Como se traballa en equipo cando o teu cerebro funciona “ao revés”

Muller afroamericana oven e home árabe falando nunha oficina mirando un muro no que hai notas de cores pegadas.

Razoar non é un proceso único. Cada persoa procesa a información de forma diferente aínda que o tipo de pensamento se pode clasificar en dous grandes grupos. O pensamento top-down que o manexa arredor do 90% da poboación, e o bottom-up que o posuímos arredor do 10%. Estas formas de cavilar non son aprendidas nin poden ser modificadas ao longo da vida, trátase dunha característica neurobiolóxica coa que vivimos e desenvolvemos o noso día a día, o noso traballo tamén.

Que significa top-down e bottom-up?

A estadística di que a maioría das persoas que están a ler este artigo, á hora de enfrontarse a un novo proxecto, collen unha idea xeral e fican valorando as xeneralidades durante un tempo antes de pasar a definir as partes e finalmente os detalles. Primeiro ven unha paisaxe de verán, logo ven a praia, o mar e a masa de turistas, para finalmente fixarse nos nenos que constrúen castelos con algas e cunchas para as portas e ventás, na muller que le un libro de Isabel Allende baixo a protección dunha pamela e no home que toma o sol cuberto en crema protectora e aderezado de area. Este proceso no que se observan as xeneralidades e logo vaise un achegando aos detalles é o procesamento top-down (de arriba a abaixo).

Cando o primeiro que ves nunha paisaxe é o estampado floral do traxe de baño dun paseante, a pelota bicolor de praia dunha nena que está a xogar ou o dinámico movemento das polas dunha palmeira movida pola brisa marítima, daquela estamos a falar dun pensamento bottom-down (de abaixo a arriba). Tras detectar estes detalles, o seguinte paso é atopar o patrón común entre eles, neste caso, a praia, para logo definilo todo en termos xerais como unha paisaxe de verán.

Ningún destes procesamentos é mellor que o outro. Ámbolos dous son necesarios e combinados é a mellor forma de nos achegar á realidade pois cada un ten os seus fallos e as súas virtudes. A pesar de que un sexa menos común que o outro, é importante combinalos, polo que aprender a comunicarse efectivamente entre persoas de pensamentos diferentes é indispensable. De pouco serve que teñan a mesma opinión se non acadan o entendemento mutuo necesario para crear en colaboración.

Sempre estou a dar a chapa co cambio ecosocial e procuro que o que digo vaia acompañado dos meus actos. Iso inclúe que, a pesar da miña tendencia introvertida e solitaria, fago un gran esforzo por vincularme con outras persoas para levar adiante proxectos interesantes. Coido que a única forma de facerlle fronte ao capitalismo e crear unha vía alternativa para a vida nesta terra, pasa polo asociacionismo e a colectivización o que require de traballo en equipo.

Aos sete anos comecei a xogar ao fútbol e formei parte dun equipo durante moito tempo. Esa experiencia ensinoume que se non se sincronizan os obxectivos de todos os membros, se non se planea unha ruta en común, o máis probable é que o fracaso se presente antes ou despois. Mais, como se consegue esa sincronización se unha pensa “ao revés”, cun procesamento bottom-up?

Na universidade tocoume participar en traballos de grupo nos que me fixeron experimentar ese abismo existente entre o meu mundo interior e as imaxes mentais dos demais. Cando eu estaba a pensar na árbore, eles só vían o bosque. Cando me perdía nas ramificacións dunha arteria, falaban de sistemas arteriais. Cando se discutían as xeneralidades dun proxecto, non podía máis que pensar en todas e cada unha das súas partes.

Cheguei á conclusión de que precisaba facer moito traballo extra para eu poder chegar ao nivel dos demais. A miña imposibilidade de partir da idea xeral e chegar aos detalles a través dun desenvolvemento paulatino da premisa inicial empurroume a unha solución pouco sostible no que á miña saúde mental se refire. Inconsciente, daquela, desta diferenza de procesamentos, comecei a empregar un sistema no que escalaba a pirámide partindo dos detalles e empregando patróns que me levasen á idea xeral da que estaban a falar, para logo poder acompañar ao resto do grupo no desenvolvemento habitual dos traballos. Deste xeito, percorría o camiño dúas veces para disimular a miña falta de sincronía. O que non sabía era que os patróns e detalles que eu recollera e analizara convertíanse nos perfectos raís para que o tren non descarrilase e puidésemos chegar ao noso destino a salvo e a tempo.

A día de hoxe continúo a sufrir as consecuencias de razoar de maneira distinta. Algúns días, semello parva e incapaz de comprender. Outros, parezo demasiado pedante, melindrosa e remirada. Todo na procura desa sincronía facendo un intento de establecer esa conexión co resto do grupo e conseguir chegar “ao seu nivel”.

Teño traballado con facilidade xunto persoas que posúen un pensamento top-down, que pensan nesa idea xeral e pouco a pouco vanlle buscando forma e colocando os detalles. Nestes casos soe ser que comprenden a miña diferenza e a valoran, e así apoiámonos uns nos outros para tomar decisións segundo as capacidades de cada quen. As discusións que para moitos se consideran nimiedades son aceptadas como un paso máis para o entendemento mutuo, porque os grandes proxectos nunca foron feitos por unha única cabeza.

No entanto, a sociedade capitalista rexeita a diversidade e incluso as persoas máis concienciadas a miúdo son incapaces de comprender estas diferezas invisibles. Cando colaboro con só unha persoa máis tómome a liberdade de explicarlle a situación: a complexidade das conversas, a paciencia, as sensibilidades… Mais cando o grupo aumenta e xa falamos de cinco ou seis persoas, non me atrevo a facer o mesmo por temor a que se vexa como un reclamo de atención.

Sei que isto é algo no que debo traballar, porén tamén é algo no que o 90% dos seres pensantes precisan considerar pois a única forma de romper coa homoxeneización cultural é permitindo que de cando en cando haxa un axente discordante dicindo algo que non ven a conto no momento menos apropiado. Mais se non se está preparado para tomar a contribución destes axentes como algo relevante e útil, e só se ve como unha interrupción molesta no proceso de estandarización do pensamento, continuaremos nesta deriva anticreativa que está a sufrir o ser humano.

A miúdo escoito falar de inclusión pero o concepto enténdese como permitir que as minorías ocupen un lugar entre a normatividade. Porén esquecen que se non se lles fai espazo, se o único que se lles ofrece é o mesmo tipo de asento “normal” a inclusión será só unha falacia. As dinámicas deben modificarse para que o que agora se experimenta como unha discapacidade, se poida vivir como unha forma de expresión. Encaixar en cubículos deseñados para outros é precisamente o que levamos facendo toda a vida. Que agora se nos garde expresamente un cubículo para nós non soluciona moito. O que precisan as minorías é que nos desfagamos dos cubículos e comprendamos que a estandarización do individuo é un ataque á nosa humanidade. Ademais, eu prefiro conversar de pé e poder moverme con liberdade.


Subscríbete á miña lista de correo!

Recibe un resumo mensual dos meus artigos e contido exclusivo no teu correo electrónico!



Fediverse reactions

Comentarios

3 respostas a “Como se traballa en equipo cando o teu cerebro funciona “ao revés””

  1. Avatar de agremon
    agremon

    Ocórreseme que entre o top-down e o down-up hai múltiples puntos de encontro. Se o facemos como os ascensores, espazos cerrados de subida e baixada, non poderemos aproveitar moitos movementos ate chegar ó final, o ‘arriba’ ou ‘abaixo’. Pero se collemos como modeo un montacargas, aberto, pódese saltar dun a outro e cambiar cando se crucen para aproveitar o retorno en ambos sentidos… Sei que é unha metáfora, pero pode que tamén a idea que pode ocnducir a unha confluencia máis sinxela.

  2. Avatar de Teresa Díaz Iglesias
    Teresa Díaz Iglesias

    José Antonio sempre defendeu no instituto que eso de meter os distintos en cubículos como tú lles chamas non era a solucción pois era intentar que foran iguales ós outros cando pensaban e actuaban de forma diferente.

  3. Avatar de Adrián
    Adrián

    Recordoume á gran batalla dialéctica Racionalismo-Empirismo da filosofía. Ao final o coñecemento e a súa aplicabilidade precisa percorrer os dous camiños.

    Creo que eres moi xenerosa neste post no sentido que lle atopas un final feliz a eses procesos deductivos-inductivos. Creo que moitas veces uns non poden saír dos detalles e non logran chegar á xeneralidade (nin ten por que ser buscado como obxectivo, nin que non teña valor o detalle, todo o contrario), e outros posiblemente non cheguen ao detalle en profundidade.

    Pasa que como son as cousas, no mundo ordinario, quedarse nos detalles, salvo certos nichos e situacións ou problemáticas, tornase en enormemente ineficiente e inoperativo (e unha probable fonte de frustración e incomprensión), e o que xeneraliza é habitualmente máis resolutivo para os problemas cotiáns e o nivel de requerimento (vale máis facer, entregar, facturar, que facer ben, ser minucioso) e o frenesí (sempre ás presas e para onte) da sociedade productiva actual. Os que xeralizan soen prosperar neste sistema Taylorista porque encaixan mellor nel.

Deixa una resposta a Teresa Díaz Iglesias Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *