As Catedrais está de moda. Non só pola afluencia de visitantes, senón dende un tempo a esta parte, pola realización dun plan que, visto o visto, pódese chamar malamente de conservación. O plan, da Xunta, foi presentado como anteproxecto para facilitar alegacións. con anterioridade, o concello pedía unha nova figura e a limitación de visitas. A foto do alcalde retirando pedras-recordo dun saínte ‘adornado’ con elas parecía grave xa antes da primeira versión. Pero dende aquela, sucedeuse o plan da Xunta, o rexeitamento e alegacións, o replan, rexeitamento e alegacións e dotación de cartos do concello para un plan propio…
Dende fóra, sentimos as novas e comezamos a marearnos. Tentábase nun principio de comezar a limitación de visitas, por iso de que facía dano. E de darlle a maior protección, por iso da mellor conservación. Ambas eran cousas pedidas dende o concello. Logo a cousa foi variando, non de nome no sentido de pedir un parque natural, senón de contido, no sentido de pedir unha ampliación do número de visitas, e agora, liberdade restrinxida: que entren cantos queiran, pero con vixiancia, e así poderase limitar a gusto, de xeito inmediato e imperativo, sen consideración para cos visitantes que se atrae, o número de visitantes a determinadas zonas. A petición vai no sentido da de ACISA, que pedía días atrás segundo a prensa que as entradas ás Catedrais se deran en Ribadeo, algo ‘irrenunciable’ gtamén dende o concello. Ó fin, todo hai que aproveitalo, e mellor que Mahoma veña ós negocios que que os negocios vaian a Mahoma…
A nota do concello de onte, en cursiva, con algún comentario polo medio, sen cursiva:
O REXEDOR DI QUE É PRECISO FACER AS COUSAS “CON SENTIDIÑO”
A palabra sentidiño soa ben, pero tamén parece unha adaptación do sentido a unha minoría de idade tutelada por que apela a un sentido diminuído.
Alegacións ao plan para As Catedrais
10/03/2015
O Concello envioulle á Xunta as alegacións que
presenta ao plan de conservación do monumento natural da praia das
Catedrais. Nas mesmas pídese que se suspenda a proposta do
establecemento dunha cota de acceso ao areal, e que como alternativa se
habilite a presenza dun posto de control, que impida a entrada a
determinadas zonas se a capacidade de carga se atopa ao máximo
permitido, tal e como acontece no Teide. O Concello, segundo deu a
coñecer o alcalde, Fernando Suárez, esta mañá solicita que se inicie o
estudo de viabilidade para declarar ese espazo coma parque natural e que
se fomente a participación e implicación dos axentes económicos e
sociais no deseño das medidas que complementen o plan de conservación, e
facelos protagonistas na súa transmisión e execución.
O do Parque Natural non é novo, e podería non ser mala idea. Pero aumentar a protección e facilitar o acceso parecen contraditorios. Haxa ou non sistemas semellantes noutros lugares. Apuntar a que a participación dos ‘axentes económicos e sociais’ parece non abranguer ó pobo, á xente, alomenos tanto polas facilidades da Xunta como polas do concello. Outra cousa son os empresarios., considerados como axentes, como sector económico e de xeito evidente como forza social, a tenor do parágrafo seguinte.
O rexedor dixo que “finalmente, dentro do prazo legal establecido e
despois de que desde o Concello con técnicos municipais e con outros
sectores sociais importantes e relevantes de Ribadeo analizásemos as
valoracións que facer a este documento, presentamos as nosas alegacións,
que van na liña do que vimos mantendo dende hai varios meses, cando
iniciamos o procedemento de suxestións, no que non se nos tivo
practicamente en conta. Foi algo que lles reprochamos aos responsables
autonómicos e esperamos que agora se valoren as nosas propostas. Nós
ofrecemos desde logo coma sempre a absoluta e leal colaboración para a
conservación deste espazo natural. Pero queremos apuntar que, segundo o
que indican eles neste plan de conservación do monumento natural,
entendemos que se deben revisar e valorar mellor as consecuencias na
economía local e no turismo de facer estas medidas tan restritivas, que
non poden ser establecidas de inmediato”.
Que prima pois? A conservación ou a exprimición? Conservar si mentres implique aproveitar a curto prazo? Ou é que, visto que algúns arcos non parece que vaian aguantar nin ata mediados de século, hai que sacarlles o máximo proveito conservando as apariencias para non espantar mentres os ‘ovos de ouro’ da galiña, os visitantes do cantil?
Para Fernando Suárez
“cando un quere impoñer medidas drásticas, de súpeto, sen experiencia
previa, entendemos que deben ser a posteriori. Primeiro débense
implementar progresivamente e deben ser acompañadas doutras medidas:
promover máis transporte público, reducir a circulación de vehículos
particulares, promover transporte alternativo e, en todo caso, estudar
que se vai facer con eses inxentes fluxos de visitantes, que o plan da
Xunta non di que facer con eles. Polo tanto pedimos suspender a proposta
de restrición de accesos ata desenvolver unha proposta que permita
saber que facer con todo ese fluxo turístico”.
Verbas sabias, que contrastan coa petición de ‘medidas xa’ que se facía hai menos dun ano. E coa realidade dalgunhas medidas tomadas polo concello, como o aumento das prazas de aparcamento nun prado dende hai un par de anos, cun camiño á beira da estrada para chegar ata a baixada. En canto ó de que facer con ese fluxo turístico, coido que é algo subliminal: traelo a Ribadeo e que gaste aquí. Porque diso parece que se trate, levar da man o fluxo ata depositalo en Ribadeo. E si, pero como ‘tamén’, non como condicionante previo, que parece ser a intención.
O alcalde
ribadense segue a manifestar que “no canto de facer estas limitacións
telemáticas o que propoñemos é que provisionalmente, mentres todo isto
non se leve adiante, no lugar de impoñer un sistema de restricións de
acceso telemático sexa substituído por un sistema de control e
regulación na propia praia, como acontece a día de hoxe en espazos
protexidos do Parque Nacional do Teide, por exemplo, onde en
determinados momentos impídese o acceso a algunhas zonas se a capacidade
de carga das mesmas se atopa ao máximo permitido, obrigando a agardar
aos visitantes ata que non abandonen outros”.
O Concello segue
avogando “porque se teña en conta a nosa proposta, que non é política
senón absolutamente técnica, de considerar a figura do parque natural en
todo o litoral de Ribadeo para diversificar a oferta turística.
(Aquí non había un punto e aparte. Pero coido importante sinalar que o motivo da petición do Parque Natural para toda a costa de Ribadeo non é a conservación, senón a diversificación da oferta turística.)
E
ademais o que queremos é, como non, implicar aos axentes económicos. Non
debe esquecer ninguén que As Catedrais sempre estiveron en Ribadeo.
Levamos anos sós ante o perigo, por dicilo dunha maneira gráfica, e
todos estes inxentes fluxos de turistas, que veñen e que queremos que
sigan vindo, queremos que se xestionen dende aquí, porque para iso temos
hoteis, restaurantes e unha chea de cousas que ofrecerlles. Queremos
que todo o turismo das Catedrais pivote desde Ribadeo”. Suárez Barcia
engade que “non lle queremos negar nada a ninguén, pero todo o mundo
debe entender que os hostaleiros, a xente que paga os seus impostos de
Ribadeo, que con todo iso estamos mantendo toda esta xestión impoñente
que significa As Catedrais ao longo do ano, é lexítimo pensar que eses
posibles beneficios de toda esa xente deban pivotar tamén desde Ribadeo.
Estamos traballando man a man cos comerciantes, cos industriais, cos
autónomos e todos debemos facer que As Catedrais sexa unha riqueza
medioambiental e paisaxística que temos que conservar, pero non debemos
espantar a toda esta xente que vén”.
Todo para a economía. O resto, en función. Para a economía de hoteis, restaurantes… o que lembra aquelo de ‘o que é bo para a General Motors e bo para América’, substituíble General Motors por United Fruit Company ou calquera outra, pois ‘América’ sería a xente que posee esas empresas. Traballando man a man con ACISA, comerciantes, industriais e autónomos. Non con máis xente. Non é algo curto?
O alcalde pensa que “é
necesario ir traballando e facendo as cousas con sentidiño e con xeito; e
confiamos en que a Xunta e o Concello, ademais das outras
administracións, poidamos buscar un acordo. Penso que será unha ledicia
para todo o país, para toda a comarca e, como non, desde logo para
Ribadeo”.
Vale, xa o temos claro. Se é bo para algunha xente encadrada en ACISA, será bo para todos en desparramamento sucesivo desa bondade de bens. Ó fin, non é o que din os ultraliberais, que se os de arriba ganan, algunha miguiña caerá?
Fernando Suárez lembra que “paralelamente o O Concello
licitou hai uns días a redacción do plan especial de protección da praia
das Catedrais, previsto no PXOM. A este fin destinamos 40.000 euros de
fondos propios. As bases do concurso seguen en exposición pública para
que todos aqueles profesionais da materia poidan participar no mesmo e
despois un tribunal composto por xente cualificada, do Concello e de
fóra do Concello, pois tamén indicamos que queremos técnicos da
Deputación e da Xunta de Galicia nos comités de valoración das ofertas,
escolla a mellor de todo o Estado ou de ámbito internacional, se cabe”.
Xa está claro que non nos vale o plan. Hai que gastar cartos noutro.