O mundo é limitado. As persoas, os recursos, o territorio, o tempo… Nada sobra, todo pode ser devolto á Natureza ou repartido entre os que necesitan pero non teñen. E con todo, organizamos as nosas vidas entorno ao concepto de plusvalía. Un extra que se podería empregar para mellorar o benestar xeral pero que, con total normalidade, aceptamos que sexa acumulado.

A primeira definición de plusvalía di que se trata dun aumento de valor “por causas extrínsecas” deixándoo no aire como se fose cousa do universo, da entropía ou dun microorganismo que non vemos. As causas extrínsecas acostuman a ter nome, ás veces son unha decisión en forma de lei, e outras un abuso exercido polos privilexiados que manexan os oligopolios.
A plusvalía é unha ousadía. Na segunda acepción, coma se doutra cousa diferente se tratase, explícase o termo segundo a teoría marxista. Agora, semella que a plusvalía é un espazo en branco para a conquista do capitalista. O pensamento colonialista sempre presente nas nosas narrativas. O custo do soldo recibido polo obreiro parece non incluír o salario percibido polo empresario, o cal é denominado capitalista coma se estivese fóra do importe dedicado aos salarios. A miúdo esquecemos que o traballo de xestión do capitalista está con frecuencia remunerado, pero é que cando non o está débese a que non achegou absolutamente nada, só números nunha conta bancaria. A riqueza que xa posuía e que tiña acumulada collendo po, móvese para aumentar en tamaño sen xerar ningún tipo de beneficio á comunidade, sen ofrecer nada á sociedade que se esforzou para que esa abundancia existise.
A plusvalía é o síntoma principal dunha enfermidade parasitaria. É unha manifestación de delirio, a falsa idea de que hai demasiado osíxeno na atmosfera, de que sobran peixes nos océanos ou de que a terra pode ser explotada ad infinitum.

Durante moito tempo o feito de durmir resultábame frustrante, coma se estivese a perder o tempo. Unha loucura, en efecto. Hoxe xa non penso así, agora é o que máis valoro. Antes de organizar o día sempre comprobo que descansei adecuadamente, pois cheguei a comprender que sen o descanso non se pode vivir.
O razoamento tras da idea de que durmindo se perde o tempo non é moi distinto á plusvalía. Inmersa na mentalidade hexemónica que prioriza a produción atopábame con oito horas de traballo, oito de lecer nas que tamén satisfacía as miñas necesidades básicas e “sobrábanme” oito horas de inactividade nas que aparentemente ningún resultado era obtido. A plusvalía son as indispensables horas de sono que a maior parte dos obreiros de hoxe en día non conseguen desfrutar, coas respectivas consecuencias que isto ten sobre a saúde e relacións persoais.
O dereito de asueto
A noción de plusvalía é unha falta de respecto pola necesidade de descanso, tanto do ser humano como do resto da natureza. A rexeneración da vida só ocorre en períodos de inactividade, descanso, hibernación, ociosidade, escoita, repouso…

De asueto. Creo que nunca lle escoitei a ninguén pronunciar esta palabra. Dende logo que non recentemente. Oficio, profesión, choio, labor, ocupación, quefacer, tarefa, emprego, traballo… Eses si que son termos que saen das nosas bocas con frecuencia e se escreben nos xornais. Asueto, non o oín tanto. Asueto é en particular o tempo dedicado ao descanso do traballo. Non é o tempo dedicado a cubrir as necesidades básicas de comer, beber, vestirnos, ou durmir. Tampouco inclúe a crianza dos fillos ou o coidado de persoas dependentes. Asueto é tempo dedicado á recuperación do corpo, a toda esa carne que o mercado laboral considera unha simple ferramenta de traballo pero que tamén alberga a nosa vida.
A plusvalía medida en tempo e coidados
Dende sempre existiu, mais actualmente, hai un medo xeneralizado a facerse maior, a morrer, a finalizar o noso tempo na Terra, que incomoda e atormenta a moitas persoas.

Consumimos alimentos e substancias na procura de maximizar o pracer, invertemos en produtos que prometen enlentecer o avellentamento, en actividades que nos aseguran sacarlle todo o zume a cada minuto que dedicamos, vamos en medios de transporte tan rápidos cos que, nunhas poucas horas, cruzamos un continente enteiro… Semellamos darlle moita importancia ao noso tempo e con todo deixamos que os capitalistas nolo rouben.
Escúsanse dicindo que invisten o seu diñeiro pero o seu capital foi conseguido a base do aproveitamento da plusvalía, é dicir, enganando aos obreiros para que cedesen os seus períodos de asueto, polo que o que invisten non é senón o tempo dos que precisan descansar e non poden.
A plusvalía é falta de coidados. Mentres que lle permitamos a uns poucos amontoar o tempo dos demais para construír naves espaciais turísticas ou rañaceos de ouro, non conseguiremos crear unha sociedade que poña os coidados no centro. A diferenza entre o tempo de traballo mínimo requirido para resolver as necesidades básicas dunha persoa e o tempo real demandado polos capitalistas chámanlle plusvalía porén son os coidados que non se lle dan aos maiores, a atención que non se lle presta ás crianzas, a reflexión que non se fai para así non cambiar o sistema que nos rexe.
Mais pódese reclamar a plusvalía, e si ter tempo para coidar dos maiores, si ter atención que ofrecerlle aos máis novos, e si reflexionar para atopar unha forma de organización que si respecte a todas as persoas.
Deixa unha resposta