Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.554 posts
42 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

É isto un incendio?


É isto un incendio?

Unha publicación de Civio en Mastodon.social déixao claro: segundo as súas investigacións, en 55 anos, entre 1968 e 2023, houbo máis de medio millón de incendios forestais en España. En concreto, 641 751, é dicir, dous por cada habitante da provincia de Lugo. Incendios que queimaron un total de 8 179 103 hectáreas, 81 791 km2, ou sexa, unha extensión equivalente a unhas tres veces a superficie de Galicia.

É curioso que, cando isto escribo, Civio sexa ‘só’ unha pequena organización independente que di traballar para que o público sexa público, en transparencia, con información, a través do periodismo, a incidencia e a tecnoloxía. Mentres, hai institucións que teñen ocultos ou que non contan datos de incendios mesmo do pasado ano nunha especie de ‘aquí non pasa nada porque somos moi bos e facemos que non pase nada’. Aínda así, labor de investigación de organizacións semellantes (o caso dos incendios é só un entre outros) leva a pensar na necesidade de apoialas, xa que están mantidas con doacións precisamente para manterse independentes.

Voltando ós incendios, se o ano pasado algún lume en Galicia dicíase que era o que calcinara máis extensión na historia de España, este ano xa se viu superado por outro no centro da península. Outro que cando escribo isto segue a medrar, lonxe de estar extinto, despois de queimar o equivalente a unha cuarta parte da Mariña de Lugo. Mariña que tería sido queimada enteira polos incendios que leva habido en España dende comezos de ano, co resultado de ter consumido 2100 km2. Facendo contas, pódese dicir que a superficie anual queimada estase máis que a duplicar en relación coa media mantida dende hai medio século, o que implica que ó ano os incendios queiman hoxe abondo máis do dobre que hai dez lustros.

Deixando os números aparte, os medios técnicos dos que se dispón agora son netamente superiores ós de hai cincuenta anos, aínda que a falta de inversión ou gasto corrente de mantemento dalgunha administración sexa suicida, como se viu nos incendios do ano pasado en Galicia ou deste ano en Madrid, e a máis se siga recorrendo a alugueiro de medios privados. Sen ser esa a única causa de que os lumes vaian a máis, por suposto: a emerxencia climática exacerba non só vagas de altas temperaturas, senón tamén a seca, mentres o despoboamento rural e remprazo de xente que cuida a terra por outra que só vive nela, coa conseguinte variación do uso e coidado da superficie, por suposto que ten tamén influencia demostrada.

Lumes accidentais (moitos) ou causados de xeito voluntario (sempre houbo tolos incendiarios e interesados, e non só en política), o mellor xeito de apagalos é antes de que se produzan. A prevención é unha materia pendente, fundamental, de toda a sociedade. Tanto das administracións como da xente común. Hai que meter cartos, e tamén disposición. En canto ás administracións, a crítica, as mobilizacións e os votos son medidas para tentar que fagan a súa labor. En canto ás persoas, onde hai que matricularse para aprobar esa materia pendente?

Fediverse reactions
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *