaia só porque esperas vender o produto a bo prezo deixa de ser arte e convértese nunha compracencia do sistema consumista.
O luxo é pois antagonista da arte. Non falo de ter unhas necesidades básicas cubertas, falo de ter tanto que esquezas como escoitarte, de como escoitar aos que che falan tratando de comunicarse. O antagonismo diabólico que impregna ao luxo impregnou a sociedade e camuflouse transformando pouco a pouco a nosa cultura para convertela nunha especie de ecosistema que manteña a súa existencia, a existencia do exceso e da ideoloxía individualista facéndolle crer aos artistas incipientes que sen moito fasto non se pode crear.
A vida creouse da nada. A comunidade, da ausencia de relacións. A historia, do silencio. Pero sempre escoitándose a un mesmo e o seu arredor.
Deixa unha resposta