O meu voto vale máis có teu. Nada novo
Hai moito tempo que a democracia estableceu ‘un home, un voto’. Esa afirmación pecaba de defectos (e en menor grao, segue pecando), pois en principio non incluía a tódolos homes, senón só ós propietarios, e tampouco incluía ás mulleres, e ó final nos sistemas, actuais ou pasados, non ten o mesmo peso o que diga e faga alguén coma min que outra persoa que ten un patrimonio moitos millóns de veces maior co meu. As mulleres aínda hoxe en día ‘levan retardo’ en dereitos diversos e en diferentes países; mesmo non son novidade os retrocesos nos seus dereitos, e non só en Afganistán, senón tamén en países ‘occidentais’. En España, hai non tanto as mulleres tiñan que pedir permiso ós maridos para moitas cousas (aínda que na alta sociedade había sistemas para cortocircuitar ao menos algún deses permisos). Mentres, os ‘propietarios’ levan tempo querendo volver á casiña de saída. É dicir, a ser eles os que teñen o voto e non ter necesidade de contar coa vontade dos desposuídos. Isto, nun sentido amplo, porque mentres calquera propietario pode interpretar que as súas propiedades lle outorgan dereitos, canto máis se sube na escala de propiedades, máis dereitos se interpreta ter, mesmo negando ós de abaixo (e non só ós desposuídos, senón a xente con posesións máis modestas que as deles) o dereito a calquera voto ou expresión de opinión.
Ese ‘facer calar ós de abaixo’ tense manifestado de moitos xeitos. Dende a presión económica e laboral para que na expresión de opinións (e de voto) as manifestacións tenderan a facer coincidir os de abaixo cos de arriba, á articulación legal de prohibir as manifestacións para facer presión que puideran expresar os de abaixo mentres son toleradas as presións ó alcance dos de arriba. Así, véxase que a lei mordaza ata curto a disensión pacífica mentres permite alternar (non di nada sobre o tema, non hai mordaza) ós de arriba e manifestarse libremente cara a cara cos políticos mesmo en sede institucional. E, dun tempo a esta parte, coa acumulación de riqueza desatada por algúns mecanismos económicos en torno ás ‘novas tecnoloxías’, tamén hai manifestacións para negar o voto a diferentes categorías de xente e para influír nela (en nós), para destruír a confianza en xente do pobo e facer que apareza como salvadora xente moi, moi rica. Si, sempre houbo diso. Pero estamos en tempos nos que se volve a recruar esa visión, apoiada precisamente polas mesmas novas tecnoloxías que levan multiplicado a riqueza dun puñado de persoas a nivel mundial. Si, da mesma xente que está planeando ir vivir a Marte mentres están na primeira liña para contribuír a desfacer o mundo no que vivimos (e non só de xeito ecolóxico, senón tamén por exemplo, no que ó social se refire).
Non, non digo nada novo. Mesmo de tanto telo repetido e escoitado podería pensarse que non é necesario volver dicilo. Mais unha ollada ó noso arredor desminte a falta de necesidade de lembrar algo tan evidente como a desigualdade e a súa tendencia a aumentar no sistema actual. Por iso é necesario, para tentar contrarrestar esa indefensión dos de abaixo e esa dependencia cara arriba que anula votos e vontades. Para seguir tendo consciencia e actuando en consecuencia.
