O Servizo de Portos do Principado de Asturias promove un proxecto de escollera para a ampliación do Porto Deportivo de As Figueiras, actualmente en período de exposición pública. O proxecto contempla a construción dun muro ou escollera de 185 metros de longo e 8 metros de altura, situado fronte ao porto actual, que sería parcialmente derrubado. Antes da obra prevese o dragado de 34 672 m³ de materiais sedimentarios para aumentar lixeiramente o calado. O investimento inicial estimado ascende a 3,6 millóns de euros, e o prazo de execución dependerá da resolución do expediente e doutros trámites pendentes.
O colectivo BIO Eo, con sede en As Figueiras, presentou un documento de alegacións no que sinala diversas carencias administrativas do procedemento e múltiples efectos negativos do proxecto, tanto na contorna inmediata como no conxunto da ría. As dúas asociacións asinantes, en coordinación con BIO Eo, remitiron un documento con 16 alegacións propias, que se suman ás 16 de BIO Eo, facendo un total de 32 alegacións. O texto incide especialmente nos inconvenientes para a navegabilidade da ría, nos efectos prexudiciais sobre o Porto Comercial de Ribadeo, nas importantes deficiencias de información ao Concello de Ribadeo e á Xunta de Galicia, nos impactos derivados do vertido dos dragados e noutras cuestións de relevancia ambiental e administrativa. O documento completo está dispoñible no blog “Ribadeando”.
Cómpre lembrar que o Principado de Asturias mantén desde hai máis de vinte anos un proxecto estratéxico de reforma de pequenos portos para convertelos en portos deportivos, amparado nun discurso de desenvolvemento turístico que, segundo as entidades alegantes, ofrece servizos de escasa transcendencia económica cun gasto desproporcionado. Consideran que este modelo responde máis a dinámicas clientelares que a programas participativos de aproveitamento dos recursos naturais e autóctonos.
Neste proxecto —como noutros anteriores— resulta especialmente rechamante o escaso peso que se concede aos impactos sobre a ría: os cultivos de ostras, a sedimentación, e a desaparición de especies tradicionalmente abundantes como berberechos, longueiróns, ourizos, polbo ou nécoras. Segundo o Estudo de Impacto Ambiental financiado polo Servizo de Portos de Asturias, estas especies ou ben non existen ou non se verán afectadas polas obras, unha afirmación que as entidades consideran inverosímil. Tamén a riqueza arqueolóxica da ría queda practicamente ignorada no proxecto, como se fose un elemento irrelevante.
Ademais, lembran que a ría conta con múltiples figuras de protección —ZEPA, Convenio RAMSAR, Rede Natura 2000, Reserva da Biosfera, entre outras— que, na práctica, quedan reducidas a simples declaracións sen eficacia real na protección ambiental.
As dúas asociacións recorrentes subliñan que son plenamente conscientes da delicada realidade social das comunidades que rodean a ría e da conflictividade que poden xerar certos oportunismos se se adoptan posicións belixerantes. Porén, consideran que a defensa ponderada e realista dos dereitos das partes implicadas é lexítima e necesaria, sempre dentro das normativas vixentes e dos principios ético-sociais. Coherentemente, remitiron unha copia das alegacións ao alcalde de Ribadeo, coa proposta de que as traslade á Xunta de Galicia e sexan asumidas tamén polo propio Concello.

