Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Pasando sobre dalgunha medida de fase


   Corto e pego abaixo o que remato de ver no Facebook do alcalde de Ribadeo (non está aínda nas novas da web do concello), e deixo antes algún apunte que tomei días pasados. Non para ir contra do goberno, que penso que non o está facendo tan mal dentro das posibilidades que ten a tódolos niveis, senón sinxelamente porque hai cousas que non entendo. Déixoas sen máis axustes posteriores:

   – Causa sorpresa que non se poda facer deporte en bici noutros concellos viciños, polas estradas ou polo monte, pero si se poda ir a un bar. Non sei se a iso se lle chama potenciar a economía. Pode ser ‘merma selectiva de liberdade’? Apoio dun sistema económico determinado? (non ‘sector’!). Á hora de propagación e contaxio, cal é peor?

   – Sigo: que non se poda ir de Ribadeo á Veiga mercar aquelo que só atopo alí e
non aquí, pero que poda ir ata Quiroga, a case 200 km a tomar un café. A vertebración territorial ten que coincidir coa provincia ou coa zona sanitaria?

   – Podo ir tomar café a calquera hora, pero non a pasear. Ten a economía monetaria privilexios fronte ó benestar e saúde particular e social?

   – Evidentemente, non hai forza pública abonda para vixiar de xeito rigoroso tódalas medidas. De aí que, segundo teño entendido, a aplicación das multas foi progresiva, subindo de contía de xeito efectivo pasados uns días. Por iso, ten sentido unha medida como a petición de cita para tódalas praias de Galicia? Cantas entradas ten a praia de Reinante?

   – Entre a necesidade de facer cambios frecuentes de consellos e normativas para adaptarse o mellor posible á actualidade da pandemia, mesmo antes de que se comprendan as medidas en vigor nun momento dado; a diversidade do territorio, de Remourelle á madrileña Chamberí; a casuística de necesidades de servizos (e polo tanto de traballos) que implica que alguén poda viaxar sen trabas para traballar, pero teña que quedarse encerrado entre catro paredes fora desas horas; a importancia relativa diferente que cada un asignamos a cousas diferentes (hai quen prefire ‘arriscarse a morrer’ antes que … ); os intereses sectoriais facendo presión, etc, as medidas non van a ser nunca a gusto de todos. Por iso hai que tentar melloralas. Melloralas, non destruir cun ‘quítate daí, que me poño eu’.

   E agora, o texto do alcalde, co documento e unha fermosa foto da ponte dos Santos

Informando. Solicitude ao goberno en relación ás restricións de mobilidade derivadas da problemática de saúde pública ocasionada polo COVID-19 para os veciños do Occidente asturiano en relación con Ribadeo.



Ribadeo é unha vila que vive principalmente do sector terciario e é significativo o número de veciños e veciñas dos concellos próximos pertencentes tanto á Mariña Luguesa como en igual medida ao Occidente Asturiano, que se desprazaban a diario ata o noso municipio.



Temos que destacar que por sorte, dentro da gravidade desta situación, tanto a Provincia de Lugo como a Comunidade Autónoma Uniprovincial de Asturias non foron dos territorios estatais máis afectados polo COVID-19, atopándose ambos lugares dentro da mesma Fase 1 de desescalada, polo tanto cunha situación moi semellante a día de hoxe.



Solicitámoslle onte ao goberno do estado que, dentro da actuais restricións de movemento vixentes por mor do estado de alarma declarado en base á problemática de saúde pública ocasionada polo COVID-19, se permita o acceso ao municipio de Ribadeo á poboación do Occidente Asturiano que acuda a facer uso do comercio local como medida necesaria para a reactivación económica do Concello de Ribadeo.



Agardamos pois, que tomen de inmediato en consideración os argumentos que lles trasladamos, sabendo que ao propoñelos, estámolo a facer coa cabeza e co corazón, e co compromiso a partes iguais de protección contra a pandemia que sufrimos e de reactivación ponderada da nosa economía local e comarcal.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *