No artigo anterior desta serie de tres, desenvolvín o concepto de Intelixencia Artesanal como unha alternativa de aprendizaxe que temos dispoñible e que precisamos recuperar. Neste tratarei a idea de Coñecemento Operativo, a cal pode perfectamente ir da man da primeira.
Durante a charla-coloquio sobre “Aprendizaxe e Intelixencia Artificial”, Laura Pérez trouxo sobre a mesa o concepto de Coñecemento Operativo nun intento de verbalizar as competencias mínimas que precisa calquera profesional á hora de iniciarse na súa carreira laboral. Na súa experiencia como educadora de Formación Profesional atopouse coa repetición dun argumento: se temos toda a información á un clic de distancia, para que se precisa memorizar?
A premisa ten as súas capas. Por unha banda é certo que a necesidade de acumular datos na nosa mente para dispor deles en calquera momento non é a mesma que fai cincuenta anos pois comprobar o valor dunha constante ou a equivalencia de unha medida pódese facer facilmente botando a man ao peto. Incluso, xa non é necesario coñecer todos os pasos de un proceso xa que as receitas, sexan de cociña ou de outros saberes, acostuman a replicarse de maneira infinita no Internet.
Mais, como acostuma a ocorrer coa maioría das cousas complexas, nos detalles está o asunto. Se non asimilamos de forma segura ningún dato ou definición ficamos valeiros de coñecemento co que contrastar toda esa información da que dispoñemos. A cantidade é excesiva para calquera ser humano, pero para aquelas persoas que nunca aprenderon a navegar por mares de contas e desertos de texto, o reto é aínda maior.
O Coñecemento Operativo é unha base da que partir coa que sempre se pode contar como filtro, como fío principal para o tecido do noso pensamento crítico. Canto maior sexa ese Coñecemento Operativo mellor será o filtrado e menores as posibilidades de sermos enganados. Por suposto que todos podemos equivocarnos, e farémolo incontables veces pois é unha parte necesaria da aprendizaxe, pero considerando a proliferación de medios de comunicación propagandísticos e de movementos negacionistas, a capacidade de discernir entre o que é certo e o que non, nunca é suficiente.
Gústame a idea de establecer os requirimentos mínimos do Coñecemento Operativo porque permite valorar certos esforzos que moitos aprendices non acaban de comprender. Se non apreciamos o coñecemento integrado semella que podemos ser creadores empregando a última ferramenta tecnolóxica dispoñible. A realidade afástase moito delo, pois como moito podemos ser produtores, se cadra altamente produtivos, pero ao fin e ao cabo, unha simple engrenaxe. E aínda no mellor dos casos, no suposto de que a produtividade fose suficiente, atoparíamonos constantemente á mercé de outros, asumindo a responsabilidade de erros alleos transmitidos a través desas cómodas ferramentas e afrontando as súas consecuencias sen sequera comprender onde erramos.
O erro mostraríase evidente, pero a mostra estaría no pasado, nese momento no que desprezamos a necesidade dun Coñecemento Operativo.
Adquirilo
E como se adquire o Coñecemento Operativo? Lamentablemente non hai maneira elegante ou apetecible de facelo. A volta a métodos tradicionais de aprendizaxe é indispensable prescindindo na medida do posible da dixitalización da educación e tomándose tempo para pasar páxinas e sacarlle punta ao lapis.
Lembro unha historia que me contaba meu avó e me repetía moito cando comecei a empregar a calculadora no instituto. Meu avó, quen fora á escola o xustiño, principalmente de noite e no seu tempo libre, desenvolvera un gusto polas matemáticas que nunca deixou de cultivar. Conseguía facer contas de memoria a gran velocidade e atopaba xeito de resolver calquera problema diario relacionado cos números. Incluso, nos meus anos de educación primaria tiñamos como entretemento facermos multiplicacións de dúas cifras mentalmente e competíamos a ver quen a sacaba antes. Sempre me gañou el.
A finais dos anos 80, un tío meu, e fillo del, comezou os estudos de enxeñería informática facendo que se mercara daquela a primeira calculadora da casa. Podes imaxinar a curiosidade que isto lle xerou ao meu avó quen oíra falar daqueles aparatos pero nunca empregara un. Aínda coa ilusión de poder experimentar con el, o primeiro que fixo ao collelo foi facer unha serie de operacións as cales el resolvía mentalmente e así comprobaba a fiabilidade da tecnoloxía.
Se cadra semella ser o escepticismo dun ludita desconfiado, e en parte así era, porén esa comprobación que hoxe non nos parece necesaria no caso dunha calculadora, resulta moito máis relevante no caso da intelixencia artificial xenerativa. Falamos dunha tecnoloxía que non advirte da súa inseguridade e que non treme ao mentir xa que é incapaz de discernir entre as alucinacións que acertan e as alucinacións que fallan. Todo resultado que ofrece é pura casualidade pois falamos de modelos estadísticos que non comprenden a razón dos seus resultados, e nós como usuarios (e incluso os propios creadores da ferramenta), somos incapaces de acceder aos mecanismos que empregan.
Se meu avó non houbese asistido a clases nocturnas de matemáticas cando tiña 21 anos, probablemente non houbese desenvolto o coñecemento necesario para cuestionarse o funcionamento da nova calculadora do seu fillo. Por sorte, as calculadoras non veñen programadas cunha axenda particular que representa os intereses económicos e políticos de quen as vende, porén sabemos que esa non é a situación que vivimos agora.
Ignorancia Adaptativa?
Nun mundo no que todo o coñecemento está ao noso alcance precisamos botar man da ignorancia como guía. A ignorancia é unha cuestión que xera preocupación a todo o mundo, tamén á xuventude que emprega a intelixencia artificial para facer as súas tarefas. De feito, considero que a maioría do estudantado emprega calquera método ao seu alcance co fin de reducir o erro, esa manifestación de ignorancia que ten moi mala fama. A vagancia non o é todo, non se trata só de aforrar tempo de traballo, no exercicio dunha educación que prima o un sistema de recompensa-castigo, o alumnado procura evitar este último a toda costa.
Se o que avaliamos son os resultados, é normal que a xuventude se centre só neles. O proceso de aprendizaxe, especialmente se é a un ritmo diferente ao demandado nun preciso momento, non está a ser a prioridade da educación polo que os pupilos e pupilas non teñen razón ningunha como para dedicarlle tempo e esforzo. Pola contra, se ofrecen bos resultados, aínda sendo acadados coa trampa ou coa axuda dunha ferramenta novedosa, reciben a recompensa prometida.
Foi escribindo este artigo que se me pasou pola cabeza a idea da Ignorancia Adaptativa. Non estou moi conforme co termo, aínda preciso darlle unha pensada, se cadra algunha persoa lectora me axuda. A Ignorancia Adaptativa sería, é, na miña cabeza, esa ignorancia da que somos conscientes e que nos asiste durante o proceso de aprendizaxe. É esa lagoa de coñecemento que se presenta ante nós e que nos mostra unha necesidade particular de aprendizaxe. É a pregunta que xorde cando menos o esperamos e fica irritante tras da orella. É a explicación que non temos para unha premisa que asumimos como verdade pero para a cal non podemos ofrecer xustificación lóxica. Todo é ignorancia, falta de coñecemento, un abismo na aprendizaxe que ameaza a supervivencia e autonomía do ser humano que a sostén. Porén, ao mesmo tempo, é o compás co que podemos navegar polo inmenso océano de información que nos afoga.
Precisamos valorar as preguntas que evidencian a ignorancia como unha mostra de aprendizaxe e non como un fallo nos resultados esixidos. Poida que non precisemos preocuparnos tanto por se o estudantado emprega modelos de linguaxe se o que medimos é a participación na súa propia educación. Por suposto, isto é un reto para calquera persoa educadora da formación regrada xa que se ve inmersa nun sistema que non favorece esta perspectiva. A única alternativa que lle queda é a rebelión: tomar iniciativa e ir en contra do que a administración pide co fin de non renderse ela mesma nin ceder o alumnado á máquina capitalista a cal pretende facer do corpo xuvenil, un apéndice máis co que producir, inhabilitando a mente que non só reside nel, senón que pertence a el e o conforma.
No artigo anterior mencionei a coherencia. Agora poño sobre a mesa o dereito á rebelión. Todos temos dereito a tomar acción cando se produce unha inxustiza, cando se nos está violentando aínda se non se fai por métodos físicos. Do mesmo xeito que a coherencia carrexa dificultades e esixe esforzo, a rebelión demanda coraxe e acompáñase de riscos. Convértese daquela nunha decisión persoal posto que as consecuencias tamén o serán, mais ninguén pode negar a necesidade dun cambio de paradigma que lle permita ao ser humano desenvolverse en plenitude. As xaulas de ouro non son máis que barras metálicas que constriñen o noso crecemento e nos impiden axudarlle a outros a medrar. Brillan con fermosura, pero son exactamente igual de asfixiantes que as de ferro. A ironía é que sigamos a debater se merece a pena ou non liberarse delas.














