Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Revolución global. Pequena reflexión.


Cinco anos, máis ou menos, é o tempo que comezamos a ser conscientes por estes lares do que levabamos vendo dende comezos de século: nun lugar primeiro, logo noutro, noutro… se van producindo e reproducindo protestas con formas cada vez máis recoñecibles e familiares, que en xeral non teñen por que chegar a causar o que antes serían revolucións políticas (aínda que en bo número de casos si o teñen feito). Mais o seu número segue a aumentar, e a referencia dunhas a outras, a identificación dos participantes dunhas cos das outras ó ancho do globo, fai que se vexa como un movemento global. Algo que si está a revolucionar pensamentos e ideosincrasias na xente, algo que está a propiciar, dun xeito lento, mais diría que seguro un cambio socioeconómico de grande magnitude que, dun xeito ou outro, rematará asemade cun cambio político. Coordinado a nivel global, sen coordinación dirixida, en certo xeito ácrata, en certo xeito, tecnolóxico.

Hai unha opción alternativa que hai que recoñecer que se está a impoñer en sentido contrario nas estruturas de funcionamento de todo o mundo. alternativa tanto de pensamento como económica e estratéxica, un fascismo de novo cruño, totalitario no control de mentes e movementos a través do control absoluto da economía.

Xogan a favor da revolución o medio ambiente ou o límite dos recursos. E a favor da opresión os poderes actuais na procura dun statu quo máis e máis favorable a si mesmos.

A confrontación entre ambos grupos non é nova, pero estase a recrudecer por diversos factores, dende as oportunidades que a tecnoloxía ofrece tanto ó control como á distribución de poder, ás constricións que o noso medio impón a un medrar incontrolado no uso de recursos de todo tipo, co pensamento no mantemento dos uns e no aproveitamento dos outros.

Non estou dicindo nada novo, e si simplificando abondo. Mais coido que co exposto xa cheguei onde quería, a ter unha introdución para poder facer dúas preguntas:

1.De que lado crees que estás? Corresponden os teus actos ó teu pensamento?

2.A loita prodúcese a moi grande escala, máis ten efectos a pequena escala (algo relacionado con aquelo de ‘pensa globalmente, actúa localmente’, aínda que por ben outros derroteiros). Que confrotnacións podes ver ti en Ribadeo, no teu entorno, que correspondan a esta dinámica de revolución-fascismo?

A Terra vista dende o Apolo XVII, imaxe icónica do noso mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *