
A e-lección de Elon
Permíteme que comece co argumento dunha película de ciencia ficción de escasa relevancia que ten xa uns anos: un home chega á presidencia mundial despois de ser votado e elixido en democracia, en teoría ao menos, polas súas cualidades, pero despois de empregar moitos cartos na carreira presidencial. A Terra enfróntase a un desafío extraterrestre, e o Presidente decide apostar pola paz, aínda tendo á súa disposición armas que quizais puideran deter o ataque. Cando os extraterrestres sobrepasan as últimas defensas ante a inacción da humanidade, maniféstase o auténtico ser do Presidente: é un extraterrestre camuflado.
É certo que Elon Musk non foi elixido presidente de nada, senón nomeado brazo dereito de quen si foi elixido doando moitos cartos á campaña, pero xa antes da elección manifestouse case como co-electo, un dos piares do actual Presidente. Por outra banda, o título deste artigo remite tamén á ‘lección’ que poderiamos sacar dunha persoa que, polo poder que lle dá a súa fortuna, mesmo antes de verse incrementado polo nomeamento gobernamental oficial (e o máis poderoso ‘nomeamento’ non oficial de ‘amigo de confianza’), ten coqueteado coa posibilidade de ir vivir a Marte entre outras moitas extravagancias e extremismos. Ou sexa, de ser un marciano, un extraterrestre, como na película comentada. Alguén a quen non lle afectan as cousas humanas porque dalgún xeito, está por riba. Ou, como outra cara que será difícil que vexa, inhumano.
De calquera xeito, postos os antecedentes -amplamente coñecidos, polo demais- e volvendo ó título, coido que poderiamos sacar máis dunha lección da actuación de Elon Musk. Así, un par de exemplos tomados das últimas novas relacionadas con el. Unha: “Musk’s X suspends opposition accounts in Turkey amid civil unrest” (en ‘Politico’), na que se manifesta a colaboración dunha rede social propietaria aínda amplamente usada, mesmo polos nosos gobernantes, cunha persecución política nun país alleo -aínda que o de ‘alleo’ sexa o de menos- por mor das ideas do seu propietario principal. Outra, o ‘aviso’ de retirada da cobertura internet que proporciona a rede de satélites de Starlink a Ucraína (e ó seu exército, que a emprega como unha ferramenta fundamental para a súa defensa) se Zelenski e Co. non ‘son bos’, é dicir, se non aliñan a súa política cos desexos de Elon, tamén propietario desa compañía espacial. É dicir, esquécete do que se chamaba ‘capitalismo de cara amable’ e se miraba con algo -ás veces, pouco, mesmo ningún- de receo; estamos en tempos nos que o capitalismo ten o control, tempos do feudocapitalismo (ou capitalismo de estilo feudal), ou mellor, do ‘capitalismo mafioso’, mafiocapitalismo, que emprega métodos mafiosos para impoñer o que quere quen ten o capital. Non se trata de competencia de sistemas socioeconómicos, como da que podería falarse na guerra fría, senón da apropiación dun sistema para asoballamento da sociedade enteira. Adeus, solidariedade, comunidade, humanidade…
Que pode ter que ver isto, sabido a nivel mundial, con Galicia ou unha pequena vila das nosas? A primeira resposta sería: é que Galicia, unha pequena vila ou ti máis eu non estamos no mundo? É que polo momento non tes liberdade para votar, aínda que sexa polo que consideras menos malo en troques de polo mellor? É que non segues a ter dependencia desas redes que contribuíches a facer medrar, que te sacaron información e que agora ves un fastidio abandonar porque aí están todas as persoas coas que te relacionas? É que non estás a depender en maior ou menor grao duns servizos que son públicos? En fin, quizais deberamos pensar se a elección da liberdade non está relacionado co ter unha autonomía respaldada, coa tranquilidade que dá o poder dispoñer dunha solidariedade dentro da comunidade. É dicir, algo ben diferente de estar illado no mundo e ter que seguir a liberdade de quen se autoproclame líder apoiado no poder dos cartos (ou outro poder, que como poder, rematará estando relacionado).
Propoño un exercicio final de empatía. Pensaches algunha vez como se foses Musk? Ou no que pensaría Elon de estar na túa pel? Adícalle un momento a iso…
Unha resposta a “A e-lección de Elon”
Un complemento: https://ctxt.es/es/20250301/Firmas/48796/Gerardo-Tece-millonarios-Musk-Varvasky-plan-B-Marte.htm