As siglas da ESO cambiaron de sentido, agora significan Educación de Soldadiños Obedientes

Unha recua de rapaces con carteiras, á dereita da imaxe vense varias sinais de prohibición

Fai uns quince anos que rematei o instituto e as cousas cambiaron moito, o que non sei é se fun eu a que observa o mundo doutro xeito ou é o ensino o que mudou. Non me refiro aos modelos de educación senón ás sutilezas que os acompañan. Antes eu cría que o estudo era unha forma de obter novo coñecemento para medrar como persoas independentes. Agora vexo que o que ocorre nas aulas é con alta frecuencia un adestramento de soldados para o capital.

Era 2009 -a crise acababa de abrirnos os ollos a moitos e xa pouco importaba se tiñas estudos ou non, a busca laboral complicábaselle ata ao máis formado- e no ambiente xeral percibíase un medo compartido por pais e educadores que, penso, transformou a maneira na que aprendemos hoxe en día nenos, adolescentes e adultos. Un sentimento construído e deseñado por un capital con necesidade de profesionais que sucumban ás necesidades da elite coa esperanza de cubrir as súas propias.

As institucións educativas públicas e privadas deixan de lado o coñecemento e priorizan a súa actividade cara o mundo laboral preséntandose como campamentos de obreiros obedientes.

Esta conclusión a que cheguei comezou como un xerme desasosegado que foi medrando e finalmente madurou ao eu coñecer as experiencias reais vividas polos adolescentes no seus centros de ensino. Para ilustrar a miña crítica vou a compartir varios exemplos de actividades programadas dende o goberno e demandadas polo profesorado como parte das súas obrigacións.

  1. Na clase de inglés asignóuselles un proxecto no que se xestiona o financiamento dunha viaxe a Londres.
  2. Na materia de valores cívicos pedíuselles que dado un salario mensual pensaran o reparto económico necesario para sustentar a unha familia.
  3. En educación física organizaron un campionato de fútbol no que os “presidentes” (xefes de equipo) teñen 16 millóns de euros para vender e mercar xogadores co fin de construír o equipo vitorioso.

Non lle levarei a contraria a aqueles que insistan en que os rapaces precisan aprender matemáticas. Tampouco aos que incidan na importancia de darlle o valor adecuado ás labores do fogar que sustentan a vida. E por suposto que non negarei a necesidade de desenvolver habilidades de xestión e organización para o bo funcionamento do día a día. A miña crítica non vai por aí. O que realmente me preocupa ten máis que ver coa corrupción da infancia e adolescencia.

Certos partidos políticos e algúns proxenitores consideran que non lles debemos falar á mocidade nin de sexualidade nin de morte ata que sexan adultos, pois cren que facelo antes de que se vexan expostos polo discorrer natural da vida é practicamente forzalos a caer en vicios perigosos. Mais semella que ninguén ten problema en afundirlles os miolos en avaricia e envexa xa que lles falamos de diñeiro e da súa suposta importancia a cada minuto.

Non estamos daquela empurrándoos a crear unha vida na que a ansia de acumular non os deixe desfrutar das virtudes da colaboración?

Non os estamos a privar de desenvolver unha xenerosidade e compaixón que, tal como demostra a antropoloxía, foron o xerme da nosa civilización?

Ao fin e ao cabo a sexualidade e a morte é algo que sempre estivo aí como parte da existencia humana, mentres que o diñeiro é unha invención utilitaria cuns poucos miles de anos.

O programa educativo está deseñado co fin de crear empregados útiles para a cadea produtiva e consumidores ansiosos que a fagan xirar. O que este programa non ten en conta é que o sistema sobre o que está apoiado estase quebrando a pasos axigantados. Pronto non será máis que un pozo onde afogarán os soños e esperanzas inxectados na mocidade dende a educación.

O mellor exemplo é a recente introdución da materia de intelixencia artificial. Falamos dunha rama das ciencias tecnolóxicas que aínda está en desenvolvemento. Non se coñece ben como pode servir ao ser humano e tampouco se sabe a viabilidade da mesma a logo prazo xa que ten un alto custo enerxético o cal incrementa a desfavorable situación climática na que nos atopamos. E aínda así, sen nen sequera entender como funciona un ordenador, un sistema operativo ou mesmo un simple campo electromagnético, os mozos de 4ESO están a cursar esta materia.

Daquela a pregunta xurde: que se está a facer nesa hora lectiva? Estase a emitir publicidade masiva nas mentes de futuros consumidores. Faise, ademais, no momento perfecto posto que aínda non teñen a madurez suficiente como para comprender que se trata dunha burbulla do mercado como tantas outras que houbo e explotaron.

O Estado semella contentar ao capital a toda costa por iso aquelas persoas que dedicamos tempo ao ensino e crianza non nos podemos deixar levar polo efectismo capitalista. Debemos centrarnos en educar no coñecemento universal en verdadeira liberdade e aproveitar o que si podemos controlar: os xogos e os supostos cos que educamos á mocidade.

Comentarios

Unha resposta a “As siglas da ESO cambiaron de sentido, agora significan Educación de Soldadiños Obedientes”

  1. Avatar de Teresa Díaz Iglesias
    Teresa Díaz Iglesias

    Mui ben explicado pero eu pregúntome un mestre que foi educado no consumismo e do mismo xeito que se está a facer pode formar aos alumnos doutra for
    ma?
    Primeiro terá que ter unha visión do que está a pasar e logo proporcionar aos alumnos as ferramentas para que se formen de maneira que podan decidir por eles .Esa é a mellor enseñanza penso.
    A maior parte dos nenos de hoxe están sobreprotexidos ,non hai máis que medo a que se traumaticen se se lles fala da morte e de outras cousas que son totalmente naturales emcambio educámolos na IA sen saber ainda os adultos en que vai dar tal cousa.
    Este comentario ou parecido puxeno noutro sitio pero non sei se foi no sitio correcto.
    Tampouco entendo que quere decir o avión (impulso,penso)a estrela para calificar os escritos.
    No Facebook conozos ben🤣 pero esto é novo para min.
    Un saludo 🫂

    B

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *