A ría de Ribadeo ten tráfico, e normas. Abondo tráfico, poucas sinais e menos cumprimentos dalgunha das normas. Hai tempo que, máis aló dagunha dificultade na saída de algún buque cargado, que corresponde a outro nivel, ou dalgunha barca que queda no tesón baixando a marea, é un perigo adentrarse nas calmas augas. Moto acuáticas, inchables remorcados ou esquís para os que miran as xentes que van na motora de arrastre, saltan as normas de velocidade e de precaución, sen consecuencias legais a pesar dos vídeos accesibles na rede, e con perigos evidentes. Perigos que fan que hoxe sexa imposible ver alguén que se atreva a cruzar a nado non xa a ría, senón ó tesón dende os bloques, e mesmo sexa perigoso tripular unha canoa con nenos, coa case certeza de que será abaneada polas ondas producidas por embarcacións a máis velocidade da permitida.
Polo momento, non houbo que lamentar accidentes mortais, pero un accidente menor aínda me foi relatado esta mesma tarde. Tentarei relatalo á miña vez de xeito resumido pero fiel.
Tres motos acuáticas entran dende o Cantábrico a toda pastilla e diríxense a Castropol. Pouco despois, unha delas enfoca cara ás Figueiras e fai unha manobra que deixa ó mariñeiro na auga, sen salvavidas, mentras a moto segue recorrendo a toda pastilla a boca da enseada da Lieira. En liña recta, remata contra as rochas ó sur das Figueiras, mentres o ‘home á auga’ é recollido por unha barca próxima despois de agarrarse a unha boia. A moto quedou destrozada, partida en dous. Velocidade manda.
As fotos que me pasaron amosan un anaco de moto sendo remolcada por outra nas proximidades de Rapalacois, entre un barco fondeado e a escolleira, e manchas de aceite resultante do accidente flotando na zona de Punta Penalba.
En baixo quedan croquis e fotos:



