Ir á misa laica

Grupo de persoas manifestándose nas escaleiras e soportais do concello de Ribadeo, un edificio de pedra ocre coas portas azuis. Hai pancartas de non a guerra e bandeiras de palestina.

En Ribadeo, dende hai uns tres anos, cada domingo celébrase unha concentración en contra das guerras. Uns días con máis xente, outros con menos. Entre amigos chamámoslle a misa laica porque se trata dunha reunión comunal na que se lle presta culto aos valores e principios que consideramos dignos de conservar. Ponse especial fincapé en Palestina pero lémbranse outras moitas terras que sofren o abuso e a tiranía de crueis dirixentes e empresarios sen escrúpulos. Cada domingo, todos, sen falta. Ás 12.30 ante a Casa do Concello, enfronte ao parque e a uns douscentos metros da igrexa parroquial.

Hai un grupiño de organizadores que se fai cargo para que non se omita ningunha semana, para que non exista a posibilidade de que Palestina esvare cara ao esquecemento. Estas persoas gastan diñeiro, tempo e esforzo en pancartas, bandeiras, altofalantes e materiais varios cos que darlle visibilidade ao momento. Trátase de media hora que preparan con dedicación na que expoñen argumentos de paz e rememoran o sufrimento daqueles aos que non se lles permite nin defenderse. Son un exemplo para as persoas que se inmobilizan ante tanta dor, son a mostra de como sempre se pode transformar a frustración en acción, nunha acción non violenta que debido á súa perseveranza e sensatez, está chea de sentido. Renderse non é unha opción.

Non sei o que pasa polas cabezas dos que asistimos á misa laica. A ninguén lle parece ben o trato que está a recibir o pobo palestino, ou cubano, ou o libanés ou calquera cidadán que habite un territorio en guerra ou se atope en pleno xenocidio. Mais non sei a que causas lle atribúen outros a estas guerras e xenocidios, se consideran que se trata de maldade humana ou de estratexia económica, se pensan que o culpable é o sistema ou se pola contra esperan acada un momento de paz sen cambiar o demais.

Tampouco sei como de cerca senten o perigo, se o que experimentan é a compaixón do ollo alleo que observa o sufrimento humano na distancia ou se ven así mesmos reflectidos como as seguintes vítimas dunha metodoloxía que non coñece a saciedade. Pregúntome quen está alí para redimir a súa conciencia ou para achegar o seu gran de area, quen pensa a diario na desaparición de paz e amor, e quen se lembra ao ver as noticias.

Non é moi relevante como chegamos alí, o importante é aparecer e volver tantas veces como nos sexa posible.


Un dos últimos domingos compartín un poema. Unha noite de entre semana notei o peito incómodo, sabía que era ansiedade pero non era capaz de identificar o que me estaba a incomodar. Cando me pasa isto escribo, e cando o barullo interno é moi grande, escribo en verso. Ao comezar a escribir non sabía sobre que o estaba a facer. Deixei que a tinta cubrise o papel e esperei ata que a mensaxe se revelase soa. Resultou emerxer das emocións que o coñecemento dos xenocidios xera en min.

Compartino, egoistamente, un domingo, pois sentín a necesidade de pronunciarme, de dicir algo do mellor xeito que sei facelo. De non ficar calada. E de procurar quen me escoitasen. Palestina somos todos. Somos vítimas esperando a ocupar o seu lugar, expectantes ante o fin do xenocidio, tratando de imaxinar un bo final e negando a posibilidade de que a devastación avance. Palestina foi o comezo e nós non podemos esperar. Xa están aquí. Fannos mirar como masacran pobos e nacións para que aceptemos voluntariamente o control frívolo da tecnoloxía e a burocracia, para que nos conformemos cunha falsa democracia que pouco a pouco se transforma en feudalismo. Sometémonos aos asasinos do pobo palestino porque somos testemuñas do que son capaces de facer, e como crianzas indefensas, cremos que non hai alternativa.

A ironía, e se cadra a esperanza, está en Palestina. Unha nación de crianzas indefensas que nos demostra que si se pode resistir ante a falta de valores e principios, ante a avaricia e o individualismo. A sociedade occidental precisa madurar, afrontar a responsabilidade que ten ante a situación que está a permitir, e como mínimo, ha de pronunciarse, especialmente mentres esa é unha posibilidade pois pode chegar o día no que non se nos permita nin respirar. A cada intre, ese día está máis preto.

Para que non leve o vento as palabras, deixo o poema escrito neste blog, coa promesa de que non sexa o último escrito no que me pronuncie. Todos temos a nosa forma de expresarnos, de contribuír á loita. Tecer unha bandeira, debuxar un mural, recitar consignas, organizar á xente, prestar o corpo e facelo presente. Todo vale, todo axuda. Todo, menos a inacción.


O poema

Imaxinade que sodes unha gaivota e sobrevoades a franxa de Gaza observando con atención o que alí pasa.

Palabras brancas debuxadas

na area dunha longa praia.

A ouca e as penas, as cunchas,

todas abandonadas.

Non se oe o chío dos paxaros

rexouban as ondas entre as rochas,

as estelas da luz da lúa

reflíctense na auga e na escuma.

Todo ocorre a gran velocidade.

non é natural,

algo lle ocorre á realidade.

Presos do tempo non atopamos freo

e mentres, absorbemos todos os velenos.

Son focos, son ruídos,

non é a calor morna do sol,

nin do vento, se escoita o asubío.

Onde foi parar a vida,

nestes camiños de po frío?

Palabras manchadas emborranchadas

sobre o peito de cativos:

famentos nunca coñeceron

nin amor, nin paz,

dende o mar ata o río.

Dende o río ata o mar, Palestina vencerá.


Subscríbete á miña lista de correo!

Recibe un resumo mensual dos meus artigos e contido exclusivo no teu correo electrónico!



Fediverse reactions

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *