Sabido é que para as nosas administracións o respecto pola natureza e o coidado da contorna nunca foi unha prioridade. Sofremos dunha inconsciencia xeralizada sobre as repercusións da contaminación (química, radiativa, sonora) na nosa saúde, tanto coma sobre os efectos das nosas accións sobre os sistemas e procesos naturais. Enganámonos cunha errada percepción de bo estado xeral do noso verde medio e sofremos unha tamén exaxerada autopercepción de necesidade, que nos leva a sacrificar unha e outra vez calidade ambiental poir uns euros máis que nunca abondan.
É o caso da praia das Augas Santas -rebautizado coma As Catedrais-, ese recuncho da Rochela de gran beleza, esa experiencia case mística cando a camiñas en soidade ó amencer, cando a inauguras trala primeira baixamar, hoxe transformada en bandeira -negra- do turismo de masas para obtermos dese enorme sacrificio a nada máis absoluta.
Unha cala remota pasou nunha década a recibir autobuses de xaponeses, a verse ocupado por un restaurante “fóra de planeamento”, a destruir secuencialmente vexetación protexida ó seu redor con aparcadoiros informais, a contar con fosas sépticas que perdían, saturadas de meixos de turistas, xusto por riba do areal. O pisoteo da vexetación protexida, a destrución dos solos vulnerables, a alteración da paisaxe, unha contorna chea de lixo e, en definitiva, esa multitude permanente de cazadores de fotos na que nos temos convertido, supuxo a desaparición daquela mística experiencia a cambio de nulas melloras da calidade de vida das ribadenses.
Tan rápida degradación da nova estrela da oferta turística galega forzou o recoñocemento do Monumento Natural, e cando algunhas limos no artigo 2 do Decreto 11/2005 aquilo de “Se prohibe en todo el ámbito del monumento natural: i) La construcción de edificaciones permanentes de cualquier tipo.” E despois no artigo 4 “La Consellería de Medio Ambiente instará la suspensión de toda actividad que no disponga de autorización preceptiva, no se ajuste a las condiciones de ésta o incumpla las prescripciones del presente decreto” quixemos entender que a xoia era aínda recuperable.
Porén, dende aquela tivo aínda que pasar outra década para que se concretara un Plan de Conservación dese espazo protexido no ano 2015. Un tempo no que a cousa non fixo senon ir a máis, xa que nunca o Concello e a Xunta deixaron de empregar o espazo presuntamente protexido como reclamo turístico. Mais, coma adoita pasar, tras 10 anos a montaña pariu un rato.
O Plan facía unha boa descrición da situación e dos problemas de masificación e falta de manexo, mais á hora de tomar decisións, non ía moito máis aló de propoñer estudos e seguementos. De feito -nunha insólita “trampa no solitario”- estableceu por cantidade máxima de visitantes no areal as 2800 persoas que o estudo calculaba que collían na praia, e de propina as outras 2000 que estimaba para os paseos, o aparcadoiro e o restaurante enriba do cantil. Todo ilo para chegar preto do máximo que xa viña entrando na praia antes daquela limitación.
E aquí estamos 21 anos despois da súa protección inicial sen trazas de mellora, senón aínda peor. Celebrando a don Leopoldo, responsable primeiro, cecais sen prevelo, da “destrución por promoción” dunha das súas máis belas lembranzas de mocidade. E como mellor que convocando no noso máis ateigado “espazo desprotexido” -xa vítima de maratóns e festas varias- a apocalipse dun eclipse multitudinario (onde mellor!) con pantallas xigantes e concertos multitudinarios para encher de focos, megafonía atronadora, toneladas de lixo e ben de fume tan axeitados para un espazo natural protexido, co visto bo de todas as responsables.
Cambian os gobernantres pero segue vixente a enfermiza, triste e estéril obsesión por monetizar o noso patrimonio. Nalgún momento haberá que frear e mirar atrás, lembrar do goce quedo e silente, deixarse estremecer polo son da ondaxe, o voar das aves, a paisaxe máxica dos cantís parcheados de verde, a inmensidade e bravura do mar. E comprender, finalmente, que o tesouro é ese- E daquela, que cómpre deixar de buscalo polo camiño que leva só á súa destrución.
