Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Mupi? 17000 €


   Si, MUPI, que non yupi. O MUPI (tiven que mirar que era iso) é o mobiliario urbano para a promoción e información. O de mobiliario urbano tamén leva o seu, pero coido que así se entende para quen antes non sabía diso.

   O caso é que o concello de Ribadeo e ACISA rematan de asinar un convenio complementrio de ‘colaboración’, no que o concello pon 17 000 € a máis dos que tiña asinado tamén por convenio para este ano para ACISA, como pon na nota de prensa do concello que deixo en baixo.

   Sen ir polo miúdo, chámanme a atención algunhas cousas, como que ACISA agradeza o apoio do concello para poñer en marcha este proxecto. Iso só se pode interpretar como que o concello, que somos todos, pon os cartos para algo que ACISA quería facer. Ou que o ‘convenio’ vai dirixido á renovación das sinais e anuncios do pobo, especificando que niso está incluído os carteis dos socios de ACISA, e á posta en funcionamento dun código QR de cara a comercio e hostalería especificando tamén ‘integrados en ACISA’. Iso é o que se desprende da nota de prensa.

   En fin, deixo a nota de prensa a continuación:

Foto convenio Acisa

INCLUIRÁ A POSTA EN MARCHA DUN CÓDIGO QR-WEB


Convenio con Acisa


05/10/2021

O Concello e Acisa asinaron hoxe un convenio
extraordinario de colaboración por importe de 17 000 euros, que terá
como obxectivo principal a renovación da imaxe comercial e turística de
Ribadeo. O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, agradeceu o apoio do
Concello para poder desenvolver este proxecto. A sinatura tivo lugar
esta mañá no salón de plenos. Na mesma participaron o alcalde, Fernando
Suárez, o concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, así como o presidente e
o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso,
declarou que “o comercio é unha actividade primordial na economía local
de Ribadeo e Ribadeo é un referente comercial e de servizos en toda a
comarca. O Concello tamén ten como obxectivo primordial acadar,
modernizar e fomentar o comercio de Ribadeo para que resulte interesante
e máis atractivo para quen nos visita e tamén, por suposto, para os
nosos veciños e veciñas”. 

Vizoso Galdo explicou que “con estas
bases asinamos con Acisa o convenio extraordinario de colaboración
Ribadeo preto de ti, cunha achega económica de 17 000 euros de fondos
procedentes do Concello, e que ten como obxectivo principal a renovación
da imaxe comercial e turística de Ribadeo centrándonos en dúas grandes
liñas. Por un lado, a renovación de elementos da sinalética como
marquesiñas, banderolas dos comercios, muppis, pantallas e outras
estruturas e elementos informativos da vía pública. Apoiámonos tamén na
tecnoloxía a través do sistema QR web que, deste xeito, vai estar
presente como un distintivo en tódolos escaparates e os accesos dos
diferentes establecementos asociados a Acisa, para poder ser escaneado
de forma sinxela dende o seu teléfono móbil polos veciños de Ribadeo e
por quen nos visite, e ter acceso á información relevante en diferentes
ámbitos, incluída a programación cultural, eventos ou guías de ocio e,
por suposto, a información comercial e turística do noso concello”.

O
presidente de Acisa, Francisco Iriarte, manifestou que “vimos de firmar
este convenio co Concello de Ribadeo polo que estamos moi agradecidos
porque grazas a el imos ter un investimento de algo máis de 20.000 euros
para, entre outras cousas, a identificación dos locais de Acisa de
Ribadeo. Queremos agradecer expresamente o esforzo económico que realiza
o  Concello de coa firma deste convenio extraordinario, que se suma aos
15 000 euros do convenio ordinario deste ano 2021, como axuda directa á
nosa entidade”.

Lembrou que “xa comezamos cambiando a imaxe
corporativa o ano pasado e neste, grazas a este apoio e tamén con fondos
propios, imos cambiar os muppis informativos que temos en Ribadeo co
plano, vai aparecer a información cultural do Concello e contaremos cun
código QR-web que identificará a todos os nosos socios e socias,
escaneándoo levará á veciñanza e aos visitantes á maior e mellor fonte
de información, turística, comercial e hostaleira”. 

Iriarte
Quintana subliñou que “imos cambiar unha cousa que para nosoutros é moi
importante, dar a benvida e dar as grazas coa instalacións duns muppis
na entrada e saída de Ribadeo. Posteriormente imos pasar a cambiar as
identificacións que temos nos nosos locais de Acisa. Insistimos en dar
as grazas ao Concello porque sen eles era imposible facer isto, a nosa
achega é moi pequena e a deles para nosoutros é moi grande, 17 000 euros
para nosoutros era unha cantidade inalcanzable. Agora a desfrutalo en
canto estea todo listo”. 

E engadiu que “este é un proxecto
enfocado á modernización, actualización e especialmente á dixitalización
da información turística e comercial de Ribadeo. Deste xeito
respondemos aos compromisos que a actual directiva estableceu cos seus
asociados e asociadas na última asemblea xeral e que eran unha
reclamación constante desde hai anos”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *