Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.374 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha crónica dun novo libro infantil, ‘Pomba, a que non era’


Deixo en baixo nota de prensa, con fotos e ligazón a gravación do acto, que rematou cun convite no mesmo cine-teatro.

Nota de prensa de Lucía Ferro

Sobre o acto de presentación de “Pomba, a que non era”

O pasado domingo 23 realizouse o acto de presentación do proxecto “Pomba, a que non era”. Presentado por J. M. Ventoso Picos, produtor da obra. Asistiron case sesenta persoas tanto adultos como nenos. Ao final do evento repartíronse unhas postais con arte do libro e ofreceuse café e biscoitos para continuar coa conversa. O vídeo completo poderá verse na páxina de Goteo onde continúa a campaña de financiamento da obra (gl.goteo.org/project/pomba-a-que-non-era). Grazas en parte á resposta dos asistentes, a campaña xa acadou o 25% dos obxectivos de financiamento.

O acto comezou por explicar o método de financiamento colectiva que se está a usar para poder sacar o proxecto adiante, que pola súa novidade confundiu a parte dos seguidores das artistas. Logo, deuse paso a Lucía Ferro e Andrea Lombardía, que xunto co mantedor do acto, tiveron un diálogo sobre os temas tratados e como afectan ás vidas persoais das autoras. Logo disto, Lucía recitou os versos que compoñen o libro para tratar de evocar nos asistentes unhas sensacións semellantes ás que poderán experimentar unha vez lean a obra finalizada, acompañada á guitarra polo presentador.

A parte central do evento consistiu en Andrea e Lucía entrevistando a dúas psicólogas locais, Silvia Arias e Iria Díaz Ainse. Durante a charla, indagouse nos efectos traumáticos do bullying e outras problemáticas dende o seu comezo, os síntomas que se poden identificar en xente nova, como tratar de minimizar as súas consecuencias ou como lidar con elas no caso de que acontecesen. As intervencións foron amenas mais trataron a temática de xeito rigoroso e en profundidade. Ambas psicólogas fixeron referencia á historia e debuxos do libro en numerosas ocasións como un bo exemplo para iniciar unha discusión sá sobre os traumas coa infancia.

A última parte do acto foi unha continuación da charla entre J. Manuel, Lucía e Andrea, onde estas últimas explicaron o proceso de desenvolvemento da obra, dende a primeira aproximación entre elas a todas as súas influenzas, marcadas pola súa crianza na mariña lucense. Recalcouse durante este período a necesidade de obras como esta, non só no noso idioma senón tamén influenciadas polo noso entorno máis próximo, algo moi difícil de atopar en obras xa existentes.

Os participantes no evento recalcan o agradecidos que están polas achegas do público, e decláranse optimistas de chegar ao mínimo marcado para sacar a obra antes do día 26 de Decembro, data límite para a financiamento.

Actuación
Coloquio coas psicólogas invitadas

Reaccións do Fediverso
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *