A poesía é unha acción política aínda cando non o é

Pintura en acuarela de dúas mulleres do século XIX aproximadamente sentadas cada unha a un lado da mesa e falando unha coa outra

O discurso que se sostén, as palabras que decidimos imprimir, publicar ou postear, son sempre unha ferramenta política.

Cando escoito a xente falar, sexa unha clase maxistral, a presentación dun libro ou un debate, non podo evitar analizar cada unha das súas palabras. Aínda que ás veces si que pretendo escrutar o discurso de quen xera opinión, con frecuencia o único que desexo é aproveitar os detalles xa que o meu tipo de pensamento se estrutura do máis específico ao máis xeral e doutro xeito non sei razoar, nin aprender. Pois iso, fágoo coa intención de sacar a maior cantidade de zume mental daquilo que teñen que dicir, deprender da súa experiencia e atopar novos camiños de reflexión que se me poidan abrir.

Durante unha conversa sobre poesía que escoitei o outro día falouse de escoller as linguas minoritarias por motivos políticos, de que escribir nunha lingua cun maior número de falantes non proporciona un mellor mercado, se cadra un maior mercado si, porén cunha maior competencia tamén. A dificultade sería similar.

Tamén se falou desta arte como medio de expresión, unha persoa definiu o feito de escribir poesía como unha acción política. Explicou que a poesía é un ámbito artístico da periferia porque a narrativa absorbe a maior parte da palabra escrita deixando pouco espazo para outros xéneros literarios. Outra idea coa que fundamentou a súa premisa foi a de dedicar tempo á procura de beleza na dicción. Nun mundo que tende cara ao o utilitarismo e a acumulación financeira, a contemplación da fermosura semella unha perda de cartos e tempo.

Segundo continuou a conversa comentouse a existencia de diferentes circuítos para distintos tipos de poesía que poden coexistir sen converterse nunha competición. Tamén se definiron eses tipos de poesía como poesía con moitas e poucas capas, todas válidas no camiño de exploración dun lector.

Dende ese día ficou na miña testa a idea de poesía como acción política. Non sabía moi ben que andaba eu a procurar, pero quedara coa sensación de que non se tirara dalgún fío, de que o tema daba para afondar. Comecei a cavilar sobre o asunto, a analizar cada unha das ideas que absorbera aquela tardiña e busqueille as reviravoltas. Pensei moito e contrapuxen o sabido co descuberto. Tirei do fío. A acción política non implica un resultado. A acción política non determina unha maneira de pensar. Acción política, sen máis.

Non é o mesmo crear un produto cultural que facer da cultura un produto.

Neste mundo de neoliberalismo extremo preocúpame moito a capitalización da cultura. Existe a necesidade de fabricar un libro para que a poesía lle chegue á xente, iso é cuestión práctica. Os corpos poetas ademais de albergar a alma tamén comen, e iso custa cartos. Algúns ata procuramos atención polo instintivo desexo de recoñecemento das nosas obras.

Porén a capitalización da cultura vai máis alá da creación dun obxecto físico ou dixital co que difundir a obra cultura. O proceso no que todo calquera produto se debe ser fabricado coa intencionalidade de ser vendido é unha estreita e escura cárcere para as ideas.

Estabamos a falar da acción política da poesía, sigamos

A poesía está a ser certamente empregada como unha ferramenta política mais se observamos detidamente veremos como non sempre se fai encontra do sistema hexemónico, o capitalismo.

Comprendo que non todo o mundo se posicione. Resulta esgotador e, sostido no tempo, a saúde pode deteriorarse. Por iso respecto a forma de moverse polo mundo de calquera que non cause un xenocidio ou oprima os dereitos humanos doutras persoas. Non obstante non creo que a cultura que se crea co fin de responder a unha esixencia capitalista sexa un circuíto máis. Penso que se trata dunha forma sibilina de dinamitar a sociedade para que, aos poucos, os lazos humanos e a comunicación honesta se esvaezan sen nos decatar.

A arte e a cultura debe xurdir do fondo do peito, sen unha utilizade clara máis que a de expresar o que un sente e pensa. A posteriori pódese facer dela un produto cultural coa intención de distribuílo, por suposto. O ideal sería entregarllo ao mundo sen outra expectativa que a de achegar algo de valor, pero ata que se xeneralice a renta universal básica coido que está a cousa complicada. E no que a política se refire, non podemos esquecer que “facer as cousas mal” tamén é unha acción política. A poesía que se crea soamente para a venta non é unha cultura inofensiva, é unha cultura que pretende moldear as nosas mentes para adaptarnos precisamente ao sistema socioeconómico ao que responde.

Con isto non pretendo xulgar os traballos que lle dan de comer aos poetas, escritores, pintores, ilustradores, músicos, compositores, aos artistas en xeral. Eses traballos permítennos subsistir e xeralmente convértense nun mal menor comparado con dobregarse ás esixencias do sistema. Porén penso que, non importa se non sempre podemos levarlle a contraria ao status quo se polo menos non perdemos a esperanza de que algún día se cambiará.

Resistimos cando non adaptamos o relato para escusar unha forma de xestionar a sociedade que, a todas luces, non é xusta. Podemos insistir en que non temos a posibilidade de facelo doutro xeito para facer patente a nosa frustración e liberar os corazóns dos que nos escoitan da culpa coa que este sistema non fumiga a diario. Ser conscientes de que as cousas poderían cambiar e engadir ese desexo nos nosos discursos alivian a sensación de impotencia que a miúdo nos inmobiliza.

A acción política coñécena ben as esquerdas, pero tamén as dereitas. Estes últimos lévanse aproveitando moitos anos de considerar o seu proceder como a base da normalidade, como a imaxe da despolitización. Absorben a atención daqueles cansos da política mentres que continúan coa súa disfrazada acción política: a de destruír da motivación ou esperanza que poida facer deste mundo un lugar máis xusto e seguro para todos os seres vivos.

A acción política non sempre constrúe, con frecuencia ten a finalidade contraria. Desexa consumir todo o que atopa ao seu paso e controlar o que a rodea. A poesía posúe un gran potencial político, mais como calquera arma, o resultado depende moito de quen a sosteña.

Reaccións do Fediverso

Comentarios

Unha resposta a “A poesía é unha acción política aínda cando non o é”

  1. Avatar de Teresa Díaz Iglesias
    Teresa Díaz Iglesias

    👍👍👍

Deixa una resposta a Teresa Díaz Iglesias Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *