Din que se aprende moito por imitación. Que a educación é a clave do futuro. Que a loita contra o COVID-19 pasa tamén pola nosa propia educación. Que a educación formal nesta España nosa está de capa caída por culpa do(s) goberno(s) que priorizan en contra do ensino (e da educación, nin se sabe)… Mellor voltar á primeira frase: van embaixo, para analizar esa posibilidade de imitación, varias novas que se poden atopar nos xornais estes días, aínda que unhas de xeito máis doado que outras…
1.Nun caso moi ilustrativo sobre o valor da educación, con poucas horas de diferenza, miro dúas novas relacionadas. Na primeira, dous grandes clubes -é dicir, de fútbol- fan unha petición de 200 millóns de euros para pagar ó seu persoal estelar. Obtén unha ampla difusión. A segunda ten menor difusión. Trátase dun dos deportistas motivo de que os clubes pidan cartos públicos, cun coche novo. Cunha particularidade, o Bugatti sobrepasa ben os dous millóns de euros. Poden botarse contas de canto tempo necesita quen está lendo para obter eses cartos (non digo para aforralos). A dicir que o caso non é único esta primavera.
2.Outro par de novas relacionadas entre si: un presidente autonómico pide, encarando o fin do estado de alarma, adicar a outras cousas os cartos propostos polo estado para a adecuación da educación á situación actual co COVID-19. Antes de 24 horas, nesa mesma autonomía explícase que se rebaixan as condicións de separación de alumnado nas aulas para o próximo curso debido ó seu custe.
3.O satélite SEOSAT-Ingenio está listo para enviar á base de lanzamento. Esta é quizáis a máis difícil de atopar das novas citadas, pois ó fin, trátase dunha aplicación tecnolóxica con fins científicos, e leva só oito anos de atraso sobre os tempos previstos. Pode que por iso ó proxecto -español- non tiveran tempo de poñerlle un nome completo en castelán e quedara co de “Scientific Earth Observation Satellite”, SEOSAT.
Poderíamos seguir con moitos, moitos máis exemplos grandes e pequenos,
difundidos ou máis calados, que animan a cultivar a educación persoal e social neste lugar que se chama España. Mais polo momento, podemos sacar algunhas leccións:
*Os cartos son máis importantes para os ricos (e os ricos para os cartos) que para a educación (e a educación para os cartos).
*Non importa ter cartos para educación: ó fin, poden cambiarse os criterios e xa non son necesarios.
*Non fai falta ter en conta, en moita consideración, a propia lingua, pois quen está a querela cambiar por outra parece que tampouco considera moito a súa propia.
Unha nota final: pensa se te gusta imitar a proposta que te fan con esas novas.