Despois de tres horas desperto pola música allea, aproveito para facer o blog: a estas horas levantareime mañá e de calquera xeito, o horario dominical está perdido polo cansancio da noite.
Remato de ler titulares dun periódico, e atópome coa nova de que van cesar as protestas de protección civil por non estar aberto o parque de bombeiros para que non se aproveiten os políticos en eleccións. Coido que é unha decisión errada e unha nova triste. O último é evidente: as protestas do pobo parecen non servir, e logo hai quen se queixa de que os políticos están mal considerados. O primeiro, o erro da decisión ven de que considero que é agora cando se pode facer máis ruído, máis alto, e onde se poden obter máis compromisos asinados, a parte de que facelo así é acostumar ós políticos a que as protestas chega un momento que paran por cansancio ou outras circunstancias.
7:28, unha botella recibe unha patada e estoupa. De onde ven a xente se os últimos locais teñen que pechar as portas ás seis e media? É moi facil sabelo.
Ben, no xornal aparece a reclamación de persecución política polo tema de urbanismo en Barreiros e cerquiña, a nota da mesa redonda sobre urbanismo. Foi longa, rematamos ás dez, e intensa, chegando a tratar que o mesmo colexio de arquitectos que emitiu unha declaración sobre o urbanismo desenfreado na Mariña tampouco parece estar levando as cousas moi aló na propia casa, en tomar medidas contra a xente que asina tales barbaridades. Asemade, tamén se falou do (in)cumprimento das leis, por exemplo. Falouse de todo e gustoume, pero queda moito, moito máis por falar e intervir, e a xente que estabamos alí (en total, 70 persoas, isto é, cousa do 0,7% do censo do concello de Ribadeo, e había xente doutros concellos) era da que menos necesitaba estar na mesa redonda porque en xeral xa tiña unha carga de convencemento persoal. O chegar ó resto segue a ser algo a conseguir.
a imaxe, do interior dunha das casetas das ‘fontes do lobo’, que constituían o groso do caudal do río de Vilaselán. Esta estaba aberta o outro día. E seca. As casetas foron construídas para traer a auga a Ribadeo, antes que o embalse no río Grande ou no Eo.
Hai un ano, daba a nova de que ‘Ribadeando’, o libro estaba xa na rede, e de novas de música, con dous artigos de hai tempo, relacionados con Hernán.