Carga Alostática e que di o teu corpo sobre a Folga Xeral

Muller vendendo alimentos frescos no mercado, apóiase nunha baranda e leva un xersei vermello e unha saia de cadros brancos e vermellos.

Nestes tempos preguntámonos moito que podemos facer para mellorar o mundo. Ás veces non actuamos porque non atopamos tempo. Organizarse e informarse require certa dedicación. Os noticiarios non fan máis que infundir parálise ao atemorizarnos con futuros escuros e moi poucas alternativas. A mobilización parece só un entretemento porque rara vez nos contan os froitos que produce. Fano así para perpetuar a nosa indefensión. O resultado de vivir neste ambiente é un estrés constante que temos normalizado ata o punto de botalo de menos cando conseguimos afastarnos del por un momento.

Unha nostalxia un tanto estraña, esa a de anhelar estrés. O corpo comunícase, dinos cousas, pero o que? Que nos di o corpo sobre o estrés? E que ten iso que ver coa folga xeral?

A carga alostática é a cantidade de estrés que soporta un individuo de forma continuada. O estrés suponse que é algo puntual que experimentamos ao enfrontarnos a situacións perigosas coa finalidade de manternos alerta e preparados para actuar da mellor maneira asegurando a nosa supervivencia. A carga alostática aparece cando a situación de estrés é diaria e por tanto a excitación dos nosos sistemas de alerta perpetúase durante un tempo indefinido. A carga alostática é a vida baixo o sistema capitalista, tanto se te entregas voluntariamente a unha carreira pola ambición económica e social como se te desvives para cubrir as necesidades básicas dunha vida digna.

O corpo ten memoria, din por aí, o corpo pasa factura. E tanto é así, que poderíamos considerar que o exceso de esforzo requirido para carrexar a carga alostática cóbrase en anos de vida, tempo que gastamos, como nos explicaba Mujica, e que nin os luxos da extensa oferta do mercado nos pode devolver. A acumulación de estrés crónica é unha débeda grande, desas con intereses elevados. A evidencia científica confírmanos que é tanto a causa da epidemia de cancros como o poden ser o tabaco e o alcohol. Xera diabetes e fomenta a obesidade, contribúe ás enfermidades cardíacas e lévanos con prematuridade á morte.

A vida capitalista, a vida que tantos rexeitan abandonar, é causa de malestar individual e colectivo. Aferrarse a este estilo de vida sabendo que nos resulta nocivo (aínda que en ocasións poida sentirse pracenteiro) é de necios. Con todo, cada vez que se fala dunha transformación ecosocial moitos temen perder ese veleno lento (aínda que en ocasións saboroso), non só iso, a mera proposta dunha forma de vida alternativa parécelles obscena e inaceptable. Desexan entón os contaminantes que inhalan? Desfrutan da presión mental constante? Ou ignoran os efectos da carga alostática necesaria para manter esa aparente comodidade que alguén lles vendeu fai tempo e nunca chegaron realmente a avaliar?

Creo inevitable comparar esta obstinación coa drogadicción, pois non é senón unha adición ao estrés. Deleitámonos créndonos heroes da vacua meritocracia, ineficaz e improdutiva como é, e racionalizamos os seus efectos adversos como inconvenientes asumibles, sendo de certo unha tortura a cámara lenta. A droga do estrés, a carga alostática, o elefante que ocupa o cuarto e do cal non falamos mentres nos vai roubando o osíxeno.

E se xa soportamos abonda presión no suceder do día a día como vamos a preocuparnos do que facer para procurar un mundo mellor? Por que vamos a introducirnos en reflexións estresantes produtoras de pensamentos adoecidos? Que hei eu de facer se tan só son unha formiga? Como actuar ante un sistema tan inmenso que sobrepasa a capacidade do ser humano de concibilo en todo o seu conxunto? Que me sobrepasa…

Canda a carga alostática nos esmaga atopamos a resposta que rexeitamos escoitar mentres navegamos polas augas do inconformismo. Unha resposta que nos avergoña porque nos ofrece un reflexo desagradable ao reflectir a vulnerabilidade do noso corpo o cal se empeña en desprezar a indomable alma que o habita. Frouxos, debilitados polo peso dunha tensión que a cada minuto que pasa se sente máis incómoda, indesexable, innecesaria. A loita dos perdedores pode ser a que nos leve á vitoria pois sempre que un non se renda chegará a outra batalla na que vencer.

Actuar deixando de facer, renunciando ao determinado pola inercia do sistema reservando as forzas unicamente para aquilo que nos mantén vivos. Arriscarnos a ser xulgados pola nosa pereza, pola nosa falta de conformidade. Atrevernos a destacar por soster unha actitude desafiante ante a normalidade definida, non esquezamos, polos intereses capitalistas. Deixar caer ao chan as metas e obxectivos vitais que constrúen a nosa careta (persoa) e lembrar que somos só unha parte dun todo. Un todo enfermo de capitalismo, estresante e pesado capitalismo, infeccioso, abafante, ofensivo.

Mañá é a folga xeral, un día no que se observa o peso que toda a sociedade está a soportar. Se podes facer folga non dubides en parar, facer patente o presión coa que o sistema nos ameaza. E se pensas que non podes facer folga, volve pensalo porque se cadra no teu caso é aínda máis urxente que a fagas. “Se non te podes permitir perder un día de salario”, escoiteille dicir a alguén de Mastodon, “daquela esta folga é o máis importante que tes que facer”. Se non paramos, se non deixamos de traballar e consumir este 11 de novembro, quen sabe ata onde chegará o estrés que verten sobre as nosas cabezas.

Permitámonos calcular a nosa carga alostática e negarnos a sacrificar anos de vida por acadar uns estándares que non nos fan ben nin nos traen a felicidade. Fagámolo por aquelas persoas que non poden pousar esa carga nin por un momento xa que non desfrutan de condicións de vida dignas ou de paz, sequera. Actuemos deténdonos porque é o máis sinxelo, o máis subversivo e o que con pouco esforzo consegue quebrar as dinámicas dun sistema tan tóxico que se resiste a morrer. Cada vez que escollemos non consumir, cada vez que durmimos un pouquiño máis, cada vez que nos negamos a participar na roda-roda, estamos a tallar unha greta. Unha tras outra e antes de que nos decatemos a enorme estrutura tremerá estoupando en milleiros de pedazos cos que poderemos esculpir a escultura dunha vida digna e xusta, suficiente para todos sen excesos para ninguén.


Subscríbete á miña lista de correo!

Recibe un resumo mensual dos meus artigos e contido exclusivo no teu correo electrónico!



Fediverse reactions

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *