Onte foi un día normal. Con algunha pequena variación, un día ‘vello-normal’.
En Ribadeo, o nordés axustou un típico día soleado de xullo. Normal.
As rúas baleiras a primeira hora dun domingo daban unha apariencia de normalidade.
Máis tarde, pouca xente pola rúa. Coa prohibición de cambio de área sanitaria, de concellos, de… normal.
E a propia prohibición de saír da nosa zona? Parece que xa estamos afeitos, e dentro de pouco, prohibiránolo os alcaldes. Normal.
Os aplausos das oito, substituídos polo esquecemento da sanidade pública 24/7? E logo, non é normal que se vaian esquecendo as cousas?
Sen novas sobre unha ‘salvación para Alcoa’. Ninguén a esperaba, logo, normal.
Un só paso do tren de FEVE en cada sentido cada día. Normal, ao menos polo momento, mentres non digan que xa postos, para que.
Fake news propagándose nos medios, máis aló da rede? Normal! Viñeron para servir de útis e quedar, e están a facer a súa labor.
A pequena estrada, bacheada algún tramo ás presas. Normal antes dunhas eleccións… Ah! Era iso! Eleccións! Iso era o anormal. Un día cada catro anos. Claro que… iso tamén parece xa normal, non? Ben pensado, podemos continuar:
Abstención, catro de cada dez votantes. Na liña de sempre.
Como tantas outras veces, vitoria abrumadora do PP. É dicir, tamén normal.
Rexurdir do BNG un pouco máis alto? Na liña co que leva sucedendo décadas. Normal.
Afundimento das Mareas? Xa se sabe, o fluxo e refluxo mareal, de xeito máis vivo ou máis morto, manifestado por outros partidos antes. Normal.
O PSOE como testemuña de algo que existe máis aló do Bierzo? Pois iso, máis ou menos o de sempre, normal.
Que haxa xente impedida de votar? E logo, non se teñen dado casos de votar despois de mortos? Non é máis normal isto?
Pero, todo, todo, é ‘normal’? Diría: e logo, non se ten instalado en Galicia a realidade alternativa dende hai moito tempo? Non teñen emigrado de xeito ‘normal’ -e seguen a facelo- milleiros e milleiros de persoas mentres Galicia é a mellor terra do mundo? Non se segue a despoboar un campo polo que se sente saudade e morriña? Non segue a haber unha falta de tecido industrial mentres se contempla como afunden as industrias vendidas ou directamente fóra do control da nosa terra? Non escapou o control das finanzas? Non se potencia o desenvolvemento extractivo mentres se empobrece a terra?
Normal. Non ‘vella normalidade’ nin ‘nova normalidade’ máis aló de pequenos detalles. Anormalidade. Ou era ‘a normalidade’? Ben, o que quería dicir é que ‘é así’. Que lle imos facer, non? Galicia sempre tivo fama de resignada…