Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.538 posts
42 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Bandeira negra para illa Pancha


Bandeira negra para illa Pancha (e van 3)

Hai uns días foi publicado o informe de Bandeiras Negras de Ecoloxistas en Acción correspondente a 2026. Dito informe sempre é motivo de reflexión, e sobre todo se sinala algún punto próximo a nós, como é o caso. Así que, sinxelamente iso: reflexión e acción (que inclúe a difusión, como é o caso desta entrada).

A máis deste informe correspondente á illa (que deixo en baixo e jpg e texto pano), tamén podes acceder ós anteriores informes de Bandeira Negra para a illa.

Texto para copiar se se desexa:

Lugo
Bandeira negra por contaminación
A degradación ambiental da illa Pancha polo desleixo das administracións públicas

Resumo:
O da Illa Pancha é un caso de privatización dun ben público pertencente a un espazo protexido, outorgándolle un uso non contemplado na normativa destes espazos sen a preceptiva xustificación do interese xeral, sen contar con informes sectoriais obrigatorios e sorteando o procedemento regrado con falacias e opacidade.
No seu último escrito do 13 de xuño de 2024 o Defensor notifica que a Consellería de Medio Ambiente «manifiesta aceptar la Recomendación formulada, referida al cumplimiento del apartado cuarto del artículo 46 de la Ley 42/2007, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad», e comprométese a adoptar «las medidas precisas para el cumplimiento de la Resolución en las próximas certificaciones que emita sobre los posibles efectos de un proyecto sobre los espacios de la Red Natura 2000 de Galicia.».
Como pode observarse, a Consellería recoñece que non se está a cumprir a legalidade, pero elude comprometerse a corrixir a situación neste caso concreto. Pola súa parte a Administración Portuaria e o Concello derivan a responsabilidade ambiental na Consellería, mentres evitan esixir o cumprimento dos trámites preceptivos nos seus respectivos procedementos de outorgamento de concesións e licencias.

Antecedentes:
A illa Pancha constitúe o peche noroccidental da Ría de Ribadeo, estando como tal afectada polas seguintes figuras de protección: Zona Especial de Conservación «Río Eo», ZEC ES1120002, Humidal Protexido “Ría de Ribadeo”, Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) “Río Eo” e “Ribadeo”, Zona Húmida de Importancia Internacional (Convenio Ramsar) «Ría do Eo» e Zona de Especial Protección das Aves, ZEPA ES0000085. Tras décadas pechada ó acceso público, o 25 de abril de 2015 o diario El País informa da concesión da vivenda do fareiro para a súa reforma como apartamentos turísticos. Un mes despois o Consello de Ministros autoriza o uso hostaleiro do faro, dando conta dun informe favorable do Alcalde de Ribadeo e descoñecido pola veciñanza. O 30 de xuño do mesmo ano 2015 a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aproba a concesión, por vía directa, da reforma interior do edificio-vivenda do faro para su aluguer turístico.
Porén, na solicitude de licencia municipal preséntase un proxecto que inclúe unha cafetería con terraza a maiores dos apartamentos. O 12 de xullo de 2016 o Concello de Ribadeo concede a licencia dos apartamentos mais denega a da cafetería en base ós informes da Xunta (Medio Ambiente, Patrimonio e Paisaxe). Esa negativa inicial trócase en aceptación a día de hoxe mediante licencias que nada indican do alumeado nocturno dun espazo protexido ou do impacto das visitantes nos solos vulnerables da rasa costeira.
A obriga de realizar unha avaliación de impacto ambiental para realizar unha actividade económica allea ás tradicionais en zona de Rede Natura segue a ser incumprida pola promotora, e consentida polas tres administracións con competencias no asunto. A irregularidade da situación foi ratificada por todos os informes do Defensor del Pueblo, dende 2017 -oito referidos ó proxecto de apartamentos no edificio do vello faro, e dous ó proxecto de cafetería- ate hoxe, esixindo ás administracións que se cumpra a legalidade, recibindo nada máis silencios longos e respostas ambiguas. O único avance observado nestes anos -grazas á acción do colectivo Por Nuestro Faro- foi a eliminación do control
do acceso á totalidade da Illa polo titular da concesión. Porén, este acceso non foi acompañado polo necesario mantemento, o que ten dado lugar ao seu deterioro polo nulo control e mantemento.
Motivo:
A adxudicación no ano 2015 sen concurso público da concesión de aproveitamento dun espazo natural protexido emblemático do Concello de Ribadeo como é a Illa Pancha, para o aproveitamento económico por Eirobra SL, sen tan sequera realizar o preceptivo estudo de impacto ambiental foi xa denunciado e sinalado cunha Bandeira Negra no ano 2022.

No ano 2025 cumpríuse o prazo de 10 anos que permite a prórroga da mesma por outros 5 anos e concedeuse a mesma malia manterse a situación de irregularidade da concesión orixinal, polo que se lle outorgou o ano pasado unha nova Bandeira Negra. Un ano despois os medios comunicación publican denuncias polo seu estado de conservación deficiente, derivado do uso intensivo dun espazo natural sen ningunha consideración nin traballo cara á súa conservación por ningunha das administracións involucradas.

Solucións ou propostas de mellora:
As medidas que se propoñen son:
✔ Cumprimento polas administracións responsables (Autoridade Portuaria, Consellería de Medio Ambiente e Concello de Ribadeo) do seu deber de facilitar ao público a información de relevancia ambiental.
✔Posta en marcha dun protocolo de vixianza e control ambiental da illa Pancha,
incluíndo un programa de mantemento co obxecto de preservar os elementos máis vulnerables (solos, vexetación, fauna protexida…).
✔Cumprimento da legalidade: Revisión do expediente completo de concesión,
realización dos estudos preceptivos e reavaliación dos seus efectos previa a renovación da concesión.

    Fediverse reactions
    ,

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *