Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.395 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Desequilibrio


Desequilibrio

Dende hai tempo, estamos a vivir unha ‘volta a España’ desequilibrada. O deporte vese sobrepasado polos intereses económicos e de prestixio asociados. A cousa ven xestándose de lonxe, mais se o pasado ano unha pedra meteuse no mecanismo a conta dun equipo que militaba de pro israelí, este ano coido que a volta debera chamarse algo así como ‘Volta ó Mediterráneo occidental”. Coas tres primeiras etapas coa paisaxe francesa como fondo, e aínda unha máis reducida ó pequeno territorio de Andorra, continúa logo saltando entre etapas de xeito que o lugar máis próximo a Finisterre polo que pasa está a uns 800 km por estrada dese final do camiño. Quizás teña que ver con que foron as etapas norteñas do ano pasado as que deixaron a impronta dunha volta pro israelí, forzando mesmo a un cambio de nome nas camisetas dos ciclistas do equipo que levaba a Israel no seu nome (porque tamén está no corazón do seu propietario e de alí parece que non saíu), e este ano próximo se queira afastar esa pantasma… E é que hai cousas que nin a lei mordaza, promulgada por un partido de dereitas e prorrogada sine die por un partido que dicía ser de esquerdas, dá parado.

Entre as etapas da volta á fin do verán e hoxe, sabemos que España, Irlanda e outros países non irán a ese concurso que se vía con gran audiencia no século pasado, Eurovisión. A razón, o ente supranacional, chiringuito ó uso que leva a organización, decidiu optar por Israel. E é que a máis dos cartos regados para mercar opinións e vontades, a influencia sionista ten brazos longos, e o goberno israelí hai anos que ten aberto o que chama ‘oitava fronte’: a batalla pola verdade. Non, non é que o diga eu, nin moito menos, senón alguén chamado Benjamin Netanyahu.

Pero a vida segue. Segue a duras penas en Gaza, e ó grande nunha axuda estadounidense para a ‘defensa’ israelí (coido que sería máis propio dicir ‘para o ataque’, pero descoñezo o por que de que o termo usado en xeral sexa ese) que só no ano 2024 ascendeu a uns 130 € por contribuínte norteamericano, e a uns 4000 € por contribuínte israelí -dubido que en xeral uns e outros teñan botado as contas correspondentes-. Un país, por certo, Israel, que ten unha renda per cápita superior nun 50 % á española, e só un 30 % inferior á norteamericana. Un país, Israel, do que xente ó tanto di que non podería sobrevivir sen o apoio dos EEUU, ó tempo que tamén di que lle fai un certo traballo sucio ó imperio en declive.

E mentres se mantén un desequilibrio neste tema entre verdade, evidencia e apoio a Israel, vese en diversas partes do mundo, particularmente no chamado occidente e en concreto do noso pequeno mundo europeo, un xurdir repetitivo dunha enfermidade contaxiosa inoculada a base de cartos en grandes doses nos medios e gobernos por grupos de presión, lobbys e adiñeirados sionistas: a gripe israelí. Manifestacións: suba de temperatura cando se cita o xenocidio, toses fortes por riba de calquera cousa que poña en cuestión a actuación de Israel, cara de placidez ou desentendemento cando aparecen imaxes de destrución en Gaza…

Reaccións do Fediverso
, ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *