Foto de Eduardo de Martís
Estás a consumir. Ler, é consumir cultura. Desfrutar dun texto, sexa bo, malo, útil ou inútil, é consumir cultura. O consumo de arte é esencial para alimentar as nosas mentes, e dende logo que pode determinar a nosa maneira de pensar, mais non a transforma do mesmo xeito que o fai a súa creación. Agora ben, canto tempo dedicas ao acto cultural de facer arte?
A palabra que hoxe empregamos para englobar un conxunto de coñecementos, crenzas e costumes ten o seu orixe nun ámbito ben físico, o de cultivar a terra. Aínda que empreguemos esta palabra para definir o resultado das creacións humanas, non podemos esquecer o importante papel que ten o proceso.
Decatámonos que é así cando reflexionamos sobre os hábitos e comportamentos das persoas segundo as diferenzas que atopamos entre varias culturas. Ponse así de manifesto o relevante do acto en si, incluso máis que a explicación ou razoamento que o acompaña. Por exemplo, o tempo que lle dedicas á alimentación pode desencadear en rituais moi distintos e do mesmo xeito determina que tipo de comida escolles. Non é o mesmo xantar en media hora que sentar ao redor da mesa sabendo que dispós de dúas horas para facelo. Novamente, o proceso é o que toma relevancia por riba do que é consumido.
Creadores de comportamentos
Antes preguntaba canto tempo dedicas á creación de cultura, posto que é o eixe transformador da mesma. Agora pregúntoche polos creadores da maioría do arte. Quen lle dedica ese tempo que moitos non posúen e con que condicións o fan?
Os creadores de arte son os cultivadores de cultura. Para acadar un conxunto de coñecementos e crenzas orixinal e frutuoso é importante que os seus procesos e resultados sexan diversos. Tamén deben posuír obxectivos variados, pois polo contrario, concéntrase o seu poder nunha única dirección.
Pode ser que consideres que mentres a dirección sexa cara o futuro, non hai problema ningún. Ao fin e ao cabo é así como moitos definen o progreso. Mais o futuro sendo incerto está tamén cheo de posibilidades, tanto gloriosas como devastadoras. Ninguén ten na súa mente a visión perfecta que nos levará a unha vida de absoluto benestar. Todos estamos errados dalgún xeito, o que significa que todos tamén podemos aportar algo.
A día de hoxe a maior parte da cultura está sendo producida por grandes empresas. Digo producida e non cultivada nesta ocasión porque son as empresas que dirixen a dirección cultural sendo os empregados os que traballan o terreo artístico. Os resultados deste proceso están baseados en obxectivos privados determinados pola maximización de beneficios económicos, o que deixa o benestar social relegado a un segundo plano. Esta cultura non inspira a imaxinación para debuxar un futuro mellor, se non que define ao ser humano como un simple traballador ou un intenso consumidor.
Debido a esta intención de obter éxito financeiro vemos como a diversidade que non renda economicamente tamén se reduce, estreitándose o camiño cara unha uniformidade fácil de manipular. Ao ignorar as linguas ou músicas rexionais conséguese simplificar o discurso e minimizar o pensamento crítico e independente. Deste xeito, aqueles que crean a cultura serán tamén os que gobernen ao pobo. De aí que un dos movementos máis revolucionarios que existen é o de falar e escribir na lingua propia, xa que ao ser un acto tamén se trata dun proceso, un proceso cultural que participa no futuro.
A cultura do futuro queda por determinar
Sigo facendo preguntas. Que cultura desexas? A miúdo consumimos obras de arte só polo feito de estaren dispoñibles e non porque sexan exemplos desa cultura que nos gustaría experimentar. Con frecuencia, os relatos creados por aqueles que poden, están cheos de distopías, de medos que nos bloquean e non nos permiten facernos cargo do noso destino. Neste ambiente cultural, resulta crucial pensar en que futuro queremos imaxinar, pois será ese futuro o que nos servirá de inspiración ao crear a realidade.
Anímote a cultivar. A desfrutar do proceso de imaxinar o futuro, e a poñelo por escrito, a pintalo, a filmalo, a programalo mesmo nun videoxogo. O importante é ser partícipe no proceso e permitir que a cultura te atravese transformándote a ti e a sociedade no intento.
Se non sabes por onde comezar creando, podes unirte a un dos próximos obradoiros mensuais que organizamos coa intención de cultivarnos dende o rural e para o rural ou podes facer un dos cursos que imparto persoalmente e con dedicación plena.
AQUÍ podes atopar un pouquiño sobre a escritura para adultos.
Deixa unha resposta