Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Distinguindo


 Distinguindo (entre o que é de algún ou algúns e o que e de todos)

    Coido que cabe unha explicación inicial, por se hai despiste: Na sociedade ou na política, estamos vivindo nun sistema capitalista. Ou, hai algunha democracia actual que non sexa capitalista? Iso ven significar que hai cousas que son posesión privada e que a acumulación de capital en mans privadas tende a favorecerse. O resto, é comunitario. Digamos, público, aínda que non é o mesmo nin moito menos.

    Pois ben, dentro dun sistema no que a acumulación é unha pedra angular, hai unha tendencia, unha vez que comeza alguén a apropiarse de cousas, a considerar ‘todo seu’. É dicir, a facer unha interpretación particular de “o meu é meu, e o que é de todos, tamén é meu”. Normal: cando se ten moito, poderiamos dicir que non se distinguen ben os límites das posesións, que se usa todo pensando que é propio. E quen ten algo menos, tenta copiar dos que máis teñen para seguilos nos seus éxitos de acumulación de capital e poder. Ó final, eses límites desdebuxados levan consigo a apropiación do comunitario á par que á limitación de posibilidades de propiedade de quen menos ten. Coa consecuencia de que todos -si, todos, toda a comunidade, mesmo os que máis teñen, e aínda que por outro lado gañen máis- saímos perdendo. E mesmo se considera que opoñerse a esa apropiación privada do que é de todos vai contra o progreso e contra o ben común. Non importa que o suxeito de apropiación poda ser unha terra, o medio ambiente, os orzamentos públicos ou mesmo un ditame de xustiza, entre milleiros de posibilidades. Ou non se expropian terras para facelas públicas e pasarllas a alguén, particular ou empresa, por ‘motivos de interese prioritario’ definidos a partir de informes da empresa beneficiaria? Non se fan hospitais públicos para ser entregados, chave en man, a entidades privadas, con contrato e beneficios asegurados? Non hai concesións de terreos ou infraestruturas públicas para explotación privada? Non hai mesmo inflación de noticias sobre sentencias rechamantes con intereses particulares por medio? Son algúns casos que o sistema alenta, mesmo aínda que vaia contra a letra das normas

    Hai xa máis dun par de decenios lembro ter escrito que a privatización sempre ten un límite, e así, as estradas de pouco tráfico non se privatizarían nunca porque non compensaría a ninguén a súa explotación. Coido que me equivoquei. Mesmo así, pode haber interesados en obter o poder sobre elas, aínda que non sexa para obter beneficio directo, senón só para beneficios indirectos, como evitar que pase outra xente que poda competir en algún negocio, para evitar que outra xente obteña proveito.

Por outra banda, se mesmo se ten privatizado a xestión (nalgúns lugares, mesmo a posibilidade de extracción) dun ben necesario como é a auga… Iso si, asegurando a construción e mantemento da rede de subministro ou depuración por parte pública.

    Pouco a pouco estase a volver a vellos tempos nos que todo tiña dono, porque todo era de alguén. Literalmente, nos que moita xente ‘non tiña onde caerse morta’.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *