Este fin de semana baixei á vila para ir a unha manifestación en apoio a Palestina. Eramos os mesmos de sempre pero tivo un bo efecto xa que, como estamos na costa e o verán se inaugurou, as rúas comezan a encherse con turistas, quen non tiveron outra que escoitar as nosas consignas.
Non todo o mundo pode ir ás manifestacións ou mesmo non o considera como un método útil para levar a cabo o cambio social desexado. Por iso hoxe propoño outro método de presionar aos grandes poderes sen necesidade sequera de saír da casa: a tecnodiversidade.
Moitos dos turistas que nos tiveron que “soportar” amontoábanse en fileiras na porta de varias panaderías coñecidas pola súa habilidade artesanal, unha imaxe que se repite tódolos anos e nalgunhas cidades, incluso todos os fines de semana. Cando mercamos pan, resúltanos de maior valor se coñecemos á persoa que o amasou e o coceu. Ver as mans que tocaron o noso alimento, danos confianza. No mundo tecnolóxico, aínda que a miúdo semella alleo á vida cotiá, tamén se pode facer o mesmo. De feito, xa existe, é unha realidade que xurde en recunchos concienciados pero que podería ser levado ao mainstream.
A variedade no cultivo de artes e artesanías sempre foi para unha comunidade a mellor forma de acadar unha maior fortaleza pois ante un aumento das posibilidades tamén se dá un aumento das solucións. Na actualidade non cabe dúbida de que a biodiversidade é o principal indicador de saúde, tanto territorial como ecolóxica como cultural. Daquela, é sensato pensar que un modelo similar pode fortalecer a tecnoloxía, entendéndoa como un sistema plural cunha entidade única na súa relación co resto do ecosistema planetario.
Co fin de explicar o concepto de tecnodiversidade, Yuk Hui, filósofo e enxeñeiro informático chino, fala dunha ecoloxía das máquinas que permita unha coexistencia respectuosa entre natureza e tecnoloxía. Trátase de buscar o xeito de integrar os avances tecnolóxicos dentro da lóxica da natureza para que esta non se vexa prexudicada cada vez que ao ser humano se lle ocorre unha innovación. Consiste en aplicar coñecementos éticos e biolóxicos ao aproveitamento de recursos naturais, precisamente para debuxar a liña que limita ese aproveitamento e unha devastadora explotación que nos está deixando sen eles.
O método pasa por aumentar a variedade de tecnoloxía pero tamén a variedade de provedores e fontes de servizos dixitais. Do mesmo xeito que para a mellora da biodiversidade defenderíamos a produción de alimento local e a pequena escala, coa tecnoloxía debemos facer o mesmo. Esta práctica non só diversifica o poder que adquiren as empresas responsables senón que incrementa o número de perspectivas e fomenta que ideas realmente revolucionarias teñan cabida. Nun contexto homoxeneizado e monopolizado non é posible posto que os filtros impostos polos estamentos máis altos da xerarquización son estreitos o cal constrinxe a creatividade das innovacións. Pode soar irónico cando vivimos nun mundo acelerado que impulsa a produción de innovacións a calquera custo material, humano ou animal (sempre ao menor custo económico, por suposto). Porén falamos dun aceleramento mal dirixido que premia unicamente a rapidez e non presta atención aos resultados das súas innovacións, as cales pecan con frecuencia de non responder a necesidade ningunha e, en efecto, de ser prexudiciais para a maioría dos seres vivos.
A filosofía da tecnodiversidade busca xerar unha nova cultura da innovación onde haxa espazo para que a vida, humana e non-humana, se poida desenvolver en saúde mentres que a tecnoloxía sexa máis un acompañante que un mecanismo de dominación. A última iniciativa que descubrín e que comparte esta visión, aínda que non o expresen deste xeito, é a asturiana Nuberu Dixital , unha cooperativa sen ánimo de lucro que ofrece servizos dixitais baseados en código aberto. Non se pode falar de tecnodiversidade, sen mencionar o Fediverso e a infinidade de instancias que nel se conectan. Tamén podemos falar de proxectos de índole máis física, como poden ser as tendas de reparación de electrónica que aínda resisten e apoian aos consumidores desencantados co sistema, ou as comunidades enerxéticas que aparecen, cada vez con maior frecuencia, grazas ao acompañamento de cooperativas como Nosa Enerxía.
Evidentemente, fica unha opción máis: cocer o pan na casa. Quen non goza dun domingo de inverno xogando coa masa, deixando que as crianzas colaboren no proceso e desfrutando dos froitos dun esforzo colectivo? Por que non coller ese vello teléfono móbil e cambiarlle a pantalla? Por que non darlle unha man de pintura a ese moble vello? Nós tamén podemos ser axentes da tecnodiversidade ao tempo que transmitimos unha nova cultura ás xeracións que nos substituirán.
Deixa unha resposta