A revista Lua Nova é un proxecto dirixido por Asociación Cultura Galega Rosalía de Castro, unha comunidade galega moi activa e asentada en Cornellá (Barcelona). A continuación déixovos unha ligazón na que podedes acceder ao exemplar completo.
Recentemente comecei a organizar unha pequena biblioteca abandonada composta por unhas tres ou catro librarías cheas de exemplares de todo tipo. Iso si, todos son antigos, sendo que os máis novos foron publicados arredor dos 70. E preguntaraste: que ten que ver isto con Telegram e cos dereitos da muller? Moito máis do que te esperas.
n
A miúdo escóitanse queixas sobre a suposta ignorancia das novas xeracións. Dise que tendo unha computadora en cada casa e un móbil en cada man, é case un pecado que se afundan na incultura e non traten de adquirir un maior coñecemento que esas xeracións educadas baixo a tutela da ditadura. Hai quen asegura que a desidia é o problema. Que prefiren seguir a influencers vacuos e non a pensadores con opinións reflexionadas. Mais é de verdade un tema de falta de vontade?
n
n
nn
É certo, hoxe en día existe unha extensa cantidade de información, porén o acceso e o manexo da mesma non son habilidades que se estean ensinando, e por tanto, a rapazada descoñece como enfrontarse a ese océano que chamamos Internet. A falta de experiencia neste ámbito non é culpa da mocidade senón que é responsabilidade daqueles que esqueceron transmitirlla. Sexamos claros, entregarlles un aparello electrónico sen maior explicación é como ensinarlles a ler coa Cartilla del Niño Español.
n
Cando atopei este exemplar entre outros moitos libros escritos por membros da Falange non puiden máis que sentir compaixón por todas eses cativos do pasado aos que un día lle entregaron estes cadernos sen maior explicación ca de aprender a ler.
n
n
nn
Nas últimas xornadas moitos comentamos a posible desaparición de Telegram en España. A orde de suspensión non chegou a ser final por considerarse unha decisión “excesiva e non proporcional” segundo dixo o xuíz da Audiencia Nacional, mais pódese albiscar que os tres medios de masa que puxeron a denuncia (Mediaset, Atresmedia e Movistar Plus), non faltándolles público de sobra, sentíronse ameazados en particular por esta aplicación de mensaxería. Se iso se debe á privacidade que lle ofrece esta empresa aos seus usuarios, non se sabe.
n
Pola súa banda, eles aseguran que o motivo da denuncia é o “presunto uso non autorizado de contido audiovisual sometido a dereitos de autor”. A escusa a min non me convence, o que si me queda claro é que non parece importarlles que os usuarios doutras aplicacións de mensaxería fagan o mesmo. Coincide tamén co feito de que WhatsApp acaba de facer obrigatoria esta mesma semana a copia das túas conversas. É dicir, unha modificación que se traduce nunha gran perda de privacidade para os seus usuarios. Se tiñas desactivada a opción de facer unha “back up” porque non che agradaba ceder os teus datos con tanta lixeireza, que saibas, WhatsApp activouna sen que ti te decatases. Non só iso, se non que a subida ao servidor de dita información se fará sen cifrar.
n
A historia non remata aí, Instagram tamén está a realizar esta tempada pequenos e “insignificantes cambios”. Baixo o pretexto de ofrecer control, o 9 de febreiro a compañía informou de que esta aplicación terá como opción predeterminada a restrición de contido político e social, facendo que moita xente que non estea ao tanto se vexa pouco a pouco cada vez máis desinformada neses temas que nos competen a todos.
n
Este método de control de información semella aquel empregado nunha revista poeirenta que atopei na biblioteca abandonada. Polo 1968, publicouse unha colección de libretos chamada Temas Españoles. Entre eles atopábanse uns titulados Los derechos de la mujer escrito por Rosario Sainz Jackson. A priori unha debería estar contenta de que antes dos 70 houbese xa tal preocupación como para que a editorial Publicaciones Españolas, dependente do Ministerio de Información e Turismo, imprimise tantos exemplares sobre un tema que aínda a día de hoxe é delicado. Se cadra algún lector espelido xa se decatou do acontecido. A pesares de que a temática era prometedora, o que me atopei no interior non o foi tanto. Trátase dun texto que se ben exhibe certos avances en tema xurídico, tamén trata de disuadir a aquelas mulleres que puidesen ter algún xerme feminista ofrecendo a seguinte conclusión:
n
n
nn
n
Así, pues, hemos visto que realmente en Derechi Político y de Trabajo poco o nada queda por conseguir, puesto que nuestras leyes son hoy de las más avanzadas en este sentido. Se consiguió la igualdad de salario, que como vimos en países considerados el reino de la mujer, aún no lo disfrutan. Se consiguió la carrera judicial y la diplomática; sólo faltan los Cuerpos Auxiliares de la Policía y de las Armas, pero ellos, si un día se considera necesario, vendrá sin violencias.
n
n
Dado que no mesmo documento se recolle “a obrigación da muller a obedecer e a seguir ao marido onde queira que fixe a súa residencia” non podo máis pensar que esta libreto constitúe unha peza de propaganda elaborada coa intención de controlar o movemento feminista que por aquela época se estaba a organizar con certo éxito.
n
n
nn
Volvendo ao presente, temos un exemplo similar. Varios países occidentais están considerando expulsar da súa internet a aplicación de vídeos TikTok. Neste caso alegan que a súa propiedade cae baixo o poder dunha ditadura e que por tanto o seu contido non é seguro. Outros, con todo, observaron que precisamente esta rede social de masas é a única que non censura aquel contido que expón o xenocidio palestino. Moitos creadores de contido teñen ben sabido que, na meirande parte das plataformas, se empregan o hashtag #freepalestine teñen menores posibilidades de ser visualizados.
n
Do mesmo xeito, se un intenta compartir en Facebook artigos procedentes de páxinas web de prensa críticas con certas nacións imperialistas como é o caso de Strategic Culture Foundation, vese bloqueado obtendo a cambio un simple mensaxe de erro estándar. Con isto non digo que eu estea de acordo coa maioría do que esta páxina proclama, pero tampouco o estou con outros moitos xornais e non por elo se deixan de promover. O que me parece curioso é que non se dea explicación ningunha, que simplemente se restrinxa, pois faime preguntar que outras cousas deixamos de ver nas redes sociais de Meta porque simplemente nos atopamos cun “erro do sistema”. Día tras día ofrécennos fake news por un tubo, e lonxe de ser despistes son anuncios polos cales Facebook cobra os seus honorarios. Por que non os revisa antes? Ou é que si o fai?
n
É fácil caer nun pozo de impotencia ao non saber que facer ante estas invasións de privacidade, ante a censura dos nosos discursos e liberdades ou ante o recorte sibilino do noso horizonte cultural. Mais existen numerosas alternativas coas que ampliar a nosa visión que non dependen doutra cousa que non sexa a nosa ansia por saber.
n
Podemos optar por medios de comunicación independentes que sobrevivan unicamente co aporte voluntario dos seus lectores. Se non pagas pola información que consumes, o máis seguro é que a túa atención sexa o produto.
n
Tamén conseguimos unha información menos adulterada cando empregamos espazos virtuais alternativos do tipo do Fediverso. Neste ligazón podes atopar o acceso a un artigo no que falo sobre elo con maior detalle.
n
E non se trata só do consumo de noticias, tamén a cultura á que nos decidimos expoñer ten un gran peso en como alimentamos as nosas mentes. Así pois, é aconsellable decantarse polo cine indie e apoiar aquelas producións que foxen de narrativas trilladas. Se preferimos manternos na comunicación escrita, podemos escoller libros e autores polo moito que nos fan reflexionar e non tanto polo rápido que pasamos as follas. Evitar as grandes librarías e en especial hipermercados, facilítanos o acceso a unha variedade máis ampla de material cultural.
n
Estas son algunhas das habilidades que deberíamos transmitir á mocidade para que non se deixen levar por influencers consumistas ou polos discurso das extremas dereitas. Sería unha pena darse por vencidos sendo que hai tanto que podemos facer.
Tan pronto como o feminismo se pon de moda saen libros nos que se fala de violencia doméstica explotando o tema para obter o morbo necesario que demanda o mercado. Do mesmo xeito, ao aparecer o racismo na televisión saen libros con personaxes negros. Lamento dicir, pois malgastei horas de lectura, que eses personaxes son unha Mary Sue máis e que lonxe de achegarnos a un pensamento antirracista, reforza estereotipos.
n
Unha Mary Sue é aquela personaxe plana e perfecta á que todo lle sae ben. Adoitaba a ser unha rapariga de beleza indescritible co pelo roxo e cunha intelixencia desbordante. Agora, co avance dos tempos, resulta que o máis “trending” é darlle algo de color á paleta de personaxes e escoller no seu lugar un cativo negro.
n
No último ano atopeime con dous libros escritos e editados en Galicia que caían neste erro tan daniño para a representación de calquera persoa pertencente a un grupo discriminado. Non vou desvelar o título das obras por non darlle a publicidade que outros libros si se merecen, mais podo dicirvos que tanto un como o outro recibiron o mesmo premio pola igualdade. Agora veredes porque cando descubrín este dato me botei a rir (por non chorar). E si, as túas sospeitas son correctas: A Galiza “progre” tamén é racista.
n
Nun deles sae como co-protagonista un neno negro dicíndolle a unha rapaza que ela non pode ser racista porque sabía que se deitara con homes de pel escura. Dime ti, si tal afirmación non soa moi parecida á famosa “eu non son homófobo porque teño un amigo gay”. Que a frase saia da boca dun personaxe negro non fai a súa autoría menos racista.
n
No outro libro a Mary Sue que escolleron tamén é un neno negro, pero neste caso o despropósito sae da boca do narrador branco. Este asegura encantarlle a pel escura porque non só é máis bonita senón que tamén é mellor para ir á praia pois non precisan botar crema. Segundo a autoría desta obra parece ser que unha persoa negra é inmune aos raios ultravioletas. Non importa que a comunidade científica leve tempo esforzándose para desmentir tal tópico e que abonde cunha simple busca en internet para informarse deste feito; claro está, se primeiro te fas preguntas e asumes a túa propia ignorancia nun tema tan delicado.
n
Diría que estes personaxes foron construídos con tintas racistas pero o certo é que non foron construídos para nada. A súa pouca profundidade é case unha falta de respecto, pois son personaxes que se moldean ás esixencias do escritor e as necesidades das personaxes caucásicas. É como se lles parecese que ser negros xa é abondo como para darlle unha personalidade propia. Son personaxes planos de pel escura escritos para aliviar a conciencia dos seus autores brancos.
n
Cando un le a un autor negro pode desfrutar de personalidades complexas, coas súas arestas máis ou menos boas e coas súas inconsistencias, típicas do ser humano, independentemente da cor da súa pel. Estes dous exemplos de Mary Sue transformada en nenos negros non ofrecen representación algunha aos cativos de pel escura que han de ler estas obras. Polo contrario, recibirán a mensaxe de que se desexan estar no mundo dos brancos teñen que ser perfectos e planos.
n
Se non fose porque estas dúas novelas foron premiadas pola igualdade en particular, non me indignaría tanto ver estes erros. Atribuiríallos á ignorancia que calquera de nós ten nalgún tema, pois eu non estou exenta de cometelos tampouco. Máis foron premiados precisamente por este motivo!
n
Que fácil é escribir sobre igualdade cando a barra está tan baixa. Con botarlle unhas pingas de cor ao tinteiro xa chega. Seguramente non sería suficiente se o xurado dese premio estivese composto por persoas racializadas ou pertencentes ao colectivo LGBT quen tivesen a oportunidade de xulgar directamente as obras como os afectados pola desigualdade que son. Pero cando os xurados están maioritariamente formados pola heterosexualidade de homes e mulleres brancas de posición acomodada non é fácil apreciar os detalles do que é a experiencia daqueles que sofren.
n
Antes de finalizar, dicir que eu tamén son branca e que por tanto non son a máis indicada para falar disto, pero como non fun capaz de atopar en internet a ninguén máis que se queixase sobre esta distorsión do que é a igualdade. Decidinme, polo tanto, a abrir o melón e a sacar o tema a relucir coa esperanza de que xente máis entendida se anime a facer unha crítica máis axeitada.
n
E por último, deixarvos cunha pregunta. Se é que en Galicia temos o premio pola igualdade como é que non temos a escritores de pel escura? Onde é que os agochamos? Porque eu estou segura de que, como nós as meigas, habelos hainos.
Unha das sensacións máis agradables das que dispón o ser humano son os chamados “baños de natureza” 🍃🌳🌾 En Galicia témola oportunidade de gozar deles con relativa facilidade. A miña pregunta acostuma a ser:
n
🧧 Por que non o facemos máis a miúdo?
n
🍁🍂🍄 Este é un poema de cando estaba afastada desta marabilla que temos de terra. Sei que haberá moitos que se sintan identificados e outros tantos que, sen ter marchado, coñecen igualmente o sentimento. Espero que vos agrade.
nnn
Se desexades a transcrición do poema tédela nunha antiga entrada deste mesmo blog.
A sorte de vivir no rural é que sempre estás rodeada de fermosura. A inspiración do campo é a mellor porque nos fai valorar e mencionar animais, flores, árbores e demais compañeiros da vida humana.
n
Hoxe vámonos ás profundidades da natureza para gozar dun poema.nUnha pombiña negra que debido aos seus despistes se ve atrapada nun faiado.nQuen é esa pombiña negra e como sairá de alí?
nnn
n
Grazas por escoitarme e espero que vos gustase tanto o poema como gravación deste bonito lugar.
Fai uns días volveuse a renovar o uso de glifosato na Unión Europea durante os próximos dez anos. Os ecoloxistas recibiron a nova con preocupación e algúns grupos de agricultores celebraron a mesma. Non cabe dúbida que tratándose dos maiores colectivos enfocados á natureza, estamos a falar dun tema controvertido.
n
O glifosato é un herbicida, a miúdo coñecido pola formulación RoundUp. Este produto elimina radicalmente herbas ou arbustos indesexados e permite o crecemento de sementes preparadas para soportalo. Semella maxia.
n
Como actúa?
n
O glifosato absórbese polas follas e actúa intercedendo no metabolismo das plantas impedindo a súa capacidade de xerar certas proteínas, en particular os aminoácidos aromáticos. Cando un escoita a explicación que dá Monsanto (agora parte do complexo empresarial Bayer), pódese crer que o glifosato é un químico que afecta unicamente ao metabolismo vexetal, xa que os animais non sintetizan estes aminoácidos senón que os obteñen da súa dieta. Esa é a xustificación da compañía cando a seguridade do RoundUp se pon baixo a lupa.
n
Por desgraza e a pesar dos esforzos dos seus creadores, este herbicida si afecta os nosos corpos, de feito é coñecido por ser un disruptor endocrino, o que significa que interactúa coas nosas hormonas (tanto en homes como mulleres) e modifica o seu comportamento facendo que enfermemos. O glifosato parece ser a resposta a ese rápido e esaxerado aumento de cancro de mama e prostático que se deu nas últimas décadas. A interacción coas nosas hormonas xera todo tipo de cambios no noso organismo, incluso a baixas concentracións consegue danar o fígado, os riles e as células da pel.
n
A pesar das súas declaracións oficiais nas que afirman a seguridade do produto, os danos á nosa saúde non son efectos descoñecidos para a gran empresa química, xa que en 2020 Bayer desembolsou ata 10.900 millóns de dólares para compensar ás súas vítimas segundo informou a revista financeira Reuters.
n
Pero non é sorpresa que Monsanto nos minta, pois acostumaban a etiquetar o seu herbicida como biodegradable ata que en 2009 os tribunais puxeron de manifesto o seu carácter acumulativo. Así é, o glifosato demostrou ter unha importante tendencia á bioconcentración. Tanto é o caso que o herbicida é detectado nos ouriños e na leite materna. Afecta especialmente ás mulleres ao acumularse con maior facilidade no tecido graxo, tendo elas un maior porcentaxe por razóns biolóxicas. Hai indicios de que o amontoamento de disruptores endocrinos no organismo pode producir enfermidades tan preocupantes a día de hoxe como é a endometrioses, unha doenza que lle dificulta a reprodución a moitas mulleres.
n
Ata na “sopa”
n
n
nn
Neste mapa pódense ver como o 37% dos puntos de mostraxe de augas superficiais superan a norma de calidade aprobada pola propia UE. Estas augas contaminadas por glifosato (en vermello) supoñen máis que un risco para o ser humano, un perigo para a supervivencia da vida no planeta.
n
Por suposto que o glifosato é o perfecto asasino de “herbas malas”, porén o seu potencial esténdese ata os humanos. Mesmo a OMS expresou a súa preocupación neste sentido. E se está tan claro, por que a Unión Europea acaba de declarar que “non existen evidencias suficientes do seu poder canceríxeno”?
n
A prohibición do glifosato trae consigo moitos cambios. A revolución agraria que nos permitiu aumentar a produción de alimentos cando críamos que o aumento de poboación nos deixaría a todos famentos, está baseada en boa parte neste herbicida, polo que moitos agricultores temen perder os seus negocios, así é que os sindicatos agrarios fan presión por mantelo. Do mesmo xeito, o glifosato sustenta o negocio das sementes transxénicas, as cales teñen un prezo de mercado alto e son tamén monopolio da compañía Monsanto. Dous máis dous parecen seguir sendo catro. Pagar preto de 11.000 millións pode ser unha pequena factura comparado coas perdas que sufriría esta empresa no caso de que se prohibise o RoundUp e as súas variedades.
n
Solucionar o gran dilema
n
Non creades que o ser humano está perdido e que chegamos a unha rúa sen saída. Existen alternativas eficientes para substituír esta agricultura baseada na explotación e maltrato químico da natureza. A parella de enxeñeiros a cargo do proxecto de agricultura rexenerativa Can Font demostraron como, cunha transición de uns cinco anos de media, se pode prescindir totalmente de herbicidas e abonos químicos mantendo así mesmo os altos niveis de produción aos que estaban acostumados tanto eles como os mercados demandantes. De feito, tanto éxito tiveron que están a apoiar outras explotacións para que dean o paso e se convertan en negocios resilientes ante os cambios que nos impoñerá o futuro.
n
A agricultura rexenerativa non só nos proporciona unha alimentación máis sa e libre de tóxicos se non que permite fixar boa parte dese dióxido de carbono atmosférico que tanta lata nos está a dar. De feito é o método máis efectivo coñecido ata agora. Como din algúns, a mellor tecnoloxía contra a crise climática xa existe, son as plantas. Diso fala o documental de Netflix Besa la Tierra: Agricultura regenerativa, que en 94 minutos logra devolverlle a esperanza á mocidade que, desesperada pola situación actual, non consegue imaxinarse un porvir.
n
A Unión Europea decidiu estender o uso de glifosato ao non ser capaces de atopar un consenso. Mentres tanto, Bayer terá que afrontar as 50.000 demandas que actualmente ten pendentes e a comunidade científica continuará amontoando estudos que sinalan os perigos dos seus produtos. Só queda saber que farán os agricultores.
Fai tres anos publiquei este texto ao atravesar o que foi para min unha epifanía. Dende aquela non fun capaz de lelo enteiro sen derrubarme. Ata hoxe, día no que me sinto máis forte que nunca e ao mesmo tempo igual de vulnerable que sempre. Confío que este acto inspire a calquera que o precise e lle faga sentir máis comprendidos a todos os que se vexan rodeados pola violencia.
Os incendio en Galicia xa semellan ser unha actividade cultural da nosa tradición. Do mesmo xeito, os montes de pinos e eucaliptos convertéronse no emblema galego para os estranxeiros quen se deleita por “ver as árbores australianas” sen viaxar ao hemisferio sur e ignoran a importancia da fraga atlántica, se cadra pola súa escaseza no noso territorio.
n
Cando os galegos pensamos en solucionar o problema do lume acostumamos a barallar opcións que son, máis ben, parches temporais. A limpeza do monte como unha obriga, por exemplo, que ao supor unha gran carga de traballo obtén pouco cumprimento. E é que non é práctico estar a remendar. O que eu propoño é unha utopía pois seguirmos cos mesmos métodos (métodos que segundo o consenso científico demostraron non ser efectivos) tamén o é. Acábasenos o tempo: A natureza non pode seguir a ser tratada deste xeito.
n
Teño a fortuna de vivir a poucos quilómetros dunha minúscula fraga, a do Santo Estevo do Ermo en Barreiros. Trátase dun deses recunchos que ofrece moito máis do que esixe, como o fai a boa xente. Cando paseo polos seus camiños non deixo de preguntarme, porque non pode Galicia recuperar a paisaxe perdida, e en tanto, as súas xenerosas árbores froiteiras, as variadas e saborosas setas e a fauna salvaxe como coellos e mouchos.
n
Os galegos presumimos de natureza, non obstante, implicámonos en prácticas que a destrúen. Como sería a nosa Galicia se fixeramos un monte para que o desfruten os nosos descendentes aínda que nós non lle sacásemos máis que un pouco de aire limpo?
n
Imaxino un monte húmido, deses que non importa a época do ano, sempre atopas onde enlamarte. Ese tipo de monte ao que o lume lle da preguiza queimar e nos dá máis tempo a reaccionar. Sentada nunha rocha de granito, pecho os ollos e cheiro o arrecendo da terra mollada, esa que é fogar de bechos pero tamén cogomelos. Unha terra rica en nutrientes que nos permite desfrutar de castañas de bo tamaño, de abelás, e de mazás silvestres. Un monte no que se darían as cerdeiras, no que o xabarín se alimentaría reducindo as súas excursións á aldea e por tanto sen esnaquizar os nosos hortos.
n
Claro que é unha utopía, pois que outra sensación ten un cando camiña pola senda que nos leva ao mosteiro de Caaveiro? As fragas do Eume, nun período no que o capitalismo arrasa con todo, son en si un verdadeiro paraíso. Non podo máis que pensar nas novas xeracións e en como terán que facer unha fileira para poder gozar dun pedazo de natureza pois esta ilusión miña na que reverdecemos os nosos montes e retornamos as nosas paisaxes ao chufado bosque atlántico, non é máis que unha utopía. Si, unha realidade que ninguén desexa o suficiente como para tomar a decisión de reforestar con conciencia.
n
Unha tolería desas que temos os novos, que pensamos nese futuro do que non queremos falar porque esa conversa sempre ven acompañada dos inminentes desastres naturais dos que a ciencia nos advirte, ou da escaseza de auga limpa que cada ano se fai máis evidente, ou da imposibilidade de cultivar nun solo desprovisto de nutrientes, e por tanto, infértil. Culparemos aos tempos modernos, a que todo cambia e sempre vai a peor, aínda que antes era moito máis duro, iso non o podemos esquecer. E nunca dubidaremos deste sistema baseado na explotación extrema dos recursos, un sistema que non respecta os límites naturais dos nosos montes e que tampouco trouxo esa prosperidade que tanto nos venderon.
n
Mais eu, non deixo de deleitarme con ese mundo imaxinario no que a pequena fraga do Santo Estevo do Ermo se estende a través de todo o territorio galego. Carrexo un macuto de tea no ombreiro e unha navalla no peto. Observo os limacos e analizo as herbas aromáticas e medicinais que vou atopando. De cando en cando, recollo algún froito, algún regalo da natureza, que se empecina en aliviarme a fame a cambio de non esixirlle demasiado. E pregúntome porque algún día quixemos cambiar todo isto por vivir nun rañaceos de cemento, onde a auga non xurde e as sementes non brotan.
Galicia é unha comunidade que sufre moita emigración afectando a unha gran variedade de ámbitos e en especial á enfermería. Para afondar na situación desta profesión contactei coa delegación galega do sindicato de enfermería (SATSE) e de auxiliares (SAE) quen, a pesares da preocupación que teñen por este fenómeno, non posúen datos concretos. Dende a oficina do SAE de Burela, Trini, delegada liberada, coméntame que dende a súa experiencia “non é habitual o caso de auxiliares que emigren ao estranxeiro” pero si que é común a escapada destes profesionais a outras comunidades autónomas “que ofrecen contratos maiores de 9 meses”. A duración dos contratos tamén é algo que preocupa aos seus compañeiros do SATSE quen denuncia a precariedade das vacantes ofertadas e a inestabilidades dos contratos “que non deberían ser inferiores a un ano”.
n
Sen o apoio de datos concretos, indaguei sobre a experiencia de algúns enfermeiros galegos que no seu momento tomaron a decisión de emigrar. O motivo principal para dar este paso acostuma a ser a “inseguridade laboral”, como Carlos Baneira de 31 anos explica. El viviu case 8 anos no condado de Northamptonshire onde desempeñou a enfermería no hospital de Kettering. Chegou alí despois de considerar outras opcións como estudar un máster ou “traballar como un escravo para unha clínica ou hospital privado que me pagase unha miseria”. Carlos decidiu lanzarse á aventura en busca de “oportunidades que sobrepasasen as súas expectativas” e lle permitisen acadar un “desenvolvemento laboral”.
n
Laura Goday (33 anos) de A Coruña e L.C (31 anos) de Lugo, estudaron xuntas na UDC e posteriormente, tras pasar por lugares como Kent ou Wolverhampton respectivamente, reencontráronse no hospital de Cardiff en Gales. Antes de emigrar, L.C. foi voluntaria da Cruz Vermella e traballou esporadicamente, mentres que Laura non tivo a oportunidade de entrar ao mundo laboral galego. “En 7-8 meses esperando o PIN (número de colexiada inglés), non me chamaron nin unha sola vez para o Sergas” explica Laura quen confesa que a experiencia de vivir e traballar noutro país xa estaba nos seus planes pois “estudaba inglés de antes”.
Imaxinarse a un mesmo no estranxeiro é fácil, facelo xa é outra historia. O choque cultural é inevitable, “unha cousa é a imaxe que dan os ingleses de si mesmos e outra a realidade”, explica Laura. Moitos chegaron a Inglaterra a través dunha axencia por que era o máis fácil, “non che facía falta nivel de inglés, agora é máis difícil”. Estas axencias son contratadas polos hospitais cando a situación é de moita necesidade polo que é habitual que de primeiras vaias a un “pueblo dejado de la mano de Dios, nun hospital horroroso e nunha planta horrible”. Tamén depende de onde aterres xa que “require atopar o teu lugar”. Hoxe en día Laura traballa no campo dos cuidados intensivos e séntese tan cómoda en Gales “que ata me comprei unha casa”.
n
Por outra banda, Carlos cóntanos que se acostumou rapidamente ao traballo o cal define como “máis protocolario, todo ten que estar firmado e checkeado.” Se ven é certo que moitos dan o paso de emigrar tamén é certo que unha boa parte non o fai con gusto ou incluso descobren que non lles compensa. “Dun grupo de uns 25 españois, aos seis meses, 15 xa retornaran” explica ao preguntarlle sobre a súa adaptación ao país. Carlos escolleu a compañía de ingleses ao ver que o grupo co que emigrara principalmente quedaban “para falar do bo e bonito que era España e do rápido que se querían volver”. Considera que facer un esforzo por integrarse é importante.
n
O acceso ao sistema de saúde británico é moi diferente ao galego, “non funciona por puntos” relata L.C. quen agora traballa para o Sergas. O sistema de contratación é unha das vantaxe que ten o NHS (Sistema Nacional de Hospitais), o cal acostuma a ofrecer contratos indefinidos tras pasar unha entrevista en persoa “como o fai unha empresa privada”. Ademais, no comezo “recibes formación específica para o posto que vas desempeñar”. Iso axuda a que a profesional non só dispoña de maior confianza nas tarefas que está a desenvolver se non que converte ao Reino Unido, como di Carlos, “nun sitio moi estable económica, psicolóxica e laboralmente”.
n
Pola contra, L.C. quéixase de que “fas un pouco de todo, de enfermeira, de auxiliar, de fisioterapeuta, de celador… non paras nunca nos turnos.” En Galiza “a división de tarefas é máis clara” polo que se todo vai ben, unha enfermeira pode tomarse uns minutos de descanso para coller aire. Iso, se non está nun novo servizo no que terá que dar mil voltas para poder aprender a especialidade do seu último contrato.
n
Carlos veo con outros ollos e conta que a súa foi unha “experiencia moi positiva” xa que a “dinámica laboral está ben definida” facendo que ti saibas cales son as túas competencias reais e que “o resto do mundo as respecte” tamén.
n
Laura fala máis ben de etapas, “chegas moi emocionada e todo está moi ben ata que todo mal”. Á súa chegada notou como enfermería española sae moito máis preparadas da universidade do que o fai a británica. Isto fai que os primeiros meses “non che deixan facer nada” xa que a enfermeira júnior comeza con pouca independencia, “todas as habilidades se aprenden durante o traballo” e non importa que xa as adquiriras durante as prácticas do grado. Para esta enfermeira a espera resultou frustrante mais co paso do tempo agradece que haxa “moito diñeiro para educación” permitíndolle deste xeito evolucionar na súa carreira laboral e como profesional mesmo.
n
Ademais de atopar diferenzas na educación e no modo de traballo, estes enfermeiros tamén se atoparon cunha distribución ben distinta das quendas. As xornadas de doce horas son a norma en Reino Unido, aqueles días nos que un ten quenda son totalmente para o traballo, e os de descanso só para o ocio. “Non hai término medio”, incide Carlos quen no seu regreso ao Sergas se sorprendeu de que o contratasen “só cinco días para non ter que darlle dous días libres”. Ao mesmo tempo observou como dobrar quenda é “unha ocorrencia bastante habitual” xa que a inestabilidade dos contratos fai que os candidatos consideren que “non dobrar é unha opción riesgosa”.
n
Tras regresar a Galicia, xa ben iniciada a pandemia, o maior contrato que L.C. obtivo foi de seis meses. Esta inestabilidade significa que unha enfermeira “ten que saber de todo”, di ela referíndose á gran variedade de especialidades polas que xa pasou, “porque hoxe estás aquí e mañá noutro sitio totalmente distinto” xerando un estrés innecesario na traballadora e afectando do mesmo xeito á calidade dos cuidados que esta pode prover.
n
Existe unha gran cantidade de profesionais da enfermería que levan “traballando tres ou catro anos sin vacacións e con poucos días libres entre medias, enganchando contratos pequenos” cóntanos Carlos que tras traballar durante o Covid-19 nunha UCI galega “que se caía a pedazos” e baixo condicións que o poñían en perigo non só a el mesmo, se non aos seus compañeiros e pacientes, “decidiu non renovar o contrato”.
A enfermería no Reino Unido está moi ben vista, nisto coinciden os tres entrevistados. O mero feito de “dicir en redes sociais que pertences ao grupo de urxencias implicaba certo respecto”explica Carlos. “Os británicos queren moito ao seu NHS, úneos a todos”, di L.C. “aínda que non sempre se traduce no que é o trato directo”.
n
A parte do afecto que se recibe por parte da poboación, a enfermería é unha profesión respectada dentro dos hospitais. Na experiencia de Carlos, tanto con médicos, como auxiliares, como celadores ou outras disciplinas, “tes moita e moi boa relación” facilitando o traballo en equipo que poida que non se vexa tan a miúdo no Sergas. “Os médicos son os meus compañeiros”, puntualiza Laura, “os meus xefes son enfermeiros”.
n
n
Semella que é na cantidade de persoal dispoñible onde está a clave.
n
n
A miúdo, as diferencias culturais obsérvanse no trato humano. O persoal de enfermería é quen pasa máis tempo en contacto directo cos pacientes xa que boa parte do seu traballo baséase na vixilancia e observación.
n
En 2018 Locomún pedía prohibir a práctica de atar persoas á cama que aínda se permite a día de hoxe en España. Este é un recurso que o persoal de enfermería galego detesta empregar a pesar de que non se consegue atopar alternativa. No Reino Unido o emprego de restricións físicas é menos habitual, sempre e cando haxa persoal dispoñible, xa que o procedemento habitual para a seguridade do paciente se basea na presencia dun supervisor as 24 horas do día, é dicir, máis persoal dispoñible.
n
L.C. comenta que “no Reino Unido a cultura é moi respectuosa co paciente pero a costa de someternos a un medo ás denuncias” que afecta ao adecuado desenvolvemento dos coidados. E logo engade, “en Galiza, o paciente ten medo a protestar, deberían protestar máis”. Os sistemas de protección do paciente “de nós”, incide Laura, existen para preservar a seguridade e a privacidade do usuario, “choca ao principio, pero é necesario”.
En Galicia, esa falta de persoal asúmeno con frecuencia as familias que, “ culturalmente, se involucran máis”, explica Laura. Doutro xeito, no Reino Unido existe unha visión máis holística do cuidado polo que existe un sistema social de apoio ás familias, para que así poidan participar no cuidado do paciente sen que elo supoña un trastorno na súa economía.
n
Ademais do cambio laboral que un experimenta coa emigración tamén se vive un cambio cultural no que ao ocio e as relacións se refire. Reino Unido trátase dun país “moito menos social”, nos di Carlos, os comercios acostuman a pechar sobre ás cinco ou seis da tarde e así mesmo o fan as cafeterías deixando o típico pub inglés como único lugar de encontro. “Volvíase unha cidade fantasma”, engade.
n
L.C, tras 6 anos, decidiu regresar e empregar os puntos que lle outorgaba a súa experiencia laboral británica para introducirse nas listas do Sergas. Ela volveu xusto a tempo para facelo xa que actualmente a situación é distinta. Mentres que o Reino Unido estaba na UE a experiencia obtida no NHS puntuaba no Sergas ao ser sanidade pública europea, mais isto finalizou no 2021. “A xente viña a conseguir puntos” relata Laura quen aínda reside alí sumando un total de 9 anos no país estranxeiro. Ela non pensa en volver. “Acostumada a esta maneira, pensar en volver ao de antes prodúceme ansiedade”. Actualmente continua vivindo en Cardiff onde xa ten o seu grupo de amigos cos que lle gusta facer sendeirismo xa que o paisaxe de “Gales é como a Galicia de Reino Unido”.
n
As imposicións de illamento durante a pandemia co seu consecuente distanciamento familiar e cultural foi o que finalmente trouxo de volta a Carlos. Segundo o Nursing Times, no 2016 había 7825 enfermeiras españolas traballando no sistema de saúde británico. No último estudo estadístico do NHS Digital declarouse a presencia de tan só 1588 españolas exercendo a enfermería nos seus hospitais, é dicir, existe unha tendencia ao descenso. “Laboralmente o Brexit non cambiou moito, pero si foi unha gran razón para que eu volvera”, confesa Carlos. O covid na UCI foi “unha das experiencias máis intensas da miña vida” pero foi máis ben “o non poder ir á casa a ver a familiares e amigos” o que lle fixo dar o paso. Aínda que no seu regreso si pasou polos hospitais galegos, actualmente, Carlos xa non exerce a enfermería, a precariedade e inestabilidade da profesión empurrouno a empregar os seus coñecementos no sector da cirurxía robótica como educador e promotor desta tecnoloxía.
n
n
n
Se che interesa a SAÚDE e o estado da SANIDADE PÚBLICA anímote a ler RESAIBO AMARGO, a primeira novela de Lucía Ferro na que, dende a súa propia experiencia como enfermeira, afonda no tema da mafia farmacéutica e a súa influencia sobre os coidados e a saúde mental.
No pasado mes de xuño moitos concellos galegos colgaron a bandeira do orgullo en balcóns e pontes para facer saber que eles son de esquerdas e teñen principios como a liberdade e a xustiza social. A visibilidade é importante, pero a visibilidade tamén é a miúdo unha farsa.
n
De que serve que os veciños dun pobo presuman de colgar unha bandeira multicolor se ven a violencia ante os seus ollos e péchannos para esquecer que está aí. Dirán que non é o seu lugar. Que non poden facer nada. Que mellor deixarllo á persoa indicada. E quen é esa persoa? Por desgraza, o maltratador. Por suposto ese termo non o mencionan pois para eles é simplemente un veciño máis, “coas súas cousiñas como todo cristián”.
n
E é que todo iso é certo. Defender os dereitos dos máis vulnerables non é un lugar que che caia do ceo, é unha posición que se escolle, é unha tarefa que se fai por gusto, por demostrarse a un mesmo que é consistente cos seus principios. Un ten que escoller pórse nese lugar, pois do contrario todo o que xurdirá será resentimento e frustración.
n
A decisión de por unha bandeira nun lugar tan visible, como é de esperar, xera unha reacción violenta por parte da poboación machista. Hai quen o ve como un acto valente, iso de se “atrever” a mostrar as sete cores do arco da vella, mais a valentía só aparece cando existe o medo, non cando un se sente rebelde.
n
Se esa visibilización non está acompañada dunha comunidade que ofreza protección á poboación vulnerable, as consecuencias desa fachada sen soporte real rematan por incrementar o discomfort que as persoas discriminadas xa sofrían. Defender os dereitos da parte máis violentada da poboación non consiste en pensar que todos somos iguais. Defender é un verbo e por tanto unha acción. Defender significa mediar, mollar os pés para que os que están empapados de discriminación se poidan secar ao sol durante un par de horas.
n
Pronto facemos escusas como que hai dous tipos de inmigración, os traballadores (que se deixan explotar) e os lacazáns (que esixen o respecto humano que todos merecemos polo simple feito de ter nacido). Ou iso de que “ser gay está ben pero non fai falta andar pregoándoo por aí.” Non sorprende que logo veñan as manifestación post-mortem cando unha muller é asasinada. Daquela os morados na cara xa non atopan escusas porque van acompañados do silencio dun latexo interrumpido.
n
É por iso que non entendo porqué cando unha muller maltrada dá o paso e se afasta do seu maltratador ninguén dubida en comprar o discurso fabricado deste mesmo quen converte á vítima nunha “histérica”.
n
O máis amargo de todo isto é que si, a muller que se foi está tola. E como non ha de estalo? As vítimas que si sobreviven fixérono durante anos nun ambiente tan tóxico como o veleno que sae dunha cheminea industrial.
n
n
O maltrato entolece e afea á persoa, mais a indiferenza a ese maltrato é a aprobación do mesmo. É violencia social, de feito, pois a neglixencia tamén é maltrato.
n
n
Semella que todos somos ignorantes dos efectos que provoca a violencia psicolóxica. Semella que o estrés post-traumático co que ten que lidiar a persoa maltratada é un luxo que se toma. Xa vos digo eu que non. Que a persoa que sae dunha relación de maltrato, sexa amorosa, familiar ou incluso de amizade, sae de aí coa cabeza feita farrapos. Esa persoa vai a quedar en ridículo socialmente porque leva anos reprimindo unha rabia tal que non se pode xestionar de súpeto, leva tempo. E non por soltala de maneira histriónica ou pouco asertiva é menos lexítima. Si, ha de cometer erros, pero mentres que eses erros non se volvan violencia física ou psicolóxica, non se poden comparar cos da persoa que a agrediu nun principio.
n
A persoa que maltrata destrúe á vítima por dentro e roubándolle a alma para deixala cunha morea de pezas de puzzle sen caixa na que buscar unha guía para reconstruírse a vida. A persoa que maltrata foi unha vítima que decidiu repetir o dano que recibiu no pasado e perpetuar así a cultura de violencia e manipulación que lle agreou a vida. Converter a merda en abono é posible, pero require esforzo e algún que outro fracaso.
n
A miúdo non é fácil distinguir á persoa violenta da violentada pois o narcisismo é carismático. Abren a porta da casa e sacan un sorriso, fan comedia e actúan tan ben que todos lle aplauden. É difícil apuntarlles co dedo, porque en canto lle vemos o rabo ao lobo, recordamos a nosa propia fraxilidade e éntranos o medo. O medo, recordade, é o que dita a valentía. Así que para solucionalo, para aliviar ese medo, póñense bandeiras na praza do pobo. E fálase de espazos libres de violencia machista como se algunha vez se fixese un esforzo activo por realmente construír dito lugar. Porque visibilizar é moito máis fácil que poñer a man en alto. Por que as palabras baleiras limpan a conciencia e iso permítenos durmir. E con isto non culpo a ninguén en particular. Nin a quen puxo a bandeira, nin a quen pechou os ollos. Culpo se cadra á covardía dunha esquerda chea de ideais que comparto e escasa de ferramentas emocionais que eu tamén estou a aprender.
n
Espero que no futuro, ademais de bandeiras, atope tamén axuda real á cidadanía vitimizada, lugares nos que durante dúas horas esas vítimas poidan erguer o queixo e dicir “Estou aquí” para logo volver a unha casa na que as prefiren invisibles e ocultas tras a cortina deste teatro que é a vida.