Nota de prensa amarinha.gal
Soberanía Dixital/Soberanía Tecnolóxica
== Sobre a Xornada de reparación ==
O pasado sábado 17 de outubro tivo lugar na Biblioteca Maravilhas (Arroxo, Vilanova de Lourenzá) o evento XIII do ciclo Soberanía Dixital, unha Xornada de reparación, ó estilo “Repair Café”, concebido como Espazo de reparación colectiva. O grupo amarinha.gal organizou esta actividade co apoio de ESF e a Biblioteca Maravilhas, coa participación no evento dun grupo de 12 persoas no que se axudou a amañar e volver a poñer en marcha diferentes aparellos, facendo que funcionaran dunha bicicleta eléctrica a un reloxio, pasando polo amaño dun proxector, a posta a punto dun teléfono móbil ou a renovación de pezas de roupa. Neste caso, a porcentaxe de reparacións foi inferior ó obtido na xornada de reparación mantida a finais de curso no CIFP de Ribadeo, se ben houbo éxito en máis da metade sobre o total de casos. Como noutras ocasións, acudiron ó evento a máis de xente con obxectos para meterlle man, outras persoas que foron aportar o seu gran de area en coñecementos ou métodos para axudar nas reparacións.
A organización e en xeral os participantes compartimos, a máis do traballo, a charla e mesmo o café levado por Lucía, prolongando así a xornada prevista. Asemade, tivo lugar o reparto dun fanzine realizado por membros de amarinha.gal sobre o dereito á reparación e o seu significado. Fanzine que está dispoñible no enderezo https://blogs.amarinha.gal/
O evento tivo lugar no ‘día das reparacións’, repair day, xoranda establecida a nivel internacional. Lémbrase que se trata de incidir na práctica do dereito a reparar como compoñente dunha sociedade mellor, menos despilfarradora de recursos e máis amiga do medio ambiente e a Terra, actuando asemade para axudar a reverter o cambio climático. Todo isto no mellor ambiente e creando unha rede de solidariedade.
amarinha.gal ten previsto a continuación de actividades abertas de soberanía dixital proximamente, se ben aínda non están concretadas datas para a súa realización.



