Cada vez custa máis loitar contra as inxustizas. A principal razón é a mala información que se nos está a dar nos medios de comunicación. Xa tedes escoitado abondo sobre as recentes manipulacións de Elon Musk na súa rede (coa consecuente migración de usuarios), ou os trucos que Zuckerberg aplica en todas as súas e que semella ignoramos por comodidade.
Non creo que Bluesky vaia solucionar o problema, penso que está a enganar a todos os seus novos usuarios con falsas promesas de liberdade que non poderá manter a longo prazo, xa que non hai empresas que se manteñan sen cobrarlle ao usuario ou sen facer del un produto. Cando o queiran ver, daquela os usuarios xa estarán acomodados e novamente sentirán a preguiza de cambiarse de rede polo que asumirán as condicións que se lles dean. Non é novo, isto xa ocorreu con outros moitos negocios que prometen e non dan ou que prometen, dan e logo quitan. Asumen as perdas ata que xa non hai competidores e logo cobran con recargo. Bluesky está a asumir perdas para recoller os usuarios perdidos que abandonan X, mais nun tempo os seus inversores demandarán beneficios, os cales, dun xeito ou outro virán dos seus usuarios. A miña única dúbida é se cobrarán polo servizo como fixo Signal no seu momento ou se ofrecerán servizo “gratuíto” como fai Whatsapp (de Zuckerberg) co fin de aproveitar os nosos datos e atención como materia prima.
Marcho das redes sociais rexentadas por grandes capitais e aséntome en amarinha.gal con toda confianza. Esta instancia de Mastodon dáme unhas condicións coas que estou de acordo, e sobre todo, no caso de desexar abandonala por unha nova, o proceso migratorio entre instancias de Mastodon non me obrigará a sacrificar as miñas amizades, os meus intereses ou a miña liberdade dixital. Poida que precise decidir que temáticas me interesan, que tipo de persoas me apetece seguir ou que contido é máis adecuado para a miña saúde mental, porén son esas características as que fan que o esforzo dea froitos duradeiros no tempo, ao contrario desa flexibilidade falsa que acostuman a ofrecer as grandes empresas de redes sociais.
E para aqueles preocupados pola difusión da miña obra ou das actividades que fago, podedes descansar. Tras avaliar diferentes mecanismos de comunicación cheguei á conclusión de que tanto en Instagram como en Facebook preciso inverter moitísimo tempo para conseguir o mesmo impacto que ten un carteliño no centro médico. En verdade, cada vez que subo un post a estas redes, estou a traballar para eles de balde e a consumir o seu produto. Despois de cinco anos de usuaria destas dúas plataformas, o boca a boca segue a ser mellor estratexia publicitaria.
Se desexades apoiarme podedes recomendar a miña web luciaferro.es onde aparecerán os meus posts e interaccións no Mastodon, asi como toda a informacion necesaria para que a vosa librería de confianza poida pedir algún dos meus exemplares.
Anímovos a que vos fagades cargo da vosa propia información e das vías de comunicación nas que vos informades. Podedes acompañarme en amarinha.gal ou podedes anotarvos en calquera outra instancia de Mastodon. Podedes ata crear a vosa propia instancia familiar se desexades manter unha absoluta privacidade. O que fagades, facédeo para ser libres e non para seguir a corrente por simple vagancia.
Podedes acudir ao meu próximo evento en Foz (Biblioteca Municipal – 19h) para falarmos e desfrutar dun recital.
Máis información aquí: https://extension.uned.es/actividad/idactividad/41207
Deixa unha resposta