Onte non quedei a gusto co resultado do post “Historia e coñecemento de Ribadeo“. Por iso, hoxe presento de xeito rápido un pequeno paseo de escasos oitocentos metros e algúns dos moitos comentarios que se poden facer del, coñecemento de Ribadeo e a súa historia, mesmo obviando a maior parte de observacións máis coñecidas. Comezo na entrada do antigo faro de obras públicas e remato no paseo Alfonso Rodríguez Castelao, sobre o porto de Mirasol. Dez minutos que, a paso distendido, mirando, pode converterse en abondo máis.
Collido de Google Maps |
O primeiro é o mesmo punto de saída. O faro de Obras Públicas ten unha historia, pero pódese aproveitar para desfrutar do pequeno parque á beira, ver un cantil polo que todo o ano cae auga, ou, de cara ós máis pequenos, facer unha chamada sobre o detalle dunha árbore: as canas novas despois dunha poda poden asombrar a nada que se compare con como estaba a árbore hai tan só uns meses.
Ollando cara á estrada do faro |
Non entramos no faro, pero o edificio dunha forma estraña para ser unha casa, hexagonal, chama sempre a atención, máis tendo á outra beira da estrada a casa de Calvo Sotelo, ese señor que foi, por exemplo, presidente do goberno, e que forma parte da historia de España. Pero a formación en estratos que deixou ó descuberto a construción da estrada , cos vericuetos das liñas, os diferentes materiais e potencia de cada estrato, ou sinxelamente o constatar en que lugares medra a vexetación, é unha escola aberta de como está constituído o chan da zona, a máis de bonito.
A hedra contrasta co muro, pode que o máis alto de Ribadeo, que, ó tempo, contrasta sobre os estratos baixos.
A descoidada vexetación do pequeno muro ofrece mostras alternativas de follas e plantas, se non se quere mirar xusto á espalda da foto, ás vistas da ría, porto deportivo, ponte dos Santos…
As escaleiras sempre son chamativas nunha rúa dun pobo, pero despois de baixalas atopámonos o banco das mentiras, hoxe bordeado tanto por un mural adicado ca Calvo Sotelo como polo omnipresente cantil da zona, e, un pouco máis aló, o espazo antano reservado ós mariñeiros case desaparecidos hoxe, e culminado no alto por un hotel, antes lugar de aprendizaxe sobre o mar, que tamén forma parte da historia de Ribadeo. Hoxe o ‘banco das mentiras’ é tamén un lugar de ambiente nun local próximo.
O contraste da vista ofrece vellas edificacións como a aduana, mostra da puxanza de Ribadeo no comercio noutras épocas e hoxe en venda en internet pretendendo un destino hostaleiro, ou o baluarte da atalaia, cos seus canóns e capela, orixe e destino da arraigada procesión mariñeira, xunto con outras cousas nas que fixarse: o contraste do novo ascensor e a súa propia historia, a construción do paseo marítimo arramblando coas pequenas praias e mesmo coa capacidade do vello porto, os restos deste ou mesmo, o desagüe que segue a existir alí, por non falar do medrar dunha figueira sobre as pedras.
Da outra beira, a ría, ó noso nivel. O antigo espolón do peirao e a súa reconversión de pesqueiro en turístico coa madeira sobre as vellas pedras. Por certo, extraídas de lugares ben visibles cara á saída da ría. A ponte dos Santos cambia a perspectiva que ofrecía dende o miradoiro diante da casa de Calvo Sotelo.
O derrube do cantil da atalaia pode dar pé a comentarios diversos, explicando asemade o muro-empalada que ten diante.
E seguimos co protagonismo do cantil co último corremento de terras, contrastando coa vexetación e deixando a parte superior en voladizo e as casas da parte superior, nun precario equilibrio.
Observar a vexetación pon contrastes ó descuberto…
E o recheo de hai un cuarto de século non estivo sempre aí, claro. Nin as grúas de Gondán, nin o remoce da vella casona das Figueiras… por non falar do tesón de quita e pon coa marea.
Os restos da flota ribadense -Hermanos Naverret, na foto- son doados de observar, lembrando outras flotas máis numerosas, a pesca por parellas de barcos, ou, sinxelamente que se fixo o peirao e se deixou morrer a flota.
Os contrastes da vexetación son máis patentes na primavera:
Un entrante que non era senón praia. O resto da casa que din do bispo, hoxe parque. Só medio século atrás, a vista era abondo diferente. Hoxe, as árbores plantada por nenos da gardería xa se fixeron maiores, e os nenos, tamén.
Os muros tamén florecen.
Unha placa nova: Sargadelos e Castelao, dúas historias diferentes sobre a ría. E unha historia de quita e pon de placas aínda recente, se se quere contar.
O peirao de Mirasol, con patrulleira de aduanas ancorada, sen poder saír (como quen diría, ‘esa é outra historia’), a nova embarcación de Gondán para a Guardia Civil, a pequena lancha grande para o porto, pois é a do práctico, a que se move para que os barcos entren e saian. O fondo da ría. O parador, con toda a sua historia, evocando de Franco para acó, salmóns incluídos. E a mercadoría para ser embarcada dende os nosos montes, constituíndo parte dun enclave económico.
… Algo así como ‘Ribadeo, moito que ver, desfrutar e saber’.
Máis? Son só oitocentos metros e tanto en número de fotos como en comentarios ou ligazóns, podería ter sido moito máis longo.
Algunha ligazón:
Mirasol.
http://ribadeando.blogspot.com.es/2008/05/ribadeo-e-sa-nave-no-porto-de-mirasol.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/10/paseando-polo-porto-de-mirasol-sobre.html
http://ribadeo-historia.blogspot.com.es/2008/04/dog-da-primeira-nova-sobre-nave-do.html