Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.583 entradas
48 seguidoras

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Uns tesóns ameazados pola ría


Imaxe do visor Sixpac sobre a ría de Ribadeo

Na ría de Ribadeo, os tesóns son esas estruturas areosas, bancos de area, que contribúen a realzar a beleza da ría ó quedar ó descuberto ou quedar mergullados e ocultos segundo o momento en que se atope o ciclo de marea. Son máis antigos que as máis antigas crónicas que falan da ría. Ó fin, é un produto seu debido á propia dinámica da auga, ó arrastre das mareas, determinado xeoloxicamente por factores como o afundimento ou levantamento do chan. Algo totalmente natural.

Dende que os humanos comezamos a configurar a Terra ó noso gusto do momento, moitas veces disfrazado de necesidade perentoria real ou creada, a ría ten sufrido moreas de cambios. Poden observarse moi ben coas modernas tecnoloxías, cunha foto de satélite, ou, de xeito máis contundente, achegándonos á beira da ría e e, coa nosa máquina de pensar, distinguindo os lugares nos que ten habido actuación humana. Así se verá que a maior ocupación de territorio comunitario no entorno é(son) o(s) porto(s) de Ribadeo, instalacións que ó longo do tempo teñen desprazado a beira mariña na que se moven as correntes en algún punto ata uns douscentos (200) m o que era auga adentro. A unha instalación séguelle outra, e outra… e a unha beira, a outra, de xeito que a ría achícase, como medio nos podemos imaxinar cando dende o miradoiro de Santa Cruz non vemos descontinuidade de casas entre Ribadeo e a beira asturiana. A cada invasión, a area segue a estar aí e segue a meterse, aínda que algo desviada cara unha beira ou a outra porque a terra botada no mar fai que as correntes se desvíen.

Unha vez apropiada a ría pola xente, chámese ría de Ribadeo ou como algúns pretenden poñerlle, ría ‘del Eo’, prima o carácter utilitarista, como se a ría fose só un recurso (e por suposto, só para algúns). E chégase a que o que se opón ó uso -o uso que se pretenda pola persoa ou grupo correspondente con intereses no tema- é unha ameaza. E así apareceu xa de hai tempo a ‘ameaza dos tesóns’. Que veñen os tesóns! Poderíase dicir concretando un medo a unha invasión, neste caso, de area. Dunha area que se acumula onde lle deixan, literalmente: que se bota a orela un pouco cara Asturias? Pois o tesón correspondente aló vai, ‘onde lle mandan’. Que poñen un obstáculo que dificulta o movemento da auga na ría? Pois a area deposítase en maior cantidade…

Dende hai tempo é típico ‘despexar’ a ría de area aquí e aló para facilitar actividades diversas, dragando. O caso é que os dragados non fan máis que incrementarse con cada nova agresión á ría, que á colmatación natural vai sumando a derivada das accións humanas, o que ‘aumenta a ameaza’ dos tesóns. Tesóns que si, vense sometidos a unha dobre ameaza pola (actuación humana sobre a) ría: por unha banda, o seu engorde e enlamado ó debilitar o arrastre da area e lama, e por outra, a súa destrución polos dragados. O que era unha marabilla natural pasa a ser un estorbo a non considerar. Ou mesmo, desprezar.

Fediverse reactions
,

3 respostas a “Uns tesóns ameazados pola ría”

  1. @ribadeando Faltouche incidir na importancia ecosistémica. Os tesóns non son unicamente área, tamén son moluscos, algas e outros seres vivos que teñen dereito a estar alí pero que ademais son clave no benestar da industria da ostra.

    • Faltáronme moitas cousas, Lucía. Moitas. Non tiña intención (falta de espazo, falta de tempo, falta de difusión…) de facer máis que inducir a razoar incluíndo o corazón. Pouco Máis. Lagoas, moitas. Moitos lugares a encher… como pretenden facer coa ría? Non!

  2. Grazas pola difusión da problemática. A falta dun PORNA e ausencia de estudos pormenorizados (modelos 3d, numéricos,…) sobre o estado actual e dinámica da ría en función das distintas obras feitas e por facer, da unha imaxe clara das políticas de Xunta e Principado.
    O plan marisqueiro, coas mesas de cultivo de ostras, ALÓCTONAS, por moito que colonicen non se “naturalizan”, non vexo a ningún apicultor dicindo que ante o aumento de Velutina que ésta se naturalice por iso, polo mero feito dun criterio económico que só beneficia nin a 10 persoas. Habería que pasarse polos tratados de acuicultura no norte de España no S. XIX de Mariano de la Paz Graells, onde relata dos abundantes bancos naturais de ostra plana, AUTÓCTONA (Por moito que nalgún artigo nos xornais de Asturias a chamen sesgadamente “la ostra gallega”). Seguramente desaparecidos por múltiples causas dende os agroquímicos verquidos a ambos lados, inexistencia de interaccions humanas ancestrais en positivo [ o marisqueo responsable de subsistencia,o emprego das xunqueiras para cama do gando (hai quén en Santalla ainda conserva dereitos escriturados de aproveitamento dos xuncos), as obras en ámbalas márxenes, o sobre explotamento dos recursos, deterioro dos ríos que desaugan na ría(secados artificiais de distintos torrentes, pseudo canalizaciones, etc)].
    Por todo isto e máis cousas debemos esixir Unha protección da ría efectiva, que tal vez chegue tarde pero sería peor non inténtalo.
    MURO NO!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *