
Só é un 30%
Si, só é un 30% -ben, un pouquiño máis-, o número de prazas de aloxamento temporal en Ribadeo en relación ó número de habitantes censados. E é casualidade que sexa tamén dun 30% -ou un pouquiño máis- o aumento de prezos de cousas como alugar un piso para vivir ou tomar un café -neste caso, un pouquiño menos do 30 %), en relación con outros puntos próximos como Vilalba, de poboación semellante na vila pero maior no concello, e con moi diferente presión hostaleira (moito menor, sexa hoteis, aloxamentos turísticos ou VUT).
Tamén é maior (aínda que neste caso non teño datos que poñer en porcentaxes) o despoboamento e/ou substitución inducido que están a sufrir estes últimos anos zonas concretas de Ribadeo mentres os veciños que van quedando -e inmigrantes que veñen a traballar- van vendo como as maletas rodantes tiradas por caras descoñecidas van periodicamente ocupando o lugar dos antigos veciños, ou desaparecen comercios que estaban dirixidos á veciñanza e son substituídos por outros enfocados á xente de paso. A quen non lle sona iso de ‘que sería de nós sen os asturianos’, sentenza vella que agora tende a ampliarse/verse substituída por un xenérico ‘madrileños’ ou ‘turistas’? Un fenómeno este de cambio do tecido urbano ó que se lle chama xentrificación, por ter certa semellanza á centrifugación dunha lavadora: o bombo comeza a dar voltas e non é que ‘expulse’ a auga fóra, senón que ó xirar máis e máis rápido a auga non pode agarrarse a ningures para continuar xirando, co que remata fóra do bombo. É dicir, parello ó que pasa ca xentrificación, na que a xente non é que sexa literalmente expulsada fóra, senón que se lle quitan as posibilidades de poder e querer aguantar no centro do pobo, rematando ‘fora de xogo’. A diferencia? En troques de gotas de auga, trátase de persoas as que están nun mecanismo mareante que as está a ignorar mentres as súas casas se ven acosadas por ruídos e xente allea -’alien’, verba que soa nas películas-, os seus cartos non poden competir cos foráneos por un lugar onde vivir, e mesmo a veciñanza vai perdendo conexión, entre si e co entorno máis próximo (entre si, pola xente que se vai e co entorno, pola colonización allea de prazas e rúas) e rematan situándose lonxe das que eran as súas casas e o seu contorno. Un mecanismo sobre o que, de xeito parello ás gotas na centrifugación, non teñen moito control e en xeral só poden tentar paliar as súas consecuencias, diminuíndo a súa calidade de vida e/ou véndose na necesidade de emigrar a outras contornas.
En canto ó ruído, ía poñer que o 30 % quédase curto, moi curto. Pero atópome algo máis clarificador: unha nova que apunta que en Madrid están a clausurarse concertos por sobrepasar os 80 dB (80 deciBelios). En Ribadeo é cousa de calquera fin de semana nunha estreita rúa céntrica ou dunha morea de actividades a todo volume preto das casas, e non se clausura nada. Máis ben, aumentan as actividades de altos decibelios. Por non facer, nin se fan medidas oficiais, pedidas de xeito reiterado.
Mentres hai lugares que mesmo barallan a exclusión do Patrimonio na UNESCO por masificación turística, o turismo sen plan, a especulación e a degradación veciñal consecuente están relacionados en Ribadeo e noutros lugares. Como enfermidade que pouco a pouco vai comendo o tecido social, o proceso vese alimentado mentres tanto porque a modo de inchazón que se produce nalgún tipo de cancro e parece unha capa graxa, preséntase cunha aparencia saudable mentres está podrecendo pouco a pouco a sociedade. Sociedade que, mentres, comeza a decatarse do proceso, comenta e vai creando as relacións e as estruturas para combater o que o concello parece non ver.
