Como se ve na foto, as celebracións poden parar e pasar. O concello aí seguirá, xunto co símbolo da Torre dos Moreno ou o vello escudo da Aduana. Xunto con Ribadeo.
Din que as apariencias enganan. Non obstante, as apariencias son os datos que temos das cousas en primeira instancia; é dicir, ata certo punto, todo son apariencias.
O concello de Ribadeo ten na súa web a nota de prensa de onte sobre o sistema comunitario de xestión e auditoría medio ambientales EMAS: foille revalidado o certificado. Teño a idea de que os certificados correspondentes danse respectando uns certos criterios, pero non implican máis aló de que o camiño é correcto, aínda que queden libres unha serie de flecos por rematar.
Así, calquera que pasee por Ribadeo verá cousas que non cadran co ‘certificado’. Hoxe mesmo, na prensa, a carón da nova do EMAS (as siglas do sistema comunitario de xestión e auditoría medio ambientales) aparecen as queixas por levar un solar da Avda. de Galicia (o primeiro libre segundo se sae do centro) moito tempo (coido que cousa de dous anos, por aí andará algunha foto no blog) con escombro e mal pechado. De igual xeito, non corresponde co maltrato contínuo do parque, por poñer dous exemplos.
Din que Xesús dixo algo así como que ‘quen sexa perfecto, que lance a primeira pedra’, nun caso de lapidación. Non houbo ninguén que se considerara perfecto e o acusado (a acusada) saiu dalí despois das verbas de Xesús ”eles marcharon, e eu non te acuso’. Sen quedar claro se Xesús consideraba ou non o feito como falta, sinxelamente reconviña o tema para que despois do susto ante a lapidación, a vida continuara do mellor xeito posible. Coido que en Ribadeo, a pesares do anuncio e a satisfacción pola non lapidación que suporía a perda do certificado (ó fin, un papel) queda moito que facer, e non dubido que o concello andará detrás de que as cousas vaian ben. Pero así como a biblia céntrase na postura de Xesús, e non sabemos que foi despois da muller, aquí si que saberemos no futuro como continúa a historia, polo que convén á institución receptora do papeliño, o concello, seguir encarando as cousas o mellor posible. Por ben de todos.