Unha das funcións que pretendo co blog -non sei se a cumpre ou será demasiada presunción- é a formativa. Non tanto en canto a formación de opinión como formación para poder opinar.
O caso de hoxe iría nese sentido. O día un deste mes, logo hai xusto trece días, publicaba unha entrada sobre a propaganda institucional do concello, titulada precisamente así: “Unha curiosidade: propaganda institucional en Ribadeo“. Daquela poñía que no ano anterior a contar xusto dende o día antes, publicárase unha nova no blog do concello cada 1,44 días. Nestes trece días, a cousa foi unha nova cada 1,08 días (12 novas en 13 días). Como alí dicía, achéganse as eleccións, e o certo é que trece días non fan fe, son demasiados poucos para marcar unha tendencia continuada preelectoral. Hai que dar unha marxe de confianza ó concello.
Outra cousa diferente é a análise das novas. Vexamos as tres de onte:
“O REXEDOR ASISTIU ONTE Á FESTA DOS COMERCIANTES
Novos desafíos e retos”
“O ALCALDE ENTREGOULLE UN AGASALLO
Veciño centenario”
“SOFREN GOLPES DOS CAMIÓNS DA RECOLLIDA E DE PARTICULARES
Suxeitacontedores”
As dúas primeiras, con fotos do alcalde.
Entendo que o blog do concello e o servizo de novas do concello deberan ser informativos, formativos, de propostas… E non de propaganda institucional. Coido que onte o servizo non se podía cualificar de propaganda institucional, senón de propaganda persoal. Nin propostas para a cidadanía nin información, senón propaganda, e non institucional.
Pode cambiarse? Debe. E deberamos esperar que así fora.
Deixo embaixo tres fotos. Unha, dunha acción do concello: a posta de tutores na plantación da costa no Costal. Outra, máis ben unha deixación: un rexistro moi recente de auga nas parroquias, xa machacado (por como está posto). A terceira, a vista de Vilaselán entre a neboeira onte pola mañá, nin positiva nin negativa: algo que pasou alleo a nós (e ó concello).