PINTURAS MURAIS DA PONTE DE ARANTE (II)
A matanza dos Inocentes e a Fuxida a Exipto
No meu interese de dar a coñecer o Santuario de Nsa. Sra. das Virtudes de A Ponte de Arante -así poderemos valoralo e o mesmo tempo cuidalo- hoxe vou comentar as pintutas do prebisterio, as máis antigas xunto coas pinturas do arco triunfal (estas para outro artigo).
Ata o ano 1970 os muros estiveron cubertos dunha capa de cal; nesta data D. José Ferreiro González, Párroco de Arante, E.P.D (faleceu o 2 de xullo de 2019) viu como caía un anaco de cal e para a súa sorpresa aparecían unhas pinturas. Púxoo en coñecemento de xente entendida e estudosos na materia, como D. José Mª Fernández Fernández, D. Santos San Cristóbal… acudindo “in situ“ dende a Universidade de Santiago o catedrático de Arte, D. José Mª García Iglesias.
No ano 2000 recibiuse da Consellería de Cultura unha subvención para a súa restauración, o resultado é o que na actualidade temos ante nós.
Para estudar as pinturas debemos clasificalas en catro tipos: as situadas no presbiterio, as do arco triunfal e as dúas situadas na nave da capela.
Na ábsida da capela no muro sur localízanse varias esceas marianas, catro pasaxes do evanxeo de S. Mateo, referidos á infancia de Cristo: A Natividade (?), A Adoración dos Magos (?), A Matanza dos Inocentes e a Fuxida a Exipto, e no centro, baixo a ventá, unha inscripción documental, en caracteres góticos, que aludiría á data, ao lugar e posiblemente ao promotor de ditas pinturas, aínda que hoxe tal inscripción atópase prácticamente destruída.
O Nacemento de Xesús e A Adoración dos Magos non se puideron restaurar, só podemos ler a palabra Magos.
Matanza dos Inocentes
Fuxida a Exipto
Sobre a data destas pinturas temos distintas opinións: Alicia Suárez Ferrín e Santos Sancristóbal sitúannas a finais do século XIV (gótico) e J. Mª García Iglesias e Rosa Cacheda no primeiro tercio do XVI (gótico tardío).
Na catedral de Mondoñedo aparece tamén a Matanza dos Inocentes (finais XV), dun artista local, da Escola de Mondoñedo, moitos chámano o Mestre de Mondoñedo. Será o mesmo autor que o das pinturas da Ponte? O cura de Piñeira, nun artigo publicado na Comarca (13-1-2001), afirmaba:
Mestre descoñecido :” O mestre de Arante non foi identificado. Hai quen o quere poñer en estreita relación coas pinturas de Mondoñedo. A súa vida sería, ben sei, a de tantos Mestres que coas súas cuadrillas percorrían a nosa xeografía iluminando muros de capelas e mosteiros. A súa arte englóbase no chamado gótico lineal pola importancia concedida ao debuxo, cores planas e o naturalismo inxenuo das súas figuras”.
Desta época son tamén as pinturas murais da capela de Sta. Filomena do Cadramóa (Valadouro).