Cando lle propuxemos aos coñecidos de amarinha.gal falarmos sobre solarpunk a reacción foi bastante homoxénea: “Solarqué?” No Fediverso e noutros nichos do internert, o solarpunk é coñecido, é venerado como unha fonte de esperanza e inspiración. Pola contra, no mundo cotián dun pobo costeiro do norte lucense, o termo solarpunk, aínda que teña preto de vinte anos, parece acabado de inventar.
O pasado venres 31 de outubro fixemos outra das nosas xuntanzas mensuais na biblioteca municipal de Ribadeo. Desta vez o peso recaeu sobre os asistentes quen foron partícipes dun taller de reflexión e creación de futuros optimistas.
As preguntas xurdían incluso despois de escoitar a definición

Que necesidade hai do solarpunk?
É tan só un xénero artístico máis?
Que relación ten co mundo real?
Vivimos nun contexto cheo de ansiedade, pola crise climático-ecolóxica e polos conflitos bélicos que aparecen como setas no outono. O sistema capitalista facilítanos caer na desesperación pois tornámonos moito máis manexables cando, como nos lembrou Antonio Gregorio durante a xuntaza, na nosa cabeza se escoitan ecos de Margaret Tatcher dicindo “there is no alternative” (non hai alternativa). Pois non, as alternativas hainas e delas se falou.
Que necesidade hai do solarpunk?

A corrente que nos arrastra trata de levarnos a un futuro de dominación xerarquizado ao estilo feudal e encorchetado polos avances tecnolóxicos enfocados no control do individuo. O benestar non se contempla se non é para a elite fomentando así un ambiente de competición agresivo e violento. Non é evidente, daquela, a necesidade do solarpunk?
Precisamos un discurso diferente que lle faga fronte a esa distopía autoimposta, que rete o imaxinario creado polos gurús tecnolóxicos, os tecnobros ou os emprendedores capitalistas que nacen cunha mina de diamantes debaixo do brazo. O solarpunk é un movemento que nos permite crear en colectivo a imaxe dunha nova sociedade que nos inspire a procurar un cambio positivo para todos. É, pois, unha alternativa á idea do fado distópico do cal nos queren convecer co fin de crear indefensión ante os abusos de poder que desexan normalizar.
No presente determinamos a dirección do futuro a través das nosas esperanzas e expectativas. O camiño que tomamos só se debuxa cando coñecemos o destino ao que desexamos chegar. Para poder construír un proxecto novo precisamos debuxar o esbozo que nos servirá de guía, do contrario arriscámonos a deambular sen sentido vulnerables aos degoiros dos avarentos.
É tan só un xénero artístico máis?
Non, é un movemento que pola capacidade de influencia que posúe deixa de ser un xénero artístico para converterse nun axente transformador. Coa transmisión do solarpunk podemos inspirar, ofrecer esperanza, despertar conciencias e iniciar procesos sociais que rematen en tomas de decisión políticas.
A arte nunca é tan só entretemento, sempre leva consigo un efecto social e neste caso falamos dun tipo de arte que como finalidade última ten a pretensión de mobilizar. De feito faino xuntando persoas de todas as idades xa que a temática non se ve afectada por un tipo de emoción asociada a unha etapa particular da vida, nin sequera se restrinxe a unha problemática social concreta, abarca con gran sensibilidade a totalidade da condición humana, pois sen esta visión holística, o movemento non podería crear un futuro sustentable e agradable para todos.
Que relación ten co mundo real?
Non é pouco frecuente que se interprete a idea de un mundo sustentable tal que o proposto polas ecotopías como unha simple ficción. Unha especie de momento inspirado no que a imaxinación esaxera as posibilidades. Moi ao contrario, o solarpunk pretende aterrar na realidade aquilo que levamos décadas contemplando e que, no entanto, non chega a entrar nos debates predominantes.

CC BY-SA 4.0 https://storyseedlibrary.org/es/art/lino-zeddies-cologne-2048/
Trátase de ofrecerlle un lugar ás preocupacións reais que a poboación, as súas necesidades ou as solucións suxeridas dende a base. O progreso tende a ser entendido como algo ditado pola clase dirixente quen se asume sabe mellor que ninguén o que precisan os seus cidadáns, mais sabemos que sen escoita activa as intervencións acostuman a tratarse dunha combinación de accións políticas que responden máis aos intereses dun partido que ao dos seus votantes. O solarpunk precisamente trata de solucionar iso, a través dunha expresión artística dálle voz ao pobo ao tempo que pon sobre a mesa solucións ignoradas a pesar da súa viabilidade.
Áreas a cambiar, aquilo que protexemos e
o coñecemento que transmitimos
Como vos contaba antes, o taller do pasado venres recaeu na creatividade dos presentes. Como primeiro exercicio proposto (e único realizado pola abundante participación e a consecuente falta de tempo) suxerín explorar tres preguntas que me axudan a cuestionarme a sociedade actual cunha visión construtiva. Anímovos a que as respondades vós mesmo, e se é en compaña, aínda mellor.
- Cales son as áreas que desexamos cambiar?
- Que desexamos protexer?
- Que coñecemento desexamos transmitir?
Non pensedes que estas preguntas son escollidas ao azar. Cavileinas un bo pedazo. Non quería que a discusión se centrase na queixa, costume moi arraigada no capitalismo ou no cristianismo e que nos come por dentro sen permitirnos avanzar. Tampouco podemos falar do futuro que desexamos sen criticar o presente dalgún xeito, por iso pensei en “áreas que desexamos cambiar” xa que ao tratarse de áreas afastámonos da indignación persoal e achegámonos máis á colectiva.
Considerei importante reflexionar sobre o que “desexamos protexer” porque acostumados a un sistema estractivista é fácil esquecer aquilo que é importante e merece ser conservado para sacrificalo sen escrúpulos ante a posibilidade dun novo luxo innecesario. Centrar a conversa na base que sustenta ao ser humano e á vida en xeral é a forma de que se tome a crise climática e ecolóxica en serio.
A última pregunta, “que coñecemento desexamos transmitir”, fai referencia ao caos informativo no que vivimos, á perda de sabedoría que sufriu a humanidade debido ao colonialismo e á discriminación do coñecemento segundo este sirva ou non ao capitalismo. Recapacitar sobre a repercusión que terá aquilo que lle ensinamos aos máis novos, daquilo que deixamos plasmado en papel ou o que compartimos en masa.
Os produtos da escoita activa
Ao final deste artigo comparto convosco as achegas que fixeron os e as participantes do obradoiro. A maior parte delas abriron conversas que cruzaron a mesa intercambiando perspectivas que ían dende a visión dun rapaz de 17 anos á experiencia dunha muller de 85 anos, e por suposto, moitas outras entre medias. O respecto e o interese xenuíno pola opinión allea foi o ingrediente estrela xerando un ambiente cómodo para contribuír á actividade.

Despois de algo máis dunha hora intercambiando ideas fixemos un repaso coa intención de concretar as solucións. Para iso empreguei unha listaxe persoal que preparei como exemplo e na que tratei de incluír todas as necesidades básicas do ser humano así como as súas diferenzas. Fíxeno inspirada no plantexamento que Ecoloxistas en Acción empregou para o material didáctico que desenvolveron no último ano baixo o nome de “Nova Cultura da Terra”.
Os sete puntos que me escollín para crear un futuro optimista ao estilo solarpunk son os seguintes:
- Consumo de enerxía eficiente segundo as necesidades básicas da poboación
- Protección da auga: subterránea, ríos, océanos, dereito a auga
- Un deseño territorial que acompaña os límites ecosistémicos
- Dereitos básicos asegurados a través dunha distribución igualitaria dos recursos (limitados) do planeta
- Diversidade como fortalecemento (social e de especies)
- Espiritualidade enfocada nunha relación de equilibrio co resto da natureza
- Educación emocional e comunicativa como pila dunha política de convivencia respectuosa
Ao afondar neste punto cada persoa sairá con solucións diferentes que se poden compatibilizar. Como vos adiantara, a continuación está a listaxe de propostas que se fixeron durante o taller. Veredes como os últimos dous puntos da miña listaxe son os que reciben máis atención. Irónicamente, na era do avance tecnolóxico o último que semella que precisamos é máis tecnoloxía. Pola contra, a maior parte dos retos que enfrontamos gravitan ao redor do vínculo humano coa natureza e consigo mesmo.

Espero que non vos deteñades só na lectura destas ideas senón que as tratedes de colocar en cada un dos puntos e incluso engadades as vosas propias. Incido novamente en que o podedes facer mellor en compaña, durante unha clase ou cos socios do voso colectivo favorito. Canto maís falemos das posibilidades que ofrece o futuro e nos deixemos de fatalismos, máis preto estaremos de poder dar ese cambio que desexamos, precisamo, e sobre todo, podemos levar a cabo.
- Creación diversa e local de roupa ou música, por poñer un exemplo de produto artístico. Dar valor ao arte como propósito.
- Prestarlle máis atención ás persoas maiores (avós e avoas) como ás novas xeracións.
- Reducir o ruído ambiental que acompaña a todo tipo de celebracións e actividades.
- Cambiar a visión sobre os coidados, velos máis como unha oportunidade e algo do que aprender. Non só na familia ou lugares específicos, estender os coidados a todos os ámbitos da vida en sociedade.
- Fomentar o pensamento crítico da xente, reflexión sobre o que se nos está a ofrecer ou o que facemos no día a día (protección de datos nas redes, por exemplo).
- Cuestionar a necesidade da dixitalización e determinar que casos son máis ben unha Imposición.
- Educación na reutilización e en compartir dende nenos(compartir/herdar/prestar libros, roupa, xoguetes…)
- Maior comunicación entre persoas e comunidades proporcionándolle máis espazo ao desenvolvemento da intelixencia emocional e os valores compartidos e claros. Relacionarse sens transaccións económicas. Abordar con máis preocupación o tema dos nenos con móbiles dende bebés.
- Transmisión de vivencias da xente maior. Familia, veciños e vínculos en xeral. Fomentar a tradición oral como ferramenta para crear e fortalecer relacións.
- Cuestionar a esixencia de tomar partido en polos opostos e fomentar a conciliación entre distintos puntos de vista.
- Afastarse do positivismo por ser unha imposición e superficial. Permitir sentir diferentes emocións segundo as circunstancias.
- Educar de xeito ameno para xerar maior motivación e así alimentar os talentos dos alumnos. Reducir o número de contidos. Dar liberdade aos profesores fora das notas.
- Fomentar talentos individuais e diversos.
- Incluín no currículum universitario materias que che ensinen a defenderte no mundo e a xestionar a vida.
- Importancia da persoa por riba da profesión. Dar importancia ao que cada quen quere ser ou como enfocar a vida e eliminar a xerarquía social segundo o tipo de traballo que se fai.
- Menos individualismo, dar importancia ao que afecta á xente do entorno incluso se non os coñeces ou non compartes as mesmas problemáticas.
Moitas grazas se chegache aquí. Espero terche removido un pouco o miolo ou polo menos xerarche un pouco de esperanza.

Deixa una resposta a agremon Cancelar a resposta