Tanta Miga e a súa barriga. Ese é o título do libro de Eduardo Baamonde para nenos, cuns estupendos debuxos e unha historia interesante, que se presentou esta tarde na Casa das Letras ribadense. Para ver e ler.
Na presentación o autor lembrou a Suso Peña, o seu propio cariño por Ribadeo e a historia persoal que deu pé ó libro, ambientado en Ribadeo pero que podía estalo en calquera outro sitio como o autor remarcou: se está ambientado aquí é por Suso e a relación de Eduardo e Ribadeo. Na foto, un momento da presentación, falando Mariluz Álvarez lastra, Concelleira de Cultura do concello de Ribadeo.
Sobre o outro tema, a nota de prensa de Adega sobre a paralización da piscifactoría ordenada polo xulgado, que supoño que será comentada na prensa e radio con profusión:
“Sobre este auto nada temos nós que engadir máis que a consideración de que desta vez faise xustiza co noso patrimonio natural: a lexislación de espazos naturais é unha lexislación de obrigado cumprimento para todos e, dende este punto de vista, ningunha razón pode haber para ubicar esta instalación sobre un espazo da Rede Natura con hábitats prioritarios cando sobra espazo en Ribadeo e mesmo en Rinlo para estas instalacións, ubicacións que, cando menos, terían que ser avaliadas no seu momento. Agardamos que esta paralización serva para que a administración, no seu conxunto, tome iniciativas máis decididas de cara a protección deste espazo de “AS CATEDRAIS”, tanto dende Medio Ambiente, como dende Ordenación do Territorio ou Pesca: nun momento que se nos anuncian unhas directrices e un Plan de Ordenación do Litoral orientado á protección de todo litoral fronte a aquelas instalacións que podan ter outra ubicación fora do mesmo, non deixaría de ser paradoxal que os espazos protexidos do litoral non quedasen exentos deste tipo de instalacións. Pola nosa parte queremos confiar en que esas Directrices e ese Plan de Ordenación do Litoral que o Sr. Touriño anunciaba onte no Parlamento (e que nos consideramos unha moi boa iniciativa, -ademais de absolutamente necesaria á vista dos despropósitos da anterior administración ao respecto) impliquen a revisión a fondo dese Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria que nos deixou aprobado o anterior goberno en funcións (de forma temeraria sen unha mínima avaliación de impacto ambiental) no sentido de que os espazos protexidos, – Parques naturais, Rede Natura, Monumentos Naturais, etc-, queden exentos de calquera uso que non teña que ver coa conservación ou recuperación de tais espazos protexidos. Po último quixeramos pedirlle, -unha vez máis-, ao Concello de Ribadeo, e a unha e a outra parte do goberno bipartito, que, en lugar de seguir insistindo nesta ubicación, se poñan a traballar na busca doutra ubicación fora da Rede Natura. É de Xustiza.”
Para rematar, faría unha reprodución dunha páxina do libro de Eduardo, pero na páxina dúas hai unha desas prohibicións de tipo draconiano para a reprodución, e non se me ocorreu no seu momento (a presentación) pedirlle autorización á xefa da editorial Baía. Para compensar, a ver se esta noite meto por fin Ribadeando, o libro, en Galifontes ou Wikifontes (mellor que en Galilibros ,a parte de que alguén queira mercalo por internet deixándome unha nota aquí mesmo, por exemplo 🙂 ) En substitución, a igrexa de Ribadeo nunha foto oscura pero que coido que pode verse.