Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Historia e coñecemento de Ribadeo


A cousa ven a conta de que coa implantación da LOMCE, nos centros hai algunhas horas dispoñibles para materias que ‘cree’ o centro. Virían ben programación, ou animación á lectura, pero cando me enterei do tema, pasóuseme pola cabeza “Historia e coñecemento de Ribadeo”… quizais sexa por iso que anda nas redes sociais, enfocado de xeito ben diferente, de “non es de Ribadeo se…”

Sexa ou non conveniente unha asignatura con esa temática con preferencia a outras posibles, tanto a historia da vila e o campo como o propio manexo do que é na actualidade a vila e o concello en conxunto son cousas que se van pasando por vía oral e en boa parte, permanecen ignoradas para moita xente. Máis aló da obra de Paco Lanza, ou das varias edicións de O Tesón sobre Ribadeo, ou dos libros publicados polos IES, ou de autores como José Mª Rodríguez ou Chemi Lombardero ou Emilio Piñeiroa, en xeral ben recibidos pero con pouca difusión, non viría mal un esforzo por xuntar a historia xeral do pobo á formación da xuventude, facendo de paso posible que descubran lugares e vericuetos da poboación e do campo. Coido que nese sentido, no dun verniz, ían os mínimos cadernos ‘A Vila’ e ‘O Campo’ editados polo concello en tempos do alcalde Lalo Gutiérrez, e que tiven colgados logo tempo (o mesmo que outras obras que entrarían nos conxuntos citados antes) en ‘Publicado en Ribadeo’, hoxe desaparecido temporalmente.

Quizais nos nosos tempos, dende a oficina de turismo se podería impulsar o ‘turismo interno’, ampliando á poboación en xeral a formación de guías que ten feito a nivel reducido, tanto da vila como do litoral, ou, quizais, organizando circuítos para ribadenses. Tanto as AVV “O Tesón” (ó Castro das Grobas, por exemplo) como despois máis veces “A Atalaya” teñen organizado rutas de descubrimento puntuais, así como outros colectivos ou entidades, como o paseo polas construcións do Ribadeo Indiano cando as xornadas sobre a Torre dos Moreno. Pero nunca dun xeito sistemático.

Hai tempo, con outro tipo de transmisión de coñecementos no pobo, e menos mobilidade de habitantes, a transmisión deste tipo de coñecementos facíase de xeito natural, como un xogo, falando, ou de paseo. Hoxe, non. E polo tanto, estase a perder, e, como ven sucedendo na historia, terase que redescubrir. Cando? Xa se verá, se non se soluciona que non se perda esa renovación do coñecemento das novas xeracións.

E, en período preelectoral, non viría máis lembrar que quen esquece a historia está condenado a repetila. Así pois, como anda a historia e coñecemento de Ribadeo nas listas (e nos métodos) electorais?

Nota posterior: Por necesidade, estase a cambiar o lugar de ‘publicado en Ribadeo’, onde ía colocando diversos documentos, tamén da historia de Ribadeo. Irase poñendo nota do material e o novo lugar de publicación en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/publicado%20en%20Ribadeo


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *