Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A emigración, a debate


Non é novidade que voltamos ser un país de emigrantes. As novas da marcha van aparecendo máis que nos xornais, nas revistas. Mais boto en falta que se debata algo máis sobre elo. É dicir, chócame que quizáis se debatera máis sobre o significado da emigración en épocas de bonanza, de retorno, cando a emigración diminuíra, que agora, en franco avance.

E é que a pesares de que o móbil de non ter futuro é compartido antes e agora, as características son diferentes, e o impacto, tamén. Non se trata só da formación que se nos vai de entre as mans, fronte á non cualificación maioritaria anterior, e polo tanto a unha perda do que agora se chama con eufemismos tipo ‘inversión en capital humano’ incomparablemente maior. En troques, quizáis (e dígoo como posibilidade, porque está a falta dun estudo ou alomenos dunha discusión), a emigración sexa menos traumática para quen emigra ó controlar máis o medio de chegada ou poder comunicarse mellor coa súa orixe. Ou tamén, a importancia do retorno económico para a terra de emigración sexa abondo menor que antano, pois as remesas enviadas sexan tamén relativamente abondo menores ou ata inexistentes, ó ter a xeración anterior, mellor ou peor, solucionado o seu sustento. É dicir, dentro dunha traxedia como a emigración, a actual pode representar uns efectos suavizados para as persoas, pero agravados para a sociedade.

Claro que quizáis non se fai o debate correspondente porque quen podería poñer remedio estáse beneficiando dos efectos, e quen sae perxudicado ten abondo en que pensar…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *