Non vos enganedes, isto non se trata dun artigo de moda, nin moito menos dunha listaxe de consellos estéticos para disimular a nosa clase social con prendas fabricadas co sufrimento doutros. Isto trátase dunha protesta en contra da perfección, de ir de domingo un luns calquera, de ter que mercar roupa cada estación ou de desfacerse do mellor chándal só porque o xabrón o descolorou un chisco.
Seguro que coñeces a frustración de meter na lavadora a túa camiseta favorita e que saia coa mesma mancha de tomate coa que a metiches. Frotas, volves a metela e sae un pouco máis tenue, mais segue a notarse o suficiente como para que a relegues a “roupa de andar pola casa”. Por que? Por que o facemos? Por que desprezamos a calor que nos dá, a comodidade que nos achega, todo por unha marca de medio centímetro froito da entropía que mantén este mundo a xirar.
Négome a continuar con esta inxustiza, que comeza no tecido branco e remata na pel de quen non se pode permitir ir de compras a cada pouco.
Un tema que me parece non recibe abonda atención en todo o debate da transición ecosocial é a roupa. Polo menos considero que non se lle está dando a reviravolta que precisa. Falamos de empregar roupa de segunda man ou mercar aquelas prendas de orixe ecolóxico que respecten os dereitos humanos. E decontado caemos no dilema de que non todo o mundo se pode pagar un xersei de setenta euros e uns vaqueiros de cento vinte. O seguinte paso é dar licencia para ser incoherentes, para que aqueles que teñan dificultades económicas non sexan xulgados á hora de acceder a roupa máis barateira e menos ética. Mais por aí non está o cambio que buscamos, non está a solución. Trátase só dun parche, dunha venda que lle poñemos ás feridas do sistema cando o sangue brota en todas as direccións.
Por iso hoxe veño a indignarme e a reclamar o dereito de lucir esas manchas que non se van. Rexeito, ademais, a proposta de empregar químicos abrasivos para eliminalas, pois do contrario non escribiría un artigo fai un par de semanas incidindo na necesidade de evitalos. Esixo poder levar a roupa descolorada polos lavados sen que a miña hixiene se poña en cuestión. Se está descolorada será que se lavou, creo eu que a lóxica aí é esmagadora. Desprezo a ditadura da “decencia estética” que non responde a criterios de saúde ou boa convivencia.
Atáscome nesta idea da mancha de tomate na camiseta branca porque penso que normalizala outorgaríalle liberdade ás clases máis desfavorecidas e a calquera que non sexa a elite. Aceptemos un fío solto, un botón perdido e reposto por outro que non pega, un tecido desgastado pero que aínda abriga, unha combinación de cores irreverente… Amarelo, vermello e rosa!
Cústame moito entender o cerebro que xulga a outras persoas por como loce a roupa, pola estética que exhibe ou pola expresión artística que ofrece a través da súa vestimenta, mentres que deixa para máis adiante a conversa profunda que realmente demostra a virtude do espírito. E a pesares da disonancia cognitiva non podo negar o feito de que, durante moito tempo, tratei de axustarme a esa “decencia estética” preestablecida co fin de non sentir as consecuencias do xuízo público.
Lembro cando estaba na universidade e contaba as moedas que levaba no peto para saber se ese día podía pedir os mesmos manxares que as miñas compañeiras ou ese día debía declararme saciada antes de tempo. O entretemento daquel grupo de rapazas coas que nunca acabei de encaixar era o típico: pasar a tarde de tendas nun centro comercial. Se a dificultade económica que eu experimentaba me facía cuestionarme os meus alimentos, podedes imaxinar o sen sentido que era para min moverme por aquelas tendas.
A día de hoxe xa non me teño que preocupar de canto me vai custar o café e tampouco preciso mirar moito o prezo da roupa, dentro duns límites, claro, que seguimos a ser clase obreira. O que quero dicir é que aínda sen sufrilo no presente non deixo de pensar nesa rapaciña que escoitaba as críticas das súas “amigas” e era incapaz de adaptarse ao estándar que a sociedade esixía dela. E non o quero esquecer, pois lembrarme dela permíteme cuestionarme a industria de roupa ética.
A roupa ha de ser ética, iso sempre, mais a cultura da moda precisa ser criticada tamén dende a estética. A beleza vai máis alá dunha mancha de tomate ou dun fío fóra de sitio. A dignidade humana vai máis alá do aspecto que un consiga ter, importan tamén cantos principios e valores persoais tivo que abandonar para poder obter un look “decente”. No que se refire á transición ecosocial da roupa, é imprescindible redefinir o estándar estético que consideramos necesario para tratar con respecto a outra persoa ou para manter unha boa convivencia, doutro xeito estaremos a dar voltas na rodiña do capitalismo sen chegar nunca a quebrala.

Deixa una resposta a So Cancelar a resposta