Categoría: tecnoloxía

  • Ideas inxeniosas sobre a cultura libre (III): Un Chatbot non ten coñecemento, ten conversación -Margarita Padilla

    Ideas inxeniosas sobre a cultura libre (III): Un Chatbot non ten coñecemento, ten conversación -Margarita Padilla

    Nas semanas anteriores escribín sobre Intelixencia Artesanal e Coñecemento Operativo, conceptos que aprendín do coloquio que organizou Enxeñería Sen Fronteiras o 20 de abril en Santiago e que non quería que pasasen desapercibidos. Hoxe remato a entrega cunha cita de Margarita Padilla:

    “El Chatbot no tiene conocimiento, tiene conversación”

    O coñecemento non é un conxunto de datos, nin é elocuencia. O coñecemento é entendemento, comprensión, vai máis alá da lóxica pois esta forma parte del, non o engloba. As conversas son intercambios de palabras tras as cales acostuma a haber mensaxes mais a miúdo oír á xente falar e non dicir nada. Do mesmo xeito, o contido que xeran os grandes modelos de linguaxe ten información pero non coñecemento, este ven despois de que se interprete, de que se reflexione sobre isto e se contrapoña coa experiencia humana. Ten conversación pois intercambiamos palabras coherentes, pero non ten coñecemento porque non ten criterio.

    O criterio semella unha idea moralista para os destrutores da ética. Con frecuencia tratan de definilo como unha amalgama de opcións que non son mellores nin peores e que cada quen escolle como se se tratase dun xeado. Dinnos que toda opinión é válida, aínda cando as opinións se emitan co fin de dobregar aos demais, de menosprezalos, ou mesmo de ignoralos.

    Hai modelos de linguaxe que están a ser deseñados precisamente coa intención de eliminar a identidade das mulleres a través da cultura. Conversan, incluso ofrecen datos obxectivos, pero coñecemento non teñen pois en canto se lles leva a contraria non poden argumentalos. Xeralmente, estes modelos tampouco detectan os seus erros nin admiten ignorancia polo que ou che dan a razón en todo ou te contradín ata nas cuestións máis obvias.

    A conversa alivia a soidade temporalmente

    Moitas profesionais da psicoloxía advirten dos perigos de empregar estes modelos como terapia. O risco recae precisamente no matiz que Margarita Padilla saca á luz. A intelixencia artificial dáche conversa pero non te ilumina, non che axuda a reflexionar nin a comprender o teu entorno. Alivia as túas horas de illamento, a frustración por non entender o mundo cando semella absurdo, ofréceche unha orella… Mais non nos enganemos, non escoita. Responde o que estatisticamente considera que queres escoitar, non o que precisas oír, o que che podería axudar a saír dunha situación de sufrimento mental ou espiritual.

    Para moitos este é un exemplo extremo, porén o engano no que caemos é o mesmo que cando procuramos aprender con estes modelos de linguaxe coñecementos dos cales non sabemos nada. Sentimos que nos está a proporcionar algo que nos falta. Información. Datos. Conceptos. Todo soa coherente, incluso máis correcto que o que expón calquera experto. Pero non podemos ter confianza ningunha no que nos di, nin na interpretación que xerou, nin nas razóns polas que a ofrece dese xeito… Non coñecemos á persoa que hai detrás desa conversa polo que non podemos imaxinar os seus nesgos ou os seus obxectivos, as súas preocupacións e inquedanzas, nada que nos axude a filtrar as súas palabras. Non a coñecemos porque non existe.

    Se cadra un imaxínase que a falta de humanidade, de sentimentos e emocións, mellora o coñecemento xa que deixa só a lóxica. Esa idea dualista e mecanizante do que é o saber estanos a levar por sendeiros crueis e inhabitables. Sen a intuición como compás ético e reflexivo perdémonos en grandes abismos loxicistas que nos separan do mundo natural que nos sostén e ao cal pertencemos.

    Existe unha falacia que di que o método científico é infalible, totalmente obxectivo, pois traballa coa seguridade dos parámetros medibles. Case todo pode ser trasladado a números, e os números poden ser analizados a fondo, ata aí concordo e aprecio o seu valor. Con todo, cando se dá esta falacia é porque se asume que os resultados numéricos só teñen unha interpretación posible. O certo é que calquera resultado obtido dun estudo científico pasa polo filtro das persoas que investigan, pasa polas súas emocións e polas súas experiencias de vida. Ás veces, estes engaden erros de interpretación, outras, atopan perspectivas que ninguén máis podería ofrecer. Este é un balance co que levamos décadas convivindo e o cal non deixa de tratarse dun deporte de equilibrismo.

    O que pasa coa intelixencia artificial é que se presenta cunha face metálica de obxectividade a cal engana a gran parte da poboación. Os seus circuítos e as baterías que consume fanlle pensar ao usuario que detrás hai un coñecemento impoluto que non pode ser contaminado por erros de percepción ou por desexos persoais. Pese a que todo o que hai detrás se trata de código baseado na lóxica, non se pode ignorar o feito de que calquera creación de contido que xurda dun gran modelo de linguaxe provén, non da sabedoría colectiva, senón da produción de contido colectiva, a cal non é un coñecemento filtrado. A falta de criterio por parte do modelo fai, por tanto, que a nós nos ofreza resultados xenéricos a costa de resultados precisos.

    Se che gusta conversar, por que unha IA?

    Se desexamos conversar é moito mellor que busquemos unha persoa real para facelo, reduce a soidade de dúas ao mesmo tempo e a sensación é moito máis duradeira.

    Por outra banda, se o que desexamos é buscar información rapidamente non vexo como un gran modelo de linguaxe axiliza máis o proceso que unha tradicional procura nun motor como busca. Ao fin e ao cabo a precisión dos resultados vai ser semellante. Aprender a facer prompts que dea bos resultados ben sendo equivalente a empregar os métodos de procura por tesauros, coa diferenza de que esta segunda opción gasta moita menos enerxía e evapora menos auga.

    Para rematar só quero facer mención a un disco de Robe, máis ben pola palabra que empregou para designalo que polo contido, aínda que me encante escoitalo en bucle: Mayéutica. Esta palabra resume a mellor forma de empregar a linguaxe.

    La mayéutica es el método aplicado por Sócrates a través del cual el maestro hace que el alumno, por medio de preguntas, descubra conocimientos.

    Os grandes modelos de linguaxe fan moi poucas preguntas e as que fan pretenden extraer información de nós, non guiarnos cara a unha aprendizaxe xenuína. Deixo a idea aquí pois o artigo xa se alongou demasiado, mais gustaríame que facervos unha pregunta:

    Como cres que é o camiño que desexas percorrer para chegar ao coñecemento que procuras?

  • Ideas enxeñosas sobre a cultura libre (II): Coñecemento Operativo

    Ideas enxeñosas sobre a cultura libre (II): Coñecemento Operativo

    No artigo anterior desta serie de tres, desenvolvín o concepto de Intelixencia Artesanal como unha alternativa de aprendizaxe que temos dispoñible e que precisamos recuperar. Neste tratarei a idea de Coñecemento Operativo, a cal pode perfectamente ir da man da primeira.

    Durante a charla-coloquio sobre “Aprendizaxe e Intelixencia Artificial”, Laura Pérez trouxo sobre a mesa o concepto de Coñecemento Operativo nun intento de verbalizar as competencias mínimas que precisa calquera profesional á hora de iniciarse na súa carreira laboral. Na súa experiencia como educadora de Formación Profesional atopouse coa repetición dun argumento: se temos toda a información á un clic de distancia, para que se precisa memorizar?

    A premisa ten as súas capas. Por unha banda é certo que a necesidade de acumular datos na nosa mente para dispor deles en calquera momento non é a mesma que fai cincuenta anos pois comprobar o valor dunha constante ou a equivalencia de unha medida pódese facer facilmente botando a man ao peto. Incluso, xa non é necesario coñecer todos os pasos de un proceso xa que as receitas, sexan de cociña ou de outros saberes, acostuman a replicarse de maneira infinita no Internet.

    Mais, como acostuma a ocorrer coa maioría das cousas complexas, nos detalles está o asunto. Se non asimilamos de forma segura ningún dato ou definición ficamos valeiros de coñecemento co que contrastar toda esa información da que dispoñemos. A cantidade é excesiva para calquera ser humano, pero para aquelas persoas que nunca aprenderon a navegar por mares de contas e desertos de texto, o reto é aínda maior.

    O Coñecemento Operativo é unha base da que partir coa que sempre se pode contar como filtro, como fío principal para o tecido do noso pensamento crítico. Canto maior sexa ese Coñecemento Operativo mellor será o filtrado e menores as posibilidades de sermos enganados. Por suposto que todos podemos equivocarnos, e farémolo incontables veces pois é unha parte necesaria da aprendizaxe, pero considerando a proliferación de medios de comunicación propagandísticos e de movementos negacionistas, a capacidade de discernir entre o que é certo e o que non, nunca é suficiente.

    Gústame a idea de establecer os requirimentos mínimos do Coñecemento Operativo porque permite valorar certos esforzos que moitos aprendices non acaban de comprender. Se non apreciamos o coñecemento integrado semella que podemos ser creadores empregando a última ferramenta tecnolóxica dispoñible. A realidade afástase moito delo, pois como moito podemos ser produtores, se cadra altamente produtivos, pero ao fin e ao cabo, unha simple engrenaxe. E aínda no mellor dos casos, no suposto de que a produtividade fose suficiente, atoparíamonos constantemente á mercé de outros, asumindo a responsabilidade de erros alleos transmitidos a través desas cómodas ferramentas e afrontando as súas consecuencias sen sequera comprender onde erramos.

    O erro mostraríase evidente, pero a mostra estaría no pasado, nese momento no que desprezamos a necesidade dun Coñecemento Operativo.

    Adquirilo

    E como se adquire o Coñecemento Operativo? Lamentablemente non hai maneira elegante ou apetecible de facelo. A volta a métodos tradicionais de aprendizaxe é indispensable prescindindo na medida do posible da dixitalización da educación e tomándose tempo para pasar páxinas e sacarlle punta ao lapis.

    Lembro unha historia que me contaba meu avó e me repetía moito cando comecei a empregar a calculadora no instituto. Meu avó, quen fora á escola o xustiño, principalmente de noite e no seu tempo libre, desenvolvera un gusto polas matemáticas que nunca deixou de cultivar. Conseguía facer contas de memoria a gran velocidade e atopaba xeito de resolver calquera problema diario relacionado cos números. Incluso, nos meus anos de educación primaria tiñamos como entretemento facermos multiplicacións de dúas cifras mentalmente e competíamos a ver quen a sacaba antes. Sempre me gañou el.

    A finais dos anos 80, un tío meu, e fillo del, comezou os estudos de enxeñería informática facendo que se mercara daquela a primeira calculadora da casa. Podes imaxinar a curiosidade que isto lle xerou ao meu avó quen oíra falar daqueles aparatos pero nunca empregara un. Aínda coa ilusión de poder experimentar con el, o primeiro que fixo ao collelo foi facer unha serie de operacións as cales el resolvía mentalmente e así comprobaba a fiabilidade da tecnoloxía.

    Se cadra semella ser o escepticismo dun ludita desconfiado, e en parte así era, porén esa comprobación que hoxe non nos parece necesaria no caso dunha calculadora, resulta moito máis relevante no caso da intelixencia artificial xenerativa. Falamos dunha tecnoloxía que non advirte da súa inseguridade e que non treme ao mentir xa que é incapaz de discernir entre as alucinacións que acertan e as alucinacións que fallan. Todo resultado que ofrece é pura casualidade pois falamos de modelos estadísticos que non comprenden a razón dos seus resultados, e nós como usuarios (e incluso os propios creadores da ferramenta), somos incapaces de acceder aos mecanismos que empregan.

    Se meu avó non houbese asistido a clases nocturnas de matemáticas cando tiña 21 anos, probablemente non houbese desenvolto o coñecemento necesario para cuestionarse o funcionamento da nova calculadora do seu fillo. Por sorte, as calculadoras non veñen programadas cunha axenda particular que representa os intereses económicos e políticos de quen as vende, porén sabemos que esa non é a situación que vivimos agora.

    Ignorancia Adaptativa?

    Nun mundo no que todo o coñecemento está ao noso alcance precisamos botar man da ignorancia como guía. A ignorancia é unha cuestión que xera preocupación a todo o mundo, tamén á xuventude que emprega a intelixencia artificial para facer as súas tarefas. De feito, considero que a maioría do estudantado emprega calquera método ao seu alcance co fin de reducir o erro, esa manifestación de ignorancia que ten moi mala fama. A vagancia non o é todo, non se trata só de aforrar tempo de traballo, no exercicio dunha educación que prima o un sistema de recompensa-castigo, o alumnado procura evitar este último a toda costa.

    Se o que avaliamos son os resultados, é normal que a xuventude se centre só neles. O proceso de aprendizaxe, especialmente se é a un ritmo diferente ao demandado nun preciso momento, non está a ser a prioridade da educación polo que os pupilos e pupilas non teñen razón ningunha como para dedicarlle tempo e esforzo. Pola contra, se ofrecen bos resultados, aínda sendo acadados coa trampa ou coa axuda dunha ferramenta novedosa, reciben a recompensa prometida.

    Foi escribindo este artigo que se me pasou pola cabeza a idea da Ignorancia Adaptativa. Non estou moi conforme co termo, aínda preciso darlle unha pensada, se cadra algunha persoa lectora me axuda. A Ignorancia Adaptativa sería, é, na miña cabeza, esa ignorancia da que somos conscientes e que nos asiste durante o proceso de aprendizaxe. É esa lagoa de coñecemento que se presenta ante nós e que nos mostra unha necesidade particular de aprendizaxe. É a pregunta que xorde cando menos o esperamos e fica irritante tras da orella. É a explicación que non temos para unha premisa que asumimos como verdade pero para a cal non podemos ofrecer xustificación lóxica. Todo é ignorancia, falta de coñecemento, un abismo na aprendizaxe que ameaza a supervivencia e autonomía do ser humano que a sostén. Porén, ao mesmo tempo, é o compás co que podemos navegar polo inmenso océano de información que nos afoga.

    Precisamos valorar as preguntas que evidencian a ignorancia como unha mostra de aprendizaxe e non como un fallo nos resultados esixidos. Poida que non precisemos preocuparnos tanto por se o estudantado emprega modelos de linguaxe se o que medimos é a participación na súa propia educación. Por suposto, isto é un reto para calquera persoa educadora da formación regrada xa que se ve inmersa nun sistema que non favorece esta perspectiva. A única alternativa que lle queda é a rebelión: tomar iniciativa e ir en contra do que a administración pide co fin de non renderse ela mesma nin ceder o alumnado á máquina capitalista a cal pretende facer do corpo xuvenil, un apéndice máis co que producir, inhabilitando a mente que non só reside nel, senón que pertence a el e o conforma.

    No artigo anterior mencionei a coherencia. Agora poño sobre a mesa o dereito á rebelión. Todos temos dereito a tomar acción cando se produce unha inxustiza, cando se nos está violentando aínda se non se fai por métodos físicos. Do mesmo xeito que a coherencia carrexa dificultades e esixe esforzo, a rebelión demanda coraxe e acompáñase de riscos. Convértese daquela nunha decisión persoal posto que as consecuencias tamén o serán, mais ninguén pode negar a necesidade dun cambio de paradigma que lle permita ao ser humano desenvolverse en plenitude. As xaulas de ouro non son máis que barras metálicas que constriñen o noso crecemento e nos impiden axudarlle a outros a medrar. Brillan con fermosura, pero son exactamente igual de asfixiantes que as de ferro. A ironía é que sigamos a debater se merece a pena ou non liberarse delas.

    Reaccións do Fediverso
  • Ideas enxeñosas sobre a cultura libre (I): Intelixencia Artesanal

    Ideas enxeñosas sobre a cultura libre (I): Intelixencia Artesanal

    Non quería que o coñecemento compartido do último mes ficase no aire ou estancado nun repositorio cheo de videos, por iso decidín crear un post con elo, porque cando repetimos o coñecemento pouco a pouco vaise convertendo en cultura xeral.

    Da intención dun artigo saíron tres que corresponden a tres conceptos os cales me foron resultando interesantes polo que expresan ou polo que sintetizan. A miúdo indignámonos pola ignorancia coa que se enfocan certos temas e a ética da tecnoloxía non é unha excepción. A polarización, a inmediatez ou a desconfianza fan a comunicación cada vez máis difícil. Así é que atopar formas fermosas ou impactantes de comunicar a sabedoría coa que poderíamos vivir en sociedade non é trivial, senón urxente.

    Estou segura que calquera das tres mulleres que me transmitiron estas ideas estarían encantadas de que as empregarades na vosa vida diaria, nesas conversas nas que acabades coa paciencia ao vervos esgotadas ante a necidade coa que moitos afrontan a crise cultural que experimentamos.

    Estas tres reflexións apelan a diferentes áreas ou enfoques da tecnoloxía e da súa repercusión na cultura mentres que xogan todas a favor cara a imaxinar un futuro máis amable. Para este primeiro artigo escollín tratar o concepto de Intelixencia Artesanal. Unha intelixencia anterior á artificial e que hoxe se mostra imprescindible máis que nunca.

    Notaredes que emprego maiúsculas para referirme a este fermoso termo mentres que reduzo a minúsculas a intelixencia artificial (a cal, a efectos deste artigo, será sempre xenerativa, é dicir, grandes modelos de linguaxe). Esta é unha decisión consciente porque me gustaría que polo menos durante o tempo que lle leve á lectora rematar este curto texto, se tome en serio e se centre no que a Intelixencia Artesanal supón para todos nós.


    Intelixencia Artesanal

    Elena Romero, ciberactivista de Honduras, membra de Barracón Digital e colaboradora con numerosas organizacións pola defensa dos dereitos humanos, fala sobre a necesidade de conectar as mans e o cerebro. A aprendizaxe é un proceso moi complexo que o ser humano desenvolve ao longo de moito tempo e de xeitos moi diferentes. Esta última apreciación, considero, é esencial para comprender por que precisamos recordar as vellas técnicas artesanais, esas outras tecnoloxías que deixamos atrás pero que nos axudaron sempre na adquisición de habilidades. O emprego da intelixencia artificial na educación, o exceso de pantallas e a dixitalización de absolutamente todo tipo de aprendizaxe está a xogar na nosa contra pois esquecemos prestarlle atención á experimentación física do coñecemento.

    A aprendizaxe temperá do ser humano baséase na imitación, no modelado de condutas que observamos e na repetición de accións físicas nas que fomos instruídas. Poida que unha vez obtemos un certo nivel de coñecemento, unha vez que o noso pensamento crítico e as nosas capacidades acadaron certa plenitude, daquela podemos iniciar a aprendizaxe pola vía teórica exclusiva, e aínda así, habería que recoñecer os seus límites. A contraposición dos conceptos de intelixencia artificial e Intelixencia Artesanal paréceme brillante. Non se trata de menosprezar a primeira, consiste en admitir a necesidade da segunda.

    Penso que pasamos demasiado tempo discutindo de se a intelixencia artificial é útil ou non, cando o certo é que esa non é a cuestión. Aínda que ata o propio CEO de Microsoft está preocupado de que non atopan xustificación algunha para o seu emprego, o que considero verdadeiramente interesante é cuestionarnos se nos podemos permitir empregala, se o seu uso é a todas luces lexítimo. Non se pode extraer un único aspecto dunha tecnoloxía, neste caso a súa utilidade, para discutir o seu valor en totalidade. Precisamos ter sempre en conta as súas consecuencias, pois levamos miles de anos vivindo sen os seus beneficios e seremos nós os que viviremos cos seus efectos negativos irremediablemente. Ninguén pode negar que a intelixencia artificial ten graves repercusións no desenrolo e mantemento das nosas capacidades cognitivas ademais de que é a causa dun retroceso na xestión da crise climática. Polo tanto, a súa utilidade é a cuestión menos relevante nestes momentos, o realmente crítico son os seus resultados nocivos.

    Pola contra, a Intelixencia Artesanal proporciónanos non só coñecemento técnico, senón que exercitamos a intuición ao crear conexións nerviosas entre o noso cerebro e os nosos músculos. Trátase de aprender co corpo.


    Aprender co corpo

    Penso que hoxe en día calquera escoitou falar da desconexión que sofre o ser humano en relación á natureza, a que o rodea é a súa propia. Este último caso é ao que fai referencia iso de “aprender co corpo”. O dualismo de mente e corpo fíxonos crer que podemos separar a mente (xunto co raciocinio) do corpo ( e as emocións), levándonos a estados de inconsciencia, incluso en alerta, que se afastan moito da lóxica e do coñecemento. Recuperar esa conexión co corpo a través da Intelixencia Artesanal é un camiño de resistencia ao tempo que nos protexe dos ataques aos que as grandes empresas tecnolóxicas nos someten. Este vello tipo de aprendizaxe permítenos desenvolver as nosas capacidades dentro dun equilibrio medioambiental e cognitivo. Non contamina o noso entorno e non contamina as nosas cabezas.

    Intelixencia para a resistencia

    Compre definir ben aquilo contra o que resistimos para así poder actuar acorde. A miúdo caemos en inconsistencias porque o sistema nos empurra a facelo, e outras moitas esas inconsistencias aceptámolas e escusámolas porque nos resulta máis cómodo. Hai uns días, Alex Karp, o CEO de Palantir, expoñía un manifesto que se asemellaba moito ás ameazas dun supervilán. Viña a dicir que o desenrolo de intelixencia artificial está dirixido cara á proliferación de armas e que o contrario é inevitable. Considerando que Palantir está fundada por un dos homes máis ricos do mundo e ten o respaldo do país máis poderoso, non debería ser difícil definir o obxectivo da nosa resistencia.

    E con todo, o debate persiste. En España, son poucas as persoas que considerarían vivir nunha sociedade que permita levar armas a calquera cidadán como si o fai a estadounidense. E no entanto, discutimos de usos lexítimos da intelixencia artificial no seu emprego cotidiano. Do mesmo xeito que nos prantexamos as limitacións do emprego de armas temos que dubidar da intelixencia artificial.

    Un tema de coherencia

    Escoito da boca de Elena Romero o concepto de Intelixencia Artesanal no contexto dunha semana centrada no software e a cultura libre. Estou rodeada de persoas que apoian o emprego de ferramentas dixitais libres e procuran mellorar a nosa relación coa tecnoloxía creando e promovendo alternativas éticas a esas que proporcionan as grandes empresas. Procuran daquela ofrecer soberanía dixital e tecnolóxica á toda a poboación e, en especial, á que resiste.

    Por suposto, o constante debate sobre a intelixencia artificial non puido ser evitado, e de novo caeu con máis frecuencia do que a min me gustaría sobre a cuestión da súa utilidade. Non por iso se deixaron de lado as cuestións éticas, aínda que, penso, se cometeu un erro de lóxica ao propoñer os modelos de intelixencia artificial libres como unha opción que pode limpar as nosas conciencias. Persoalmente, non vexo que esa alternativa alivie os seus efectos nocivos.

    Cando substituímos un procesador de texto maligno e comezamos a empregar LibreOffice estamos a facer un cambio que ten consecuencias na estrutura social, no tecido económico e no balance de poderes, mais digamos que fica nese cosmos ficticio que rexe a nosa sociedade. Non por ser ficticio é menos real, porén, no caso da intelixencia artifical temos un nivel máis sobre o que traballar, un grado de preocupación engadido ao que prestarlle atención: o seu efecto directo no mundo físico. O seu emprego non só afecta á sociedade e a organización da mesma, tamén afecta ao medioambiente que soporta a vida, é dicir, o aire que respiramos, a auga que bebemos e a terra que cultivamos. Todo elo, independentemente de se é software privativo ou libre. Non se trata de usar intelixencia artificial de código aberto ou soportada por unha infraestrutura pública, pois de pouco nos serviría se a tecnoloxía en si mesma se basea en consumir recursos dos que non dispoñemos. Podemos traer á discusión modelos executados localmente que consomen menos enerxía ou tipos de intelixencia artificial que non precisan adestramentos tan custosos, mais nunca poderíamos permitir un chatbot ou un axente que interactúa cun LLM (grandes modelos de linguaxe).

    Durante unha das súas intervencións, Elena Romero describiu a súa posición como radical xa que considera que fuxir do emprego da intelixencia artificial é “un tema de coherencia”. Arguméntao sinxela pero contundentemente ao explicar a situación na que se atopa o seu entorno. Di que lle resulta difícil defender o seu uso cando unha ve a diario o espolio e a explotación da túa terra e da túa xente. A súa posición é, de certo, radical, pero non como unha opinión extremista o pode ser, senón como a análise profunda dunha problemática que pretende ir á raíz da cuestión. Lémbrame a iso que din de “ninguén será libre ata que todos sexamos libres”.

    A coherencia é a forma máis radical de resistencia pois apártate do control que o poder pretende exercer sobre ti. Por suposto que continúas exposta á violencia coa que o poder arremete, mais esta tamén se ve reducida, en particular no caso daqueles que empregan as tecnoloxías da comunicación como arma para desmontar o noso pensamento crítico, a nosa intelixencia.

    Regresar á Intelixencia Artesanal é unha necesidade, especialmente, se o que pretendemos é resistir. Escribir a man, debuxar no papel, moldear o barro ou esculpir a madeira. Cultivar, coidar e crear. Conectar a mente coas mans e experimentar, algún día, iso que vai máis alá da intelixencia: a sabedoría.


    Nas próximas semanas irán saíndo os outros dous artigos. No seguinte aproveitarei a desenrolar o concepto de coñecemento operativo, que nos presentou Laura Pérez na charla-coloquio sobre “Aprendizaxe e Intelixencia Artificial”.

    Reaccións do Fediverso
  • Dos 17 aos 85 anos, o solarpunk ten acollida

    Dos 17 aos 85 anos, o solarpunk ten acollida

    Cando lle propuxemos aos coñecidos de amarinha.gal falarmos sobre solarpunk a reacción foi bastante homoxénea: “Solarqué?” No Fediverso e noutros nichos do internert, o solarpunk é coñecido, é venerado como unha fonte de esperanza e inspiración. Pola contra, no mundo cotián dun pobo costeiro do norte lucense, o termo solarpunk, aínda que teña preto de vinte anos, parece acabado de inventar.

    O pasado venres 31 de outubro fixemos outra das nosas xuntanzas mensuais na biblioteca municipal de Ribadeo. Desta vez o peso recaeu sobre os asistentes quen foron partícipes dun taller de reflexión e creación de futuros optimistas.

    As preguntas xurdían incluso despois de escoitar a definición

    Que necesidade hai do solarpunk? 
    É tan só un xénero artístico máis?
    Que relación ten co mundo real?

    Vivimos nun contexto cheo de ansiedade, pola crise climático-ecolóxica e polos conflitos bélicos que aparecen como setas no outono. O sistema capitalista facilítanos caer na desesperación pois tornámonos moito máis manexables cando, como nos lembrou Antonio Gregorio durante a xuntaza, na nosa cabeza se escoitan ecos de Margaret Tatcher dicindo “there is no alternative” (non hai alternativa). Pois non, as alternativas hainas e delas se falou.

    Que necesidade hai do solarpunk?

    Un pobo no que traballan en colectivo montando paneles solares nun edificio e preparando o xantar con tecnoloxía low-tech
    https://storyseedlibrary.org/art/dustin-jacobus-low-tech-journal-potlach/

    A corrente que nos arrastra trata de levarnos a un futuro de dominación xerarquizado ao estilo feudal e encorchetado polos avances tecnolóxicos enfocados no control do individuo. O benestar non se contempla se non é para a elite fomentando así un ambiente de competición agresivo e violento. Non é evidente, daquela, a necesidade do solarpunk?

    Precisamos un discurso diferente que lle faga fronte a esa distopía autoimposta, que rete o imaxinario creado polos gurús tecnolóxicos, os tecnobros ou os emprendedores capitalistas que nacen cunha mina de diamantes debaixo do brazo. O solarpunk é un movemento que nos permite crear en colectivo a imaxe dunha nova sociedade que nos inspire a procurar un cambio positivo para todos. É, pois, unha alternativa á idea do fado distópico do cal nos queren convecer co fin de crear indefensión ante os abusos de poder que desexan normalizar.

    No presente determinamos a dirección do futuro a través das nosas esperanzas e expectativas. O camiño que tomamos só se debuxa cando coñecemos o destino ao que desexamos chegar. Para poder construír un proxecto novo precisamos debuxar o esbozo que nos servirá de guía, do contrario arriscámonos a deambular sen sentido vulnerables aos degoiros dos avarentos.

    É tan só un xénero artístico máis?

    Non, é un movemento que pola capacidade de influencia que posúe deixa de ser un xénero artístico para converterse nun axente transformador. Coa transmisión do solarpunk podemos inspirar, ofrecer esperanza, despertar conciencias e iniciar procesos sociais que rematen en tomas de decisión políticas.

    A arte nunca é tan só entretemento, sempre leva consigo un efecto social e neste caso falamos dun tipo de arte que como finalidade última ten a pretensión de mobilizar. De feito faino xuntando persoas de todas as idades xa que a temática non se ve afectada por un tipo de emoción asociada a unha etapa particular da vida, nin sequera se restrinxe a unha problemática social concreta, abarca con gran sensibilidade a totalidade da condición humana, pois sen esta visión holística, o movemento non podería crear un futuro sustentable e agradable para todos.

    Que relación ten co mundo real?

    Non é pouco frecuente que se interprete a idea de un mundo sustentable tal que o proposto polas ecotopías como unha simple ficción. Unha especie de momento inspirado no que a imaxinación esaxera as posibilidades. Moi ao contrario, o solarpunk pretende aterrar na realidade aquilo que levamos décadas contemplando e que, no entanto, non chega a entrar nos debates predominantes.

    Autor: Taylor Seamount
    CC BY-SA 4.0 https://storyseedlibrary.org/es/art/lino-zeddies-cologne-2048/

    Trátase de ofrecerlle un lugar ás preocupacións reais que a poboación, as súas necesidades ou as solucións suxeridas dende a base. O progreso tende a ser entendido como algo ditado pola clase dirixente quen se asume sabe mellor que ninguén o que precisan os seus cidadáns, mais sabemos que sen escoita activa as intervencións acostuman a tratarse dunha combinación de accións políticas que responden máis aos intereses dun partido que ao dos seus votantes. O solarpunk precisamente trata de solucionar iso, a través dunha expresión artística dálle voz ao pobo ao tempo que pon sobre a mesa solucións ignoradas a pesar da súa viabilidade.

    Áreas a cambiar, aquilo que protexemos e
    o coñecemento que transmitimos

    Como vos contaba antes, o taller do pasado venres recaeu na creatividade dos presentes. Como primeiro exercicio proposto (e único realizado pola abundante participación e a consecuente falta de tempo) suxerín explorar tres preguntas que me axudan a cuestionarme a sociedade actual cunha visión construtiva. Anímovos a que as respondades vós mesmo, e se é en compaña, aínda mellor.

    • Cales son as áreas que desexamos cambiar?
    • Que desexamos protexer?
    • Que coñecemento desexamos transmitir?

    Non pensedes que estas preguntas son escollidas ao azar. Cavileinas un bo pedazo. Non quería que a discusión se centrase na queixa, costume moi arraigada no capitalismo ou no cristianismo e que nos come por dentro sen permitirnos avanzar. Tampouco podemos falar do futuro que desexamos sen criticar o presente dalgún xeito, por iso pensei en “áreas que desexamos cambiar” xa que ao tratarse de áreas afastámonos da indignación persoal e achegámonos máis á colectiva.

    Considerei importante reflexionar sobre o que “desexamos protexer” porque acostumados a un sistema estractivista é fácil esquecer aquilo que é importante e merece ser conservado para sacrificalo sen escrúpulos ante a posibilidade dun novo luxo innecesario. Centrar a conversa na base que sustenta ao ser humano e á vida en xeral é a forma de que se tome a crise climática e ecolóxica en serio.

    A última pregunta, “que coñecemento desexamos transmitir”, fai referencia ao caos informativo no que vivimos, á perda de sabedoría que sufriu a humanidade debido ao colonialismo e á discriminación do coñecemento segundo este sirva ou non ao capitalismo. Recapacitar sobre a repercusión que terá aquilo que lle ensinamos aos máis novos, daquilo que deixamos plasmado en papel ou o que compartimos en masa.

    Os produtos da escoita activa

    Ao final deste artigo comparto convosco as achegas que fixeron os e as participantes do obradoiro. A maior parte delas abriron conversas que cruzaron a mesa intercambiando perspectivas que ían dende a visión dun rapaz de 17 anos á experiencia dunha muller de 85 anos, e por suposto, moitas outras entre medias. O respecto e o interese xenuíno pola opinión allea foi o ingrediente estrela xerando un ambiente cómodo para contribuír á actividade.

    Nun estilo similar a o dos nenos, vese debuxado un barrio axardinado con columpios e paseos cheos de flores. Na parte frontal hai pequenos e maiores xogando.
    https://storyseedlibrary.org/art/oh-shoot-i-arted-communal-rock-painting/

    Despois de algo máis dunha hora intercambiando ideas fixemos un repaso coa intención de concretar as solucións. Para iso empreguei unha listaxe persoal que preparei como exemplo e na que tratei de incluír todas as necesidades básicas do ser humano así como as súas diferenzas. Fíxeno inspirada no plantexamento que Ecoloxistas en Acción empregou para o material didáctico que desenvolveron no último ano baixo o nome de “Nova Cultura da Terra”.

    Os sete puntos que me escollín para crear un futuro optimista ao estilo solarpunk son os seguintes:

    1. Consumo de enerxía eficiente segundo as necesidades básicas da poboación
    2. Protección da auga: subterránea, ríos, océanos, dereito a auga
    3. Un deseño territorial que acompaña os límites ecosistémicos
    4. Dereitos básicos asegurados a través dunha distribución igualitaria dos recursos (limitados) do planeta
    5. Diversidade como fortalecemento (social e de especies)
    6. Espiritualidade enfocada nunha relación de equilibrio co resto da natureza
    7. Educación emocional e comunicativa como pila dunha política de convivencia respectuosa

    Ao afondar neste punto cada persoa sairá con solucións diferentes que se poden compatibilizar. Como vos adiantara, a continuación está a listaxe de propostas que se fixeron durante o taller. Veredes como os últimos dous puntos da miña listaxe son os que reciben máis atención. Irónicamente, na era do avance tecnolóxico o último que semella que precisamos é máis tecnoloxía. Pola contra, a maior parte dos retos que enfrontamos gravitan ao redor do vínculo humano coa natureza e consigo mesmo.

    Un paseo xunto a un río e preto dun edificio de dúas plantas e ducias de metros de longo. Todo o terreo entre o río e o edificio está cuberto de plantas e animais. O camiño e os bancos están cheos de xente, uns descansando e outros socializando
    https://storyseedlibrary.org/art/dustin-jacobus-water-street/

    Espero que non vos deteñades só na lectura destas ideas senón que as tratedes de colocar en cada un dos puntos e incluso engadades as vosas propias. Incido novamente en que o podedes facer mellor en compaña, durante unha clase ou cos socios do voso colectivo favorito. Canto maís falemos das posibilidades que ofrece o futuro e nos deixemos de fatalismos, máis preto estaremos de poder dar ese cambio que desexamos, precisamo, e sobre todo, podemos levar a cabo.

    • Creación diversa e local de roupa ou música, por poñer un exemplo de produto artístico. Dar valor ao arte como propósito.
    • Prestarlle máis atención ás persoas maiores (avós e avoas) como ás novas xeracións.
    • Reducir o ruído ambiental que acompaña a todo tipo de celebracións e actividades.
    • Cambiar a visión sobre os coidados, velos máis como unha oportunidade e algo do que aprender. Non só na familia ou lugares específicos, estender os coidados a todos os ámbitos da vida en sociedade.
    • Fomentar o pensamento crítico da xente, reflexión sobre o que se nos está a ofrecer ou o que facemos no día a día (protección de datos nas redes, por exemplo).
    • Cuestionar a necesidade da dixitalización e determinar que casos son máis ben unha Imposición.
    • Educación na reutilización e en compartir dende nenos(compartir/herdar/prestar libros, roupa, xoguetes…)
    • Maior comunicación entre persoas e comunidades proporcionándolle máis espazo ao desenvolvemento da intelixencia emocional e os valores compartidos e claros. Relacionarse sens transaccións económicas. Abordar con máis preocupación o tema dos nenos con móbiles dende bebés.
    • Transmisión de vivencias da xente maior. Familia, veciños e vínculos en xeral. Fomentar a tradición oral como ferramenta para crear e fortalecer relacións.
    • Cuestionar a esixencia de tomar partido en polos opostos e fomentar a conciliación entre distintos puntos de vista.
    • Afastarse do positivismo por ser unha imposición e superficial. Permitir sentir diferentes emocións segundo as circunstancias.
    • Educar de xeito ameno para xerar maior motivación e así alimentar os talentos dos alumnos. Reducir o número de contidos. Dar liberdade aos profesores fora das notas.
    • Fomentar talentos individuais e diversos.
    • Incluín no currículum universitario materias que che ensinen a defenderte no mundo e a xestionar a vida.
    • Importancia da persoa por riba da profesión. Dar importancia ao que cada quen quere ser ou como enfocar a vida e eliminar a xerarquía social segundo o tipo de traballo que se fai.
    • Menos individualismo, dar importancia ao que afecta á xente do entorno incluso se non os coñeces ou non compartes as mesmas problemáticas.

    Moitas grazas se chegache aquí. Espero terche removido un pouco o miolo ou polo menos xerarche un pouco de esperanza.

    Reaccións do Fediverso
  • Basta de tecnoloxía para curar o cancro, fagámola para evitalo

    Basta de tecnoloxía para curar o cancro, fagámola para evitalo

    Durante oito anos traballei na sanidade vendo como os meus pacientes se enfrontaban aos retos do cancro. Eu mesma perdín a meus pais por esta enfermidade a moi pronta idade. E aínda así cada vez que vexo un anuncio de protesta contra o cancro, non acabo de comprender a súa finalidade.

    Resúltame absurdo considerar o cancro como un axente social que destrúe vidas, un axente que hai que investigar e combater coma se fose un inimigo con intelixencia. O cancro é un proceso pouco ordenado iniciado por unha mutación, non ten entidade propia e rara vez aparece por xeración espontánea. Nos anuncios de concienciación contra o cancro sempre se fala de que precisamos máis inversión para atopar novos tratamentos, máis oncólogos e mellor equipamento tecnolóxico para detectalo, coma se estivese agochado en nós á espera do momento perfecto para emboscarnos e invadir o noso corpo. É unha idea que está moi estendida e que, insisto, é un pouco absurda.

    A maioría dos cancros están estreitamente relacionados coa exposición a produtos químicos, radiacións ou outros elementos tóxicos xeradores de mutacións. Ás veces ocorre na vellez e outras en idades máis temperás, non por iso é o demo quen se encarga de espallalo. Espallámolo nós a diario e de forma voluntaria, xeralmente, sen sabelo.

    Con isto non quero dicir que as persoas que sofre a enfermidade do cancro non merezan recibir unha atención adecuada. Obviamente, unha vez que alguén se atopa nesa situación a sociedade debe responsabilizarse de forma colectiva para prestarlle os coidados que precisa. A miña indignación radica en que protestamos máis pola falta de recursos para tratar o cancro que pola gran cantidade de actividades que os están a provocar, e ademais, legalmente. Centrámonos no tratamento e esquecemos por completo que un alto porcentaxe desta enfermidade podería ser evitado.

    A invisibilización dos disruptores endocrinos

    Recentemente houbo polémica en Andalucía porque o goberno autonómico, no canto de enfrontarse aos resultados que mostraban as exploracións preliminares de cancro de mama, decidiu ocultar información clave eliminándoa dos informes. Unha revolta lexítima para o pobo pero de pouco alcance e reducido carácter transformador. Andalucía é unha autonomía con abundante agricultura extensiva que botou man dos pesticidas e fertilizantes químicos para medrar. A evidencia científica leva tempo alertando do vínculo que estes produtos teñen en específico co cancro de mama debido a que se tratan de disruptores endocrinos, un tipo de sustancias que afectan ao sistema hormonal desencadeando procesos canceríxenos. Mais, cando a Unión Europea decidiu manter os niveis de glifosato que se podían empregar nos cultivos, boa parte da sociedade permaneceu allea a este tema, máis preocupados das complexidades que unha transición ecolóxica podería traer á industria agraria que da cantidade de vidas que o cancro trunca cada ano.

    A lista de contaminantes que se poderían reducir é por desgracia moi longa pero como parte positiva tamén se trata dunha extensa listaxe de accións que repercutirían positivamente no control do cancro e na mellora daqueles que xa o padecen. Algunhas sustancias como o tabaco ou o alcohol poden ser culpadas aos hábitos das persoas, sempre que non teñamos en conta a publicidade e a presión social que rodea o seu consumo, porén cousas como os químicos que se atopan nos produtos de beleza ou de hixiene corporal son eleccións que deixamos totalmente en mans das empresas manufacturadoras. O mesmo ocorre cos produtos de limpeza, tanto os industriais como os domésticos. A gran maioría posúe sustancias altamente tóxicas que son absorbidas a través da pel ou por inhalación, incluso os deterxentes da roupa fican adheridos ao tecido unha vez pasaron pola lavadora facendo que cada vez que a poñemos nos expoñamos a estes tóxicos.

    As maiores consecuencias recíbenas a xente máis nova. Cando entramos en contacto con radiacións ou químicos a pronta idade, existen máis posibilidades de que as mutacións adquiridas pola exposición evolucionen cara a unha enfermidade na idade adulta. Os plásticos que se poden atopar en moitos xoguetes son unha desas fontes de tóxicos que xunto cos produtos de hixiene e a contaminación ambiental xeran un efecto acumulativo nos corpos provocando cambios moito máis severos que os estudados pola ciencia de forma individual.

    Podería incidir en outras moitas medidas que se poderían tomar a nivel sistémico para realmente “combater” o cancro de forma efectiva pero prefiro que se vos xurde interese neste tema busquedes nomes como o de Carmen Valls Llobet, médica especializada en endocrinoloxía e medicina con perspectiva de xénero e profesora na Universidade de Barcelona, ou Nicolás Olea, catedrático de radioloxía e medicina física no Instituto de Investigación Biosanitaria da Universidade de Granada. Ambos son profesionais que dedican o seu tempo a estudar e divulgar esta temática.

    Pensemos en solucións que nos activen e enchan de esperanza

    Tras ler artigos coma este nos que se mostra unha situación indignante podemos caer con facilidade na frustración por iso non quero deixar o texto nunha nota tan incómoda de escoitar. Pese a que a situación do medio ambiente é preocupante e problemática para a nosa saúde, non debemos pensar que non existen alternativas en marcha ou accións que podemos levar a cabo para protexernos.

    Como exemplo gustaríame falar da transición ecolóxica que se iniciou en México dende a universidade e que agora a está a aplicar o propio goberno estatal. Ten como obxectivo eliminar os fetilizantes e pesticidas químicos das súas terras e deixar de depender da industria química sustituíndo o método que estas ofrecen por enxeñería biolóxica. México é un país moi afectado polas consecuencias destas substancias xa que é un país altamente agrario e durante décadas, do mesmo xeito que lle ocorreu a Andalucía, dependeu dos “milagres” da revolución verde para desenvolver a súa produción. Hoxe en día están a ser un exemplo do que significa levar a cabo unha transformación do sistema xa que as explotacións que se van sumando ao cambio están a identificar melloras tanto na calidade dos seus produtos como na calidade de vida das persoas involucradas sen sufrir consecuencias que desestabilicen os seus negocios.

    No referente ao que un consumidor perdido na xungla do capitalismo pode facer teño un par de consellos que aínda sendo sinxelos chegan moi lonxe. O primeiro é evitar calquera alimento procesado e consumir froitas e verduras locais ou tan sequera de orixe europeo. En cidades de varios millóns de persoas poida que isto se dificulte, pero no territorio galego, acceder a un mercado local é relativamente fácil, e hoxe en día incluso se poden facer encargos se non se pode acudir todas as semanas.

    O segundo trátase dunha aplicación de móbil chamada Yuka que identifica produtos de beleza segundo o nivel de toxicidade empregando un código de semáforo. Unha das dificultades que atopaba fai anos para mercar produtos adecuados era o descoñecemento de todas as substancias tóxicas que hai. Nesta aplicación podes ver que compoñentes son os que a evidencia apunta son prexudiciais e cales son seguros para ser consumidos.

    No ámbito alimentario tamén se está a desenvolver outro proxecto similar cunha aplicación chamada OpenFoodFacts e que tamén ofrece información particular sobre moitos alimentos segundo as túas preocupacións particulares, incluíndo tamén a orixe ética dos mesmos.

    O enfoque que lle damos ás nosas protestas fai a diferenza

    A miúdo cando nos indignamos por inxustizas ficamos na superficie do problema e esiximos cambios pouco significativos. Considerando o contexto de crise(s) no que nos atopamos non é sorpresa que nunha mesma semana haxa numerosas protestas por temas moi diversos. Por iso penso que é moi importante escoller as nosas batallas e non deixarnos levar por unha queixa baleira carente de perspectiva. É importante que enfoquemos as nosas loitas cara solucións realistas que nos proporcionen melloras a longo prazo. Non podemos conformarnos con parches que atrasen o colapso social un tempo limitado e nin sequera alivien o noso sufrimento. Escollamos unha dirección antes de empurrar con todas as nosas forzas.

  • En Palestina está o futuro do teu fogar, a túa familia e a túa vida.

    En Palestina está o futuro do teu fogar, a túa familia e a túa vida.

    O cambio climático é un síntoma da enfermidade de avaricia máis coñecida como síndrome capitalista, o xenocidio do pobo palestino non é máis que outro.

    Todos estamos coa causa, escóitase dicir á maioría que fica en silencio, as guerras non gustan a ninguén, como si se tratase dun suceso alleo a nós, como si non nos afectase directamente. O xenocidio do pobo palestino non é unha atrocidade de ocorre a miles de quilómetros, é algo que se desenvolve a diario nas nosas vidas. Trátase dun sistema socioeconómico que se sustenta na violencia indiscriminada e na explotación máis eficiente. Un capital que para sobrevivir ao fin do sistema que o xustifica precisa da guerra como o ser vivo da auga.

    Recentemente, Netanyahu fixo alarde dun delirio enmascarado de sentimento relixioso que ameaza ao pobo de Israel coa súa autodestrucción en base a unha esperanza pouco realista de que un salvador mitolóxico (o mesías) o veña a salvar. Como argumento para un filme de Marvel está moi ben, no entanto, á hora de dirixir un país resulta unha loucura.

    O estado zionista de Israel busca a loita definitiva contra o mundo enteiro a través do sacrificio humano de nenos palestinos. Incapaz de vencer a vontade dun pobo que resiste aínda nas condicións máis precarias, Netanyahu decidiu empregar a desesperación como estratexia de guerra. Pouco a pouco a súa corrupción política foise desvelando e non só o seu posto como presidente perigaba, tamén a súa liberdade, polo que se viu entre acorralado. Tal como conta o relato do xeneral chinés, cando viu que o combate chegaba ao seu fin e a derrota era inminente levou ao seu batallón, neste caso a un país enteiro, ata as beiras dun río, o río da decencia humana. Ese día foi no que tras crear e incentivar a organización de Hamas, decidiu empregala como chío expiatorio para inicial un xenocidio. Á beira da indecencia onde se desprezan os dereitos humanos, ignorantes da posibilidade de se rendiren, os seus soldados e cidadáns israelís atopáronse cunha encrucillada, a crueldade xa comezara e eles non eran nin conscientes de que as súas mans estaban cheas de sangue.

    Cando estas a piques de perder unha batalla como é o caso da carreira política de Netanyahu, podes renderte e aceptar a túa derrota ou podes guiar aos teus soldados ata colocalos entre a espada e a parede para que decidan loitar ata a morte. Nunha das últimas enquisas deuse a coñecer que o 47% dos israelís están de acordo con exterminar aos seus inimigos, actitude que lembra moito ao caso do guerreiro que pelexa pola súa propia vida. Os israelís non loitan pola súa propia vida mais si por defender a súa identidade, o seu ego. Durante anos permitiron o asasinato de seres humanos, e en particular, de crianzas, afundíndose na miseria espiritual e emporcallando a súa moral. Chegados a este momento, recoñecer o xenocidio do cal son partícipes xa sexa por intervención directa como por neglixencia é incriblemente doloroso, que lles queda, pois, mais que prestarse voluntarios a colaborar no delirio relixioso do seu ditador. As crenzas relixiosas sen autocrítica converte ao ser humano en presas de psicópatas na procura de servos descerebrados. Así que, si, os turistas israelís que este verán xeraron alborotos por todo o mundo probablemente non crean que matar nenos está ben, o máis seguro é que non queiran recoñecer que é iso o que co seu silencio levan tanto tempo facendo.

    Porén, a hipocrisía non se limita ao pobo israelí, o mundo enteiro, aferrándose ao capitalismo, un sistema económico inherentemente antidemocrático, non fai máis que lexitimar o que ocorre en Palestina. Este xenocidio, xunto con outras moitas guerras que houbo e aínda hai como a de Xemen ou Sudán, trátase dunha representación relixiosa do aceleracionismo , esa corrente de pensamento promovida polos capitalistas que non só se negan a deter a explotación que produce o crecemento económico infinito senón que apostan por pisar o acelerador e xerar unha situación aínda máis nefasta mentres confían en que o desenvolvemento da intelixencia artificial resulte nunha singularidade que nos salve a todos. Outro mesías que, si ben este non está vivo nin ten corpo de carne e óso, si consume enerxía e precisa de recursos como metais e minerais de terras raras para existir; é dicir, unha idea co mesmo grado de delirio tendo en conta o contexto da crise climática.

    O xenocidio do pobo palestino une ao pobo israelí que ansía atraer a un mesías que os salve de confrontar a realidade. O cidadán que apoiou o sistema capitalista como xerador de prosperidade e observa como as novas xeracións se vén privadas do básico e só esperan máis precariedade, teme recoñecer a súa equivocación e busca crear ese mesías soñado co impulso tecnolóxico que o capital considera conveniente impulsar. E que pasa cos resto? Cos que espertamos do soño, cos que saímos do delirio e desexamos avistar a realidade que nos alberga co fin de responsabilizarnos e crear un futuro mellor? Que podemos facer?

    Grafitti do "Camiño á Paz" feito sobre o muro de Netiv HaAsara preto do boder con Gaza. Unha pomba branca sobrevoa a mensaxe escrita en inglés "Path to Peace" que tamén aparece en hebreo e árabe.

    Os movementos sociais do pasado foron tradicionalmente acompañados de violencia. Para moita xente a revolución semella ir sempre acompañada do adxectivo “armada” pois a protesta pacífica non se lles presenta suficiente. Non se lles pode culpar sendo que incluso nos países máis democráticos do mundo vemos como o noso voto non cambia en demasía as dinámicas estruturais da sociedade. Non por iso debemos abandonar a protesta e manternos afastados da violencia, a única maneira de facerlle fronte á crueldade é mantendo a coherencia entre o noso discurso e as nosas accións.

    Se optamos pois polo camiño da paz, as regras non foron escritas. É un proceder que precisa ser inventado, os seus métodos chegan ata onde chegan porque non foron aínda desenvoltos. Insisto, non por iso debemos desistir, pois o existe o camiño incluso cando nós descoñecemos a ruta. Por sorte temos compás, fío e agulla. Miramos ao norte que é a procura dun mundo baseado na paz e fiamos redes sobre as que poidan caer aqueles que o sistema deixa caer entre as gretas. Resistimos a tentación de converternos en servos da rabia e a avaricia. Dedicamos tempo a imaxinar a alternativa, a falar dela cando lidamos cos que desesperan para que eles tampouco caian nas trampas do ego. E seguimos protestando pacificamente cada día que temos a oportunidade de facelo, sempre opoñéndonos ao xenocidio do pobo palestino sen favorecer o delirio de guerra relixiosa dos seus asasinos.

    Pero non abonda con iso, non chega con alzar pancartas ou escribir artigos de blog. Non abonda con saber que o sistema debe cambiar, non chega con desexar o cambio, o cambio hai que propicialo. Por sorte, vivimos inmersos no capitalismo, e do mesmo xeito que nos ten agarrados, tamén depende de nós. O capital depende da nosa forza de traballo, do noso consumo, da nosa cooperación. O capital ten máis que perder do que realmente cremos nós. A bolsa baséase nas nosas crenzas, no momento que deixamos de crer nas súas compañías, estas deixan de existir en cuestión de días. Se deixamos de consumir os seus procesados envelenados, estes deixarán de ser producidos. E sobre todo, no momento que deixamos de traballar para eles, o seu capital podrece.

    O traballo é a fonte de riqueza do ser humano, non porque se venda aos capitalistas, senón porque con el moldeamos a realidade material pero tamén a inmaterial. Non podemos continuar ignorando o poder que si temos para deixarnos fascinar polo poder que o 1% da poboación acumulou a costa de nós lles fiar o noso tempo de vida. Ser intolerantes co capital mal invertido é urxente pois trátase da plusvalía que fai uns séculos o ser humano soñaba con inverter nun futuro máis igualitario e sostible que nos permitise desfrutar máis das nosas vidas.

    Se temos a posibilidade de traballar menos para o capital e decidimos pola contra inverter esa forza de traballo en construír redes e en transformar a cultura da Terra, temos daquela un poder de acción enorme, temos a capacidade de cambiar as cousas.

    Deixar de traballar para o capital maniféstase de moitas formas. Modificar o noso consumo para consumir menos e mellor redirixe o fluxo de diñeiro cara proxectos transformadores e alimenta a procreación doutros similares. Boicotear a grandes emprezas é crucial. Escoller o emprego segundo a pegada que deixa na sociedade e non o estatus social ou económico que a un lle proporciona forza ao capital a apostar por inversións aliñadas cun futuro igualitario e sostible. Rexeitar empregos que ofrecen grandes cantidades de diñeiro por levar a cabo proxectos nocivos é crucial. Ser valente á hora de tomar este tipo de decisións ten moita máis significancia da que se lle está a dar. Unha soa pinga de auga non molla, iso é certo, pero non podemos esquecer que a goteira que nos inundou o faiado estaba feita de moitas pingas de auga individuais que persistiron en facer uso da mesma forza de gravidade da que todos desfrutamos. Insistir no punto débil do capital, e por ende do financiamento de Israel como estado xenocida, é crucial.

    Reaccións do Fediverso
  • Tecnodiversidade: a miña panadería que sexa local, e os meus servizos dixitais, tamén

    Tecnodiversidade: a miña panadería que sexa local, e os meus servizos dixitais, tamén

    Este fin de semana baixei á vila para ir a unha manifestación en apoio a Palestina. Eramos os mesmos de sempre pero tivo un bo efecto xa que, como estamos na costa e o verán se inaugurou, as rúas comezan a encherse con turistas, quen non tiveron outra que escoitar as nosas consignas.

    Non todo o mundo pode ir ás manifestacións ou mesmo non o considera como un método útil para levar a cabo o cambio social desexado. Por iso hoxe propoño outro método de presionar aos grandes poderes sen necesidade sequera de saír da casa: a tecnodiversidade.

    Moitos dos turistas que nos tiveron que “soportar” amontoábanse en fileiras na porta de varias panaderías coñecidas pola súa habilidade artesanal, unha imaxe que se repite tódolos anos e nalgunhas cidades, incluso todos os fines de semana. Cando mercamos pan, resúltanos de maior valor se coñecemos á persoa que o amasou e o coceu. Ver as mans que tocaron o noso alimento, danos confianza. No mundo tecnolóxico, aínda que a miúdo semella alleo á vida cotiá, tamén se pode facer o mesmo. De feito, xa existe, é unha realidade que xurde en recunchos concienciados pero que podería ser levado ao mainstream.

    A variedade no cultivo de artes e artesanías sempre foi para unha comunidade a mellor forma de acadar unha maior fortaleza pois ante un aumento das posibilidades tamén se dá un aumento das solucións. Na actualidade non cabe dúbida de que a biodiversidade é o principal indicador de saúde, tanto territorial como ecolóxica como cultural. Daquela, é sensato pensar que un modelo similar pode fortalecer a tecnoloxía, entendéndoa como un sistema plural cunha entidade única na súa relación co resto do ecosistema planetario.

    Co fin de explicar o concepto de tecnodiversidade, Yuk Hui, filósofo e enxeñeiro informático chino, fala dunha ecoloxía das máquinas que permita unha coexistencia respectuosa entre natureza e tecnoloxía. Trátase de buscar o xeito de integrar os avances tecnolóxicos dentro da lóxica da natureza para que esta non se vexa prexudicada cada vez que ao ser humano se lle ocorre unha innovación. Consiste en aplicar coñecementos éticos e biolóxicos ao aproveitamento de recursos naturais, precisamente para debuxar a liña que limita ese aproveitamento e unha devastadora explotación que nos está deixando sen eles.

    O método pasa por aumentar a variedade de tecnoloxía pero tamén a variedade de provedores e fontes de servizos dixitais. Do mesmo xeito que para a mellora da biodiversidade defenderíamos a produción de alimento local e a pequena escala, coa tecnoloxía debemos facer o mesmo. Esta práctica non só diversifica o poder que adquiren as empresas responsables senón que incrementa o número de perspectivas e fomenta que ideas realmente revolucionarias teñan cabida. Nun contexto homoxeneizado e monopolizado non é posible posto que os filtros impostos polos estamentos máis altos da xerarquización son estreitos o cal constrinxe a creatividade das innovacións. Pode soar irónico cando vivimos nun mundo acelerado que impulsa a produción de innovacións a calquera custo material, humano ou animal (sempre ao menor custo económico, por suposto). Porén falamos dun aceleramento mal dirixido que premia unicamente a rapidez e non presta atención aos resultados das súas innovacións, as cales pecan con frecuencia de non responder a necesidade ningunha e, en efecto, de ser prexudiciais para a maioría dos seres vivos.

    A filosofía da tecnodiversidade busca xerar unha nova cultura da innovación onde haxa espazo para que a vida, humana e non-humana, se poida desenvolver en saúde mentres que a tecnoloxía sexa máis un acompañante que un mecanismo de dominación. A última iniciativa que descubrín e que comparte esta visión, aínda que non o expresen deste xeito, é a asturiana Nuberu Dixital , unha cooperativa sen ánimo de lucro que ofrece servizos dixitais baseados en código aberto. Non se pode falar de tecnodiversidade, sen mencionar o Fediverso e a infinidade de instancias que nel se conectan. Tamén podemos falar de proxectos de índole máis física, como poden ser as tendas de reparación de electrónica que aínda resisten e apoian aos consumidores desencantados co sistema, ou as comunidades enerxéticas que aparecen, cada vez con maior frecuencia, grazas ao acompañamento de cooperativas como Nosa Enerxía.

    Evidentemente, fica unha opción máis: cocer o pan na casa. Quen non goza dun domingo de inverno xogando coa masa, deixando que as crianzas colaboren no proceso e desfrutando dos froitos dun esforzo colectivo? Por que non coller ese vello teléfono móbil e cambiarlle a pantalla? Por que non darlle unha man de pintura a ese moble vello? Nós tamén podemos ser axentes da tecnodiversidade ao tempo que transmitimos unha nova cultura ás xeracións que nos substituirán.

    Reaccións do Fediverso
  • Lamarr revolucionou o cine, impulsou a enxeñería e plantoulle cara a un nazi.

    Lamarr revolucionou o cine, impulsou a enxeñería e plantoulle cara a un nazi.

    Lamarr foi unha persoa que sen formación ningunha e tendo a súa carreira laboral orientada arredor do cine, conseguiu facerse un lugar na historia das invencións deseñando en colaboración con George Antheil un sistema de control por radio. Grazas á súa curiosidade e talento, a tecnoloxía deu un primeiro paso para que hoxe gocemos da marabillosa wifi.

    Pregúntome cantas persoas, ao ver a foto de portada deste artigo, asumen que Lamarr luce un sombreiro. Dende logo que Hedy Lamarr non ten o aspecto que se acostuma a asociar co dunha muller inventora. Acéptase un pelo branco curto ao garçon ou unhas lentes grosas caídas sobre un nariz entre dous ollos taciturnos. A imaxe do sacrificio polo ben da humanidade que Marie Curie nos deixou. Esta imaxe, pola contra, a dunha muller que non precisa abandonar a súa feminidade para compartir a súa intelixencia, resulta aínda controvertida.

    Muller morena, longas perstanas, e beizos grosos. Leva posto un vestido de lunares e un colar de perlas.

    Lamarr, austríaca filla de xudíos, comezou no cine moi nova e obtivo rapidamente un éxito notable mais tras casar co seu primeiro marido viu a súa carreira truncada. A súa vida, se somos precisos. O seu primeiro marido, malia que tamén tiña ascendencia xudía, relacionábase coa sociedade fascista do momento chegando a introducirse no negocio de armas. Con ela era tamén consistente coas súas ideas: maltratábaa manténdoa encerrada na casa e prohibíndolle continuar coa súa carreira. Fritz Mandl, o “Rei da Munición” como daquela era coñecido, foi o primeiro nazi que Lamarr combateu ao romper repentinamente co seu matrimonio e fuxir do país.

    Se hoxe en día xa é difícil para unha muller abandonar a súa parella, imaxino que fai preto de cen anos non era máis doado. Supoño que como moitas de nós, ao contar o maltrato recibido, foi considerada unha histérica e tivo que tratar coa incredulidade da xente. Ser unha actriz famosa non lle axudaría tampouco, especialmente tras protagonizar o filme Ekstase de Gustave Machtý no que aparecía correndo espida.

    Na actualidade séguese a cuestionar a capacidade da muller constantemente, de feito as cualidades que definen a feminidade son consideradas signo de debilidade, de inxenuidade e definitorias de fracaso… Nunca acadamos ese lugar de igualdade porque ao igual que o ex-marido de Lamarr, a sociedade capitalista precisa dun ser ao que magoar para sentir esa falsa sensación de superioridade. Menciono a sociedade enteira, porque se pode incluír ás mulleres no grupo emisor de menosprezos.

    Moitas mulleres buscan ser tomadas en serio a través da emulación do comportamento masculino tradicional, esa toxicidade baseada na competición. No paradigma da competitividade, a muller dura non é a que sobrevive calamidades e, con todo, atopa maneira de repoñerse para continuar alimentando a súa creatividade, senón que é a que mostra a mesma agresividade e falta de escrúpulos coa que a trataron. Escoitar ao resto de participantes dun coloquio non é considerado intelixente porque se premia a quen pisa aos demais ao falar. Non importa que para aprender sexa necesario ficar analizando e reflexionando as palabras dos demais. O que prevalece con frecuencia é a atención que un atrae, non a que presta.

    Son daquela as mulleres que se adaptan a esta forma patriarcal de facer as cousas as que obteñen os escasos espazos que se lles deixan facendo que outras maneiras de ser dentro do espectro da muller nunca cheguen a ser visibilizadas.

    Dende 1939, Hedy Lamarr recibiu numerosos premios polo seu talento artístico como actriz, mentres que tivo que esperar ata 1997 para que a súa contribución á electrónica fose recoñecida como se merecía. Do mesmo xeito que inconscientemente continuamos a alagar ás nenas pequenas polo fermosas que son e esquecemos mencionar a súa intelixencia.

    Admiramos a quen escolle a ciencia do combate pero que pasa con quen escolle a ciencia do coidado?

    Reflexionando sobre como a sociedade valora os logros da muller decateime de que as disciplinas tamén sofren o machismo. A ciencia tecnolóxica está vinculada co masculino e así é que recibe máis atención e financiamento. Outras disciplinas son, pola contra, entendidas como cousa menor, como cousa de mulleres. Son, por tanto, desatendidas e ignoradas.

    Unha enfermeira dos anos 20 con cofia sostén un bebé nos brazos

    A enfermería e unha delas. Esa ciencia que se basea a vixilancia, na recolección de datos e na tenrura do trato humano como ferramentas de traballo. A miúdo vese como unha profesión de menor importancia e coñecementos que a medicina ou a química, como se existise só para ser unha figura asistencial.

    En 1958, Jean Ward descubriu o que hoxe se coñece como fototerapia neonatal, o tratamento máis común para a ictericia neonatal. Non o fixo con punzantes instrumentos nin agresivos fármacos, fíxoo precisamente con esas características femininas que seguimos menosprezando: a observación, a escoita e a compaixón. Naquel tempo, por prescripción médica, os bebés recibían transfusións de sangue para a ictericia cun resultado menos prometedor do esperado. Jean Ward notou que todo o que precisaban era un pouco de sol. Sen permiso e a escondidas dos facultativos, levaba a pasear os bebés prematuros polo patio do hospital porque notaba que estaban visiblemente mellor despois de estar fóra. Un día, un médico que traballaba con Ward, o doutor Dobbs, notou que a pel debaixo dunha manta parecía máis amarela que aquela exposta ao sol. O primeiro que fixo o doutor Dobbs foi acusar a Ward de tinguir a pel daquel bebé con iodo para probar a súa teoría. Imaxino que era o instinto que lle dicía que unha muller, prestando atención dende unha posición social inferior, non podía descubrir un mellor tratamento que o que un médico podía prescribir.

    A enfermería aínda é considerada unha profesión supeditada á medicina en lugar de recoñecer a súa colaboración. Probablemente porque a maior parte das profesionais son mulleres e “o único que fan é coidar”. A enfermería é unha disciplina que loita pola prevención da saúde e a independencia do paciente. Ambos son obxectivos que comparten coa medicina o suxeito de estudo, pero que se diferencian dela xa que esta última se preocupa da diagnose e tratamento da enfermidade deixando a un lado o mantemento da saúde.

    O patriarcado chega ao máis fondo da nosa cultura. Non é de estrañar que un dos obxectivos máis recentes do feminismo é o de poñer a vida no centro. Si, os coidados. A ciencia, tan correcta e exacta ela, precisa revisarse, calibrar os seus instrumentos e redireccionar a mirada. O mundo merece e anhela unha ciencia en feminino que observe, escoite e trate a vida con tenrura. Unha intelixencia diferente, lonxe de ser artificial, unha intelixencia feminina.

  • Non vos desesperedes, é só a adolescencia da humanidade

    Non vos desesperedes, é só a adolescencia da humanidade

    Como, con tanto coñecemento acumulado, nos comportamos tan salvaxemente?

    Se consideramos toda a humanidade como a un único ser vivo e comparamos as épocas históricas coas etapas de vida dun humano, atopamos suficientes similitudes coa adolescencia.

    Estamos nun momento histórico no que, no seu conxunto, a sociedade posúe abundante coñecemento sobre unha infinidade de disciplinas, humanísticas ou científicas. Semella que sabemos todo o que hai que saber para solucionar os nosos problemas, sexan climáticos como sociais, porén somos incapaces de poñelos en práctica. Centrámonos noutras cousas que en lugar de axudarnos a medrar como ser vivo, alimentan o ego desa idea de “Humanos Vs Natureza”. Deste xeito é que, dende fóra, dende o espazo exterior, parecemos adolescentes en plena crise existencial devecendo por evolucionar e frustrados por non conseguilo.

    A lactancia pasámola na prehistoria. Acubillados en covas, comendo o que a natureza nos daba e durmindo o resto do tempo. Experimentamos o contacto con outras especies e empezamos a diferenciar entre as que nos sentan ben e as que non. Eramos bebés que choran cando algo lles molesta e rin cando algo lles presta.

    Pouco a pouco, fomos aprendendo a xogar. Primeiro co lume, como os cativos que, atraídos pola beleza das lapas, se achegan á cociña de leña da avoa e asumen as consecuencias de ignorar o perigo das altas temperaturas. Tamén empregamos pedras para interactuar con esa natureza que xa deixaba de ser tan descoñecida e, incluso, nos atreviamos a dar os nosos primeiros pasos como seres independentes iniciándonos na agricultura.

    Podemos comparala, pola gran carga impulsora que para nós foi a agricultura, coa liberdade que lle dá a unha crianza ser capaz de desprazarse sen axuda dos seus coidadores. É un cambio de paradigma, tanto, que ata podemos ir á escola. E iso fixo o ser humano, púxose a traballar e a inventar maneiras de xogar máis e mellor. Aprendeu.

    Comezamos a moldear o barro e posteriormente fedellamos co bronce, co ferro e outros metais. Desfrutamos construíndo e enchendo o noso entorno con louzas e trebellos, tal que fosen plastilina e bloques de Lego. Exercitamos a nosa creatividade e cada vez fomos construíndo cousas máis grandes. A infinidade do mundo era o noso límite.

    Exploramos a terra e o mar. Chegamos a todas as esquinas do planeta e deixamos a nosa pegada. Investigamos o que alí había e pensamos en formas de empregalo para os noso proxectos creativos. Apareceu a escritura impulsando esa acumulación de coñecemento e dándonos a posibilidade de transmitir as nosas vivencias a un público moi futuro.

    Recursos naturais, materiais escolares. 
    Aventuras de exploradores, traballos de clase e exames. 

    Fomos aprendendo, “dominando a materia da natureza”. E agora chegamos como adolescentes aos últimos cursos do instituto, xusto cando podemos demostrar o intelixente que somos, pero sentimos que algo está a cambiar, serán as hormonas, se cadra o clima. Non nos sentimos capaces de enfrontarnos ás tarefas que nos son encomendadas. A nosa mente perde a atención de forma constante, será a puberdade ou será a electrónica a que inundou as nosas vidas. Non queremos escoller. Só nos culpamos.

    O ser humano vive unha crise existencial.

    Ao igual que na adolescencia as crianzas se desilusionan dos pais ao descubrir que non o saben todo, a humanidade cría que o mundo era infinito e agora atópase con que ten límites. A nai natureza pode dar ata onde chega, o pai pode protexernos ata que nos vemos ante perigos para el descoñecidos.

    Na historia do ser humano estase a escribir un capítulo de gran transformación. Non porque os avances tecnolóxicos nos vaian mostrar unha sen fin de posibilidades, senón porque estamos a replantexarnos o que significa ser parte deste planeta. Cal é o noso lugar no conxunto da vida?

    A adolescencia é dura, pero pásase. A crise climática é de gran relevancia, importa o que fagamos para superala. Os conflictos locais e internacionais non son simples “cousas de rapaces”, hai que interceder e deter as guerras antes de que sexan xenocidios. Ao igual que no caso do individuo adolescente, para superar esta crise existencial humana, o prioritario é aprender a regular as emocións, sandar a conexións e dialogar sobre que límites merecen ser explorados e cales deben ser respectados.

    A adolescencia da humanidade é unha etapa complicada, mais pode superarse. 

    A intelixencia e a sabedoría son cousas moi distintas. Que a humanidade sexa a representación do animal máis listo non significa que sexa o máis sabio. Acadamos o cumio do coñecemento, e semella estamos nesa montaña da ignorancia descrita polo efecto Dunning-Kruger. Non é algo malo en absoluto, trátase dun paso máis que precisamos dar para poder adquirir a sabedoría que a humanidade pode acadar.

    Unha vez superemos este tropezo experimentaremos a modestia coa que debemos ser parte da natureza e poderemos ir comprendendo pouco a pouco todas esas preguntas de gran calado que agora ata nos asusta propoñer. O obxectivo da nosa especie deixará de ser ese de sermos os máis fortes e poderosos para ser ese de formar parte de algo máis importante que nós mesmos.

  • Por que, tras ser case esquecidos, o pensamento máxico e a poesía están agora a ser reconsiderados?

    O pensamento máxico e a poesía están a ser reconsiderados ao atopar neles as metáforas necesarias para articular ideas complexas nunha linguaxe sinxela, ideas xa reflexionadas nun momento histórico de pouco coñecemento técnico. Digo técnico porque daquela o coñecemento era espiritual e profundo comparado coa ciencia ou coa superficialidade que hoxe nos dominan.

    A linguaxe é un mecanismo que desenvolven os animais para poder comunicar aquilo que se constrúen no seu mundo interior. O mundo das ideas do que nos falaban os antigos gregos xamais se deu na linguaxe senón que esta é só un vehículo co que transmitilas. Ás veces relacionamos aos elocuentes cos que posúen unha capacidade de pensamento complexo, mais son dúas características totalmente diferentes.

    Unha persoa pode ter a capacidade de invención de Da Vinci e verse primada da posibilidade de comunicar eses conceptos e figuras mentais. A historia de Jacob Rock é un bo exemplo ilustrativo. Trátase dun rapaz autista non-falante que tras pasar unha boa parte da súa vida ignorado rematou mostrándolle ao mundo unha fermosa sinfonía de setenta minutos. Explicaban os seus pais que Jacob tiña uns 17 anos cando se lles abriu unha vía de comunicación.

    Os seus mundos cambiaron drasticamente en 2020 unha vez que Jacob, tras anos de intenso adestramento de movemento, aprendeu a usar un dedo para escribir nun iPad especialmente equipado con indicacións de texto a voz, o que lle permitiu falar por si mesmo por primeira vez.

    A súa familia sempre o alcumara Jake, pero unha vez que soubo escribir, «Unha das primeiras cousas que dixo foi: “Chámame Jacob”», contaba Paul.

    Non queda dúbida de que a linguaxe, ferramenta coa que tratamos de articular o mundo material que a ciencia explora, non é tan relevante cando se trata do proceso de creación, o cal pode ser levado a cabo coa capacidade de comunicación comprometida. Tamén se revela obvio que sen a comunicación o creado queda nunha especie de conxelador mental.

    Unha crise existencial mundial

    Vivimos nunha época de cambio, de reflexión ou falta dela. A humanidade está a confrontar unha realidade da que non pode fuxir: a finitude do planeta que alberga a nosa vida. Esta realización achéganos a un campo de estudio paralelo á ciencia. A moitos gustaríanos pensar que coa exactitude da ciencia poderíamos comprender o universo enteiro mais para iso teríamos que deixar atrás unha serie de aspectos esenciais como son a nosa consciencia e a nosa necesidade de significado.

    Aí é onde ten presencia e importancia o pensamento máxico e a poesía. Penso que ás veces nos asusta tanto a noción de enganarnos que rexeitamos calquera forma de aprendizaxe que poida involucrar unha certa distancia coa precisión matemática á que estamos acostumados. Refírome por suposto a quen puxemos as nosas esperanzas na ciencia como transporte cara ao progreso. Exclúo desta conversa a quen non respecta o método científico ou despreza a axuda que este supón. Céntrome, entón, na mente materialista que non pode concibir a posibilidade dun coñecemento que non sexa científico.

    Cando o planeta no que un reside se laia polo sufrimento ocasionado e as solucións non semellan chegar a porto, é lóxico que nos vexamos envoltos en preguntas filosóficas. A psicoloxía pode tratar de explicalo, e se cadra co tempo conseguiremos atopar nela as respostas que procuramos. Porén non temos abondo tempo, precisamos acceder a un coñecemento moi elevado para poder soportar, sobrevivir e posteriormente florecer á situación presente.

    Ese coñecemento posúeno e posuíano moitas culturas indíxenas que tachamos de ignorantes e non se dubidou en aniquilar. Agora ficamos só cos restos que se salvaron da masacre cultural que se levou a cabo. Este coñecemento non emprega números, non fai uso de microscopios nin de laboratorios. Non sabe de estadística e moito menos de concreción. Traballa no abstracto, no etéreo, nesa parte da nosa existencia que non pode ser articulada en palabras precisas e, con todo, consegue transmitir un coñecemento inefable co emprego do que algúns cren que son fantasías pero que outros sabemos que son meras metáforas postas aí para que a mente humana teña unha guía espiritual.

    O cambio climático e o pensamento máxico

    Se houbésemos de prestarlle un pouco máis de atención ao pensamento máxico co que as culturas indíxenas comunicaban os seus coñecementos houbésemos de aforrar o cambio climático.

    A mentalidade europea, falsamente empoderada pola ciencia, arrasou con calquera que se lle interpuxese no seu camiño de avance e progreso. Non escoitou a aqueles que insistían en venerar á Natureza como a unha nai ou en respectar do Gran Misterio polo perigo de engrosar o noso ego. Hoxe, acumulamos datos e analizamos estadísticas para chegar á mesma conclusión e continuamos menosprezando a poesía coa que estas persoas nos falan das grandes verdades do mundo como se fosen desvaríos de enfermos mentais.

    O pensamento máxico e a poesía son elementos indispensables da cultura humana para sermos capaces de atoparlle sentido ás nosas vidas ou de comprender a inmensidade do universo dentro dos límites da capacidade humana. Podemos cartografar a galaxia enteira e seguiremos sendo incapaces de entender o seu impacto sobre a nosa insignificancia. Permitirnos aprender estas realidades a través de metáforas e tomarnos en serio esas intuicións que sacamos delas, pode ser a pinga que lle falta á humanidade para poder arranxar a desfeita que o afán de desenvolvemento provocou.