Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ribadeo aspira a ser smart city


Soa máis ‘cool’, pero o de cidade intelixente é máis próximo. Debera. En canto a Ribadeo e a intelixencia cidadá, coido que imos un pouco retardados no que a aplicacións tecnolóxicas se refire, pero visto o visto, coido que non é o máis interesante dunha vila intelixente. Máis que a tecnoloxía aproveitada, que tamén contribúe de xeito necesario pois a tecnoloxía está para servir ó cidadán, é o tecido humano o que fai unha vila intelixente: ‘as cidades que se están comezando a xestionar de embaixo a enriba terán máis éxito no futuro‘, Boyd Cohen dixit (por certo, anda artellando como medir a ‘intelixencia da cidade‘).

Voltando pois ó tema, é algo diferente unha ‘cidade intelixente’ da ‘intelixencia cidadá’. O segundo caso comprende tamén o primeiro, con toda a cacharrada necesaria, pero non se queda aí, porque para que unha cidade funcione necesita aproveitar non só a tecnoloxía, senón ós seus cidadáns, que se benefician á súa vez dese proveito que a entidade cidadá fai deles, de nós. E, mentras non haxa un bo entendemento e sinerxia entre os cidadáns e a ‘imaxe’ da cidade, non imos por bo camiño, aínda que teñamos tecnoloxía aplicada e propaganda (a segunda máis doado de obter que a primeira). Preparémonos pois para a participación na nosa vila se queremos aspirar a un futuro mellor.

Unha nota: xa sei que Ribadeo non é Madrid ou Barcelona, e o primeiro artigo citado, así como a grande maioría de citas que puiden atopar, refírense a grandes cidades. Pero iso non quere dicir que as grandes teñan que ser máis intelixentes!

Posterior, a conto:

https://www.diagonalperiodico.net/global/25633-algo-va-mal-con-smart-cities.html

ou

http://www.eldiario.es/catalunya/pistaurbana/Inteligencia-urbana_6_354924506.html


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *