Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.595 entradas
48 seguidoras

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Fundindo o xeo. Que mareo!


Fundindo o xeo. Que mareo!

Que calor! 2026: un ano que aínda non rematou pero leva todas as cartas para bater unha nova marca no quecemento global dende que hai rexistros. Un quecemento global que non só segue empurrando o termómetro, senón que o fai cada vez con máis claridade: máis continuidade batendo marcas o termómetro e aceleramento nas temperaturas medias. E claro, as súas consecuencias. Non hai que esquecer que máis temperatura significa que hai máis enerxía dispoñible no ambiente para que os ventos podan ser máis rápidos, as tormentas podan converterse en furacáns, que os océanos se quenten máis, que o xeo se derreta, ou que os cambios de temperie sexan máis bruscos e extremos ó largo do planeta.

E aí, chega unha nova noticia: só Groenlandia (moito máis pequena que a Antártida, pero a segunda acumulación mundial de xeo despois dela), entre 1985 e 2022 leva perdido 1034 000 millóns de toneladas métricas de xeo. Máis do estimado en principio. Segue a ser unha estimación anual, unha media, pois o xeo varía de verán a inverno, claro. Pero non por iso deixa de ser unha desas cantidades que fai falta tratar de xeitos diferentes para comprender o que significa. Diso van estas verbas. [Unha nota: se te mareas, le só a última parte de cada parágrafo, ten menos números e tenta condensar a idea do parágrafo en conxunto]

Redondeando, esa cantidade, ese billón de toneladas métricas ven ser un cubo de 10 km de lado, isto é, 10 km de longo por 10 km de largo por 10 km de altura cheo de xeo. Ou sexa, equivalente a cubrir de xeo todo o concello de Ribadeo ata unha altura de 10 km. Ou cubrir Galicia enteira cunha capa duns 40 m de xeo.

Pode que non se considere tanto, para unha illa tan grande coma Groenlandia, dunha extensión dunhas 4 veces España. Ó fin, son 37 anos. Iso lévanos a unha perda de algo menos de 30 mil millóns de toneladas anuais, 30 billóns de litros. Se a traída de auga a Ribadeo anda por un consumo diario de 1 000 000 de litros segundo a SINAC, a perda de xeo groenlandés nun ano daría para o consumo ribadense de 30 millóns de días. Isto é, a perda de xeo anual en Groenlandia daría para fornecer de auga a Ribadeo uns 80 000 anos. E o xeo que leva perdido Groenlandia dende o 1985, para o consumo de auga ribadense de varios millóns de anos.

Visto doutro xeito, en todo o termo do concello de Ribadeo, anualmente por termo medio, caen uns 90 000 000 000 L de chuvia. É dicir, a chuvia que caen en todo o concello de Ribadeo é un fluxo equivalente a unhas 3 milésimas da cantidade de xeo que se escorre de Groenlandia na mesma cantidade de tempo.

Outro máis: eses 30 mil millóns de toneladas anuais veñen sendo 80 millóns de toneladas diarias, ou mil toneladas por segundo. Mil toneladas de auga por segundo que adelgaza o manto xeado de Groenlandia, unhas 50 veces o caudal medio do río Eo…

Unha comparación máis: cunha extensión oceánica duns 360 millóns de km2, a perda de xeo derretido en Groenlandia dende o 1985 dá por si só, sen contabilizar a dilatación polo aumento de temperatura, para unha elevación do nivel do mar de 3 cm. E a cousa está a acelerarse. Pouco, verdade? Que llo pregunten á xente da Veiga que sofre inundacións periódicas da súa vila…

Mareo de números? Só un mareo pequeno entre os que produce unha das grandes crises da nosa época, a climática.

Fediverse reactions
,

Unha resposta a “Fundindo o xeo. Que mareo!”

  1. Increíble a situación en que estamos metidos, e que ninguén nos decatemos do tremendo perigo que iso representa para a humanidade. Si as terras costeiras se inundan, as emigracions serán masivas e non haberá quen as pare. Moitas grazas polo artigo. Haberá que ir pensando en tomar medidas domésticas ante fenómenos atmosféricos extremos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *