Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.470 posts
38 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Camiño do encanto


Camiño do encanto

Vai camiño dunha década que polo rural de Ribadeo apareceron unha serie de carteis indicadores, moitos, todos cun rótulo: ‘Camiño do encanto’. Opino que tódalas aldeas galegas, non só as de Ribadeo ou Vilalba, teñen algunha ‘pequena cousa’ que ofrecer á vista, cousas para desfrutar. Son en xeral pequenas, sen ambición de competir con grandes monumentos ou lugares potenciados para turismo, pero aí están, brindándonos a súa existencia para o noso desfrute. Aquelas sinais, froito dunha petición á Xunta por parte do Concello, o que lograron foi o encantamento da confusión, chamándose a un camiño sen unha ruta establecida (tempo despois aclarada ao menos en parte), e a un encantamento de non se sabía nin que nin onde, pois nun cruce podían coincidir varias indicacións iguais sinalando direccións e sentidos diferentes. É evidente que se tratou dunha descoordinación da que descoñezo os detalles, mais para min ten outro significado, resultado da confusión, que é o evitar centrármonos nas cousas que se querían resaltar, que non eran todas as posibles, senón algunhas recollidas con algún criterio. Algo así como pasar de lugar con encanto a lugar encantado/enmeigado, o que o fai perder o engado que podería ter o encanto.
O caso é que Ribadeo -sigo con Ribadeo porque é o lugar do ‘Camiño do encanto’, pero como exemplo máis ou menos replicable noutras partes de Galicia- ten hoxe por hoxe algúns lugares icónicos, da praia das Catedrais á Illa Pancha, pasando pola Torre dos Moreno, ós que alguén lle podería engadir o miradoiro de Santa Cruz. Deixando a unha beira que se puideran elixir outros como máis significativos, os lugares citados, urbanos e do rural, non colman nin moito menos as posibilidades. No urbano, fican literalmente esquecidos a capela do convento de Santa Clara (xa que o convento en si non é visitable) ou a aínda recente Ruta das Pedras da Memoria, entre ganchos máis anunciados ou de máis doada descuberta como as casas indianas ou a Atalaia. No rural, a parroquia de A Devesa agocha a praia dos Castros, que pouco lle en que mirar á das Catedrais, pero tamén o val de Noceda, espazo de calma e agarimo á vista, ou o Pozo Mouro, no que as augas do rego de Lexoso alborozan o espírito antes de xuntarse con outras nun río maior. O modesto pero agradable adro da igrexa de Cubelas non só dá acubillo de por si, senón que tamén ofrece á vista o val que forma naquelas alturas o xa río Grande. Río que, no seu paso por varias parroquias, ten lugares de encanto como a ponte das Anzas (tamén Cubelas), ou a zona de marisma entre Ove e Santalla, dúas parroquias con outros puntos ‘de encanto’. Seguindo coas parroquias do interior, Arante non só é o barrio da Ponte, coa capela de Virxe das Virtudes e a celebración anual da cerimonia dos pendóns, senón que dispón dunha árbore como o remarcable Teixo da igrexa, ou do Castro da Aira da Croa, un dos recollidos no libro de José María Rodríguez DíazOs Castros de Ribadeo’ a carón dos enumerados noutras parroquias, ou o Marco da Pena Verde, onde tempos antergos veñen a poñer os límites municipais de hoxe, segundo nos indicou Emilio Piñeiroa. Falando de árbores, se nos imos a Vilaframil, os Alciprestes do Centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias están recollidos no catálogo de árbores senlleiras de Galicia, pero tamén as instalacións que os albergan teñen non só ‘encanto’ ó pé do Corno senón tamén historia propia.
Quedan aínda unhas cantas parroquias por repasar, e cousas por dicir das xa citadas -a ter en conta que, por exemplo, non se falou ata aquí da ría de Ribadeo, Rinlo ou da agreste fronte costeira sen praias relevantes pero con atraíntes cantís-, e co dito xa podemos ter dúbidas de se a confusión do ‘camiño do encanto’ non foi un ‘encanto de confusión’ para que teñamos que ir pouco a pouco descubrindo lugares que a nosa terra e os nosos devanceiros moldearon, á nosa/súa medida, evitando un empacho que puidera facer que os minusvaloráramos.
Por outra banda, é posible que a xente que mellor poda apreciar eses espazos non sexa a que máis consuma, obxectivo ese, o consumo, do desenvolvemento turístico adorador da pela…

Reaccións do Fediverso
, ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *