Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Privatizando Ribadeo






Hoxe, dando una volta por algún sitio polo que xa facía tempo que non pasaba, ocorreuseme que estou de acordo co alcalde en que este goberno pasará á historia. Pero non o fará polos monumentos estilo fonte, cocos ou Marqués, tampouco polos retrasos acumulados en cirunvalación, autovía ou polígono industrial. Nin pola construcción dun novo ‘castro’ mentras se ninguneou durante tempo ó das Grobas. Non. Será lembrado pola privatización integral de Ribadeo, ceo, terra e auga. E digo pola privatización e non polo comezo da privatización, porque espero dos seus sucesores máis sentidiño e pensamento no ben público que o que se está a amosar agora.
Pode que cause estrañeza o de privatizar ceo e terra, pero coido que está claro: privatízase o ceo cada vez que se deixa edificar máis alturas das debidas ou das aconsellables, cada vez que se deixa sen luz do sol direita a un baixo porque en frente están construíndo un edificio máis alto do debido, cada vez que unha rúa ten máis alto que ancho… Un exemplo? construcción aínda hoxe sen rematar ó comezo da rúa Calvo Sotelo.
Privatízase a terra cando se deixa construír en lugar que deber ser público, cada vez que non se respetan as distancias de retirada en relación á vía púbica, cada vez que hai recalificacións interesadas… Un exemplo, neste caso de falta de retirada en relación a un camiño, que queda totalmente emparedado, na primeira foto de hoxe: bordea a urbanización subindo dende a vila vella ó cemiterio…
Privatízase a auga e o mar cada vez que un servizo público vai parar a mans privadas, cada vez que se lle come terreo á ría para ¿?, cada vez que que se lle quita un lugar de paso ós ribadenses xunto á súa ría… é quizais a privatización máis grave e máis visible e, ó tempo, a que deixa menos lugar á protesta porque o concello ampárase noutras institucións. Pode que sexa a máis lamentable pola mesma imaxe da alcaldía ó frente dunha manifestación e, sen chegar ó terceiro día, cambio de chaqueta. Non poño nin siquiera esta volta a foto do recheo. Non é necesaria a foto dese símbolo de denigración do pobo. Unha ollada ós bloques e á entrada ó porto, en vista tomada esta mesma mañá, onde se ve a caseta xa case lista, da unha idea de aquelo de que Ribadeo é de algúns, non dos ribadenses. Por desgraza, cada volta máis.
Unha última cousa: o privatizar deixa sen espazo á xente, e esto inflúe non só na mingua da riqueza como tal do pobo, senón nas relacións entre a xente. Está amosado dende hai moito por estudos sociolóxicos e psicolóxicos que cando unha sociedade está más acogotada de espazo (maior densidade de xente), entón os seus compoñentes tenden a voltarse máis agresivos, cara ó exterior e tameń cara ó interior, entre eles. É dicir, na actualidade non só se está deixando sen patrimonio a Ribadeo, senón que se está a contribuír a unha división e perda de calidade de convivencia entre a xente do pobo. Se non fora tan triste cabería rematar en plan sorrinte: misión cumprida, sr. alcalde!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *