
Só algunhas verbas para explicitar o que considero unha contradición e facer algún comentario.
Hai cousa de mes e medio sinalei no blog a petición de permiso para un chiringuito nas Catedrais (Unha curiosidade e algo máis: Información pública do chiringuito da praia das Catedrais) Alí lembraba que había un plan para As Catedrais, promovido por anteriores gobernos municipais, e chocábame a petición. Hoxe aparece nos medios (na web do concello foi o 12 de marzo) que Ribadeo expropiará 25 parcelas no entorno catedralicio para protexelo, co apoio e financiamento da UE, e, entendo, na liña que presentou no seu momento o plan para As catedrais, e segundo foi aprobado en pleno. O primeiro foi algo que saíu no BOE, é dicir, con solución dependente do estado. O segundo, con impulso do concello. Pero, ambos, referentes á protección e relación coa comunidade do mesmo lugar, o entorno das Catedrais. E ambos, ao menos en aparencia, contraditorios un co outro, máis aló de que esteamos ou non en desacordo/acordo…
Debo estar equivocado: nin goberno nin oposición manifestan nin parecen ver contradición…