Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.540 posts
42 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Politiza!


Politiza!


Despois de ter escoitado e lido nos medios, moitas veces, acusacións de ‘politizar’ algo, ou peticións de ‘non politizar’, e tras algunha lectura repousada, como dalgunha pasaxe de ‘El futuro de la democracia’, pasei ó dicionario para ver como tiña a definicion de ‘politizar’. Tanto no dicionario da RAG no que atinxe ó galego, como no DLE en relación co castelán, a definición refírese a ‘política’, sen máis, e nesta, as acepcións que mellor lle cadran en ambos casos son as relacionadas co xeito de dirixir unha comunidade, de levar un asunto ou os conxuntos de asuntos públicos. Resumindo -é dicir, en liñas xerais- quen pide que non se politice algo o que está a pedir é que o asunto que sexa -o ‘algo’- quede fóra da consideración pública, fóra do campo de visión e actuación da comunidade, como ‘tema que non debe tratarse en publico’ ou semellante. Co resultado moitas veces ineludible de que se se fai así, quede a decisión correspondente sobre ese ‘algo’, sobre o asunto, invisible para a xente ‘do pobo’, para a comunidade en xeral, recaíndo a toma de decisións en mans privadas (poden ser mans privadas de persoas con cargo público), con intereses claros -declarados ou non-, etc, ó tempo que se reduce a esfera pública de influencia, a influencia da comunidade e cada un dos seus membros.

Un inciso: o anterior é cousa ben diferente de, no momento do suceso dunha traxedia, pedir un tempo de dó, ou de instar a unha acción conxunta e dirixida por alguén para solucionar algo de xeito urxente, por poñer dúas situacións que puidera parecer que contradín o que se di no parágrafo anterior. Porque si, hai veces que é necesario un receso para asimilar unha situación de dor colectivo, ou un apurar o tempo para arrimar todos o ombro e así mellorar as posibilidades de solucionar algo, mesmo aínda que se considere que a solución -urxente- que se esté a dar non é a adecuada, que debera ser outra. A discusión pode ser proveitosa e normalmente o é ó considerar diversos puntos de vista e por tanto permitir unha base de coñecemento máis ampla para aproveitala na decisión, pero hai veces que non hai literalmente tempo para facela, situacións nas que se se dilatara o tempo de decisión o problema empeoraría de xeito irremediable. Pero sempre son excepcións, a non ser que se provoquen urxencias com arma para afastar a participación cidadá.

Así que, politiza, si, se non queres deixar de contar nas decisións que tamén deberan ser túas por ser de todos. E ten conta que ninguén dixo que vivir en democracia non custara traballo. De feito, en principio, pode custar menos traballo que outros tomen as decisións por un, pero dese xeito non é só que sufras ti as consecuencias, senón que perdes o control de ti mesmo ó perder a posibilidade de colaborar na construción da sociedade.

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *