Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Primeiros días dun ano post traumático


   Din que de ilusión tamén se vive, e o mes que cumpre hoxe non deixa de pertencer a un ano post traumático porque o 2020 foino. Non deixa de ser certo por menos que non saibamos o que vai depararnos o 2021 -algo sobre o que, ó ir transcorrendo os días, temos cada vez menos incerteza por ser o noso presente-, ano que pode deixar pequeno o trauma de 2020.

   En calquera caso, nas nosas mans estaría o poñer os medios para atenuar catástrofes que xa se deixan sentir no horizonte tanto como no noso interior e potenciar a calidade de vida, dentro do que queda do ano en curso e tamén futura. Cada quen coas súas posibilidades, e todos en conxunto. Ambas cousas son importantes: moitas veces desprezamos as nosas posibilidades e por iso desprezamos a nosa acción e a nós mesmos, non aproveitándonos do noso potencial. E todos sabemos o difícil que é axustarnos para actuar en conxunto, ó unísono, para aproveitar mellor o que cada un pode aportar; pero tamén somos conscientes das posibilidade que temos cando somos capaces de facer ese axuste: non hai quen -nin que- nos pare.

   Ó igual que os desexos (ás veces, mesmo complementados con plans) a nivel individual, haberá que contar tamén cos desexos, concretados en plans, para os diversos grupos e niveis comunitarios ós que pertencemos. Así, a nivel local, tomado como máis visible e homoxéneo que outros, hai moitas cousas a amañar, a conseguir, a mellorar, sinxelamente, a cambiar, que poderían tratarse o novo ano: non hai data antes…

   Por exemplo, baseándonos en Ribadeo, o subministro de auga. Sendo un ben fundamental, resúltame incomprensible que se poda contabilizar xa en décadas a queixa sobre a infraestrutura de subministro, o tubo básico da traída de auga. E, por se non fora pouco o problema do reparto (cartos, responsabilidade, poder) entre Concello e Xunta, súmaselle o que a xestión sexa unha concesión. Concesión para gañar cartos, claro. Cartos que pon o cidadán, á marxe de que a infraestrutura sexa coidada ou non, de que se atalle a contaminación por vertidos ós cauces ou non… algo comunitario que se acolleu na infraestrutura pública para logo deixalo en mans privadas, logo, fóra do común, que perde non só a orientaciónda xestión do ben común a favor dunha compoñente de ben privado -é dicir, privativo de- senón tamén un coñecemento e experiencia de xestión, contraendo unha mentalidade de dependencia do privado.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *