Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Dicía Azaña… unha lembranza para tempos de eleccións


Pois eso, atopei nun artigo de Caballero Bonald (‘Reclamar la libertad’, pero ai! necesítase ser de pago para velo agora en liña…) varias citas, unha delas de Azaña: “A liberdade non fai felices ós homes; fáinos sinxelamente homes.” porque é un atributo de humanidade.
Non sei moi ben como casar unhas verbas que me lembraron un aspecto crucial da humanidade co que está a ocorrer estes días en Ribadeo, A Mariña e todo o estado, é dicir, a desinformación electoral diversa vía mitines e demáis, pois parece que se quere dirixir a liberdade en troques de aproveitala para estudar posibilidades de mellora común. Coido que me quedo demasiado curto cando uso a verba ‘dirixir’.
A que me refiro? Onte nos xornais lembrábase nunha foto a primeira pedra do tramo Ribadeo – As Catedrais da autostrada, por Cascos e Fraga, xusto antes doutras eleccións. Naquel momento habilitouse unha fonte e púxose a pedra. Da pedra non podo dicir que siga no seu sitio no alto dos pinos. Da fonte acompañante no acto, xa din conta con anterioridade, pois alomenos ata hai ben poucos días tiña desaparecido, substituída por unha billa de obra. E agora son xente do PP quen lembra o tema da primeira pedra (despois do que pasou un tempo sen obras) e un grupo de socialistas ribadenses quen fan a primeira viaxe coa autostrada aberta (a lembrar que hai quen xa o fixo hai algún tempo, pero sen ter establecido o tráfego, como se podía ver de cando en vez ó pasar pola estrada N634). Ben, que podemos sacar de todo esto? Pois algo certo: que as obras fixéronse cos cartos de todos, e que varios gobernos participaron en que non se tiveran rematadas antes (a lembrar que estaba previsto que a autovía estivera rematada por completo preto destas datas). Coido que lembrar as responsbilidades ‘positivas’ e non facerse cargo das ‘negativas’, mesmo das ‘irresponsabilidades’, non é nin ético, nin dicir a verdade, nin praticar a xustiza. É dicir, a máquina electoral parece ser, máis que algo democrático, algo antidemocrático.
Despois do anterior, varias precisións. A primeira, a conto dun post de onte, parece que houbo xente que considerou que eu, ó dicir a ‘quiniela’ electoral, tentaba de poñer a cousa o mellor posible para os hipotéticos ‘meus’, hinchando a súa conta. Equivócanse de cabo a rabo. É máis, estiven dubidando e ó fin decidínme por asignarlles o ‘último’ conselleiro a quen pode que me sexa menos afín (e o de afinidade é un dicir) entre tres dos grupos.
As outras dúas son frases tomadas do mesmo artigo citado en principio, do ‘El País’ de hai seis días, e referentes á educación en relación coa sociedade. A primeira, atribuída por Caballero Bonald a Ortega y Gasset, di “sempre que ensines, ensina tamén a dubidar do que ensinas”. Na ciencia é unha postura amplamente estendida, pero non sabía da cita de Ortega, aplicada a outros temas. A última é do propio articulista, CB, “Todo o que se considera verdadeiramente libre sabe tamén que nunca poderá deixar de selo, que as súas facultades -aínda que só sexa nun pano teórico- son máis poderosas que as dos seus adversarios: converteuse en alguén capaz de desenvolver sen trabas o seu propio pensamento. E ó pensamento non se lle pode dobregar.” Verbas esperanzadoras dun futuro.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *